Variedade de uva Tinta Castañal
| Fonte:
CSIC.
"A empresa Viñas e Terras do Pazo vén de conformar un grupo operativo do
que tamén forman parte, entre outros, investigadores do Departamento de
Enxeñaría Agroforestal do Campus Terra da Universidade de Santiago
(USC), para a recuperación da variedade de uva Tinta Castañal
en Galicia, unha variedade minoritaria da comarca do Baixo Miño en
perigo de desaparición, informa a USC.
Viñas e Terras do Pazo, con sede nos concellos pontevedreses de Tomiño e
O Rosal, ten como actividade principal a produción de uva nas súas
plantacións en Goián, concello de Tomiño e en Eiras, concello do Rosal.
No marco da súa actividade, esta empresa lidera un grupo operativo do
que tamén forman parte os investigadores do Departamento de Enxeñaría
Agroforestal da USC na Escola Politécnica Superior do Campus Terra
Javier J. Cancela e Xesús Pablo González, ademais do Centro Tecnolóxico
da Carne (CTC), en calidade de centro de investigación, e Grupo Eco3g
Consultores, como axente de innovación.
O obxectivo principal do grupo operativo posto en marcha e liderado por
Viñas e Terras do Pazo é a recuperación da variedade de uva Tinta
Castañal, mediante un cultivo sustentable, que permita a elaboración dun viño tinto diferenciado e de alta calidade.
VARIEDADE TRADICIONAL DO BAIXO MIÑO
A variedade Tinta Castañal é unha variedade tradicional da comarca do Baixo Miño e única no mundo. Trátase dunha variedade minoritaria
(existen poucas cepas plantadas) que sofre o perigo de chegar á
extinción.
Esta variedade non aparece na lista de variedades comerciais
e portainxertos de vide. Daquela, tampouco está amparada dentro de
ningunha das denominacións de orixe galegas, xa que para que se poida
recoller dentro dunha denominación de orixe é necesario que apareza
inscrita como definitiva, na lista anteriormente mencionada.
A posta en marcha deste grupo operativo específico pretende servir de
acicate para desenvolver un proxecto que posibilite realizar a
caracterización e analizar o rendemento agronómico e o comportamento en
condicións de campo desta variedade minoritaria.
Analizar o rendemento e
a calidade de Vitis Vinifera cv Castañal baixo un sistema de produción
sustentable, proceder á caracterización cualitativa dos compostos e
aromáticos en condicións de campo, e a preparación de viño monovarietal
para a súa venda como produto singular de alto valor engadido, derivado
das particularidades/escaseza/potencial da variedade, constitúen os
propósitos dos promotores deste grupo operativo orientado á recuperación
e posta en valor da variedade de uva Tinta Castañal." (Galicia Confidencial, 30/06/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario