Figuras do Pórtico da Gloria que están en propiedade da familia do ditador Franco
"A polémica sobre os Franco e o patrimonio que posúe en Galicia
continúa. Desta vez, BNG e o goberno municipal de Compostela engaden á
reclamación de recuperar o Pazo de Meirás para o patrimonio público a
devolución, tamén, por parte da familia do ditador das dúas esculturas
do Pórtico da Gloria que mantén no seu poder.
Así, nun acto ante o Museo da Catedral de Santiago no que se expón a
mostra dedicada ao Mestre Mateo e que acolle dúas esculturas do Pórtico
da Gloria de propiedade dos Franco, a portavoz nacional do BNG, Ana
Pontón reclamou a devolución destas figuras de Abraham e Isaac ao
patrimonio galego e considera que é unha “vergoña democrática" que "formen parte da colección particular" dos herdeiros do ditador fascista.
Pontón aludiu ás palabras da vicepresidenta do Goberno central, Soraya
Sáenz de Santamaría, que cualificou de "vergoña democrática" o proceso
de autodeterminación en Catalunya, e afirmou que o que é "unha vergoña
democrática" é "que se permita permitamos que a familia Franco manteña
bens que foron roubados ou espoliados ao pobo galego con total
impunidade” e que dende as institucións públicas “non se mova un dedo para restituír a propiedade das figuras do Pórtico da Gloria, o Pazo de Meirás e a Casa de Cornide ao pobo galego".
A portavoz nacionalista anunciou que o BNG rexistrará iniciativas no
Parlamento e no Consello de Compostela para que estas figura volvan ao
patrimonio galego e lembrou que na exposición onde se poden ver os seus
visitantes "descoñecen como estas dúas esculturas foron obtidas pola
familia do ditador". "Esta información é un labor de hixiene democrática
e de non permitir atropelos como os que se consentiron durante corenta
anos”, di.
Ademais, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín,
anunciou tamén que o BNG presentará unha proposta no Concello de
Santiago co fin de emprazar ao goberno local a "iniciar os trámites
necesarios" para a devolución das tallas ao patrimonio público e “unha
investigación” do que aconteceu.
Precisamente, este mesmo xoves, o grupo municipal de Compostela Aberta presentou a moción
que levará ao próximo pleno instando á devolución ao patrimonio público
o Pazo de Meirás e a que sexa o Concello de Sada quen xestione o réxime
de visitas, pero tamén "a recuperación de dúas estatuas do Mestre Mateo
que orixinariamente formaban parte do Pórtico da Gloria e que a día de
hoxe están en mans da familia Franco".
O grupo municipal de Compostela Aberta agarda que a moción que levará
ao pleno "sexa aprobada por unanimidade". Ademais, anuncia que ademais
da vía política, o goberno local "está a estudar as vías xurídicas que
permitan que as dúas esculturas volvan formar parte do patrimonio
público de todos os composteláns e compostelás".
As dúas esculturas que representan a Abraham e Isaac foron retiradas da
Catedral durante as obras do século XVI e pasaron a mans do Conde de
Ximonde sobre o século XVIII. Este vendeullas ao Concello de Santiago en
1948 por 60.000 pesetas, a través dun documento no que se sinalaba que
as pezas non podían sair de Compostela, ou o Concello tería que pagarlle
ao conde unha “multa” de 400.000 pesetas. Malia a iso, as dúas
esculturas do Mestre Mateo pasaron a mans da familia Franco hai máis de
medio século, se ben non existe ningún documento de cesión.
As esculturas forman parte hoxe da exposición sobre o Mestre Mateo que
se pode ver no Pazo de Xelmírez despois de pasar polo Museo do Prado.
Compostela Aberta entende que as dúas esculturas non poden volver á Casa
Cornide, outra polémica propiedade da familia do ditador na Coruña,
onde a familia Franco as ubicou despois de que pasaran un tempo no Pazo
de Meirás. Todos estes inmobles e figuras artísticas non son as únicas
propiedades dos herdeiros do ditador, senón a punta do iceberg do que é considerado un "macroespolio" polos expertos que estudan o tema.
Mesmo o portavoz do PP en Compostela, Agusntín Hernández, aconsellou á
familia Franco a amosar "algo de humildade" para, deste xeito, poder
"reconciliarse co pobo español". Preguntado polas iniciativas doutras
forzas políticas para recuperar para o patrimonio público as súas
propiedades, o voceiro popular apostou por "utilizar todas as
ferramentas legais para que un patrimonio que é de Galica poida ser
gozado sen condicións polos galegos".
Feijóo insinúa que a Fundación Franco quere “provocar” unha expropiación
Por outra banda, este xoves o presidente Feijóo foi preguntado, na súa
comparecencia posterior ao Consello da Xunta, pola situación do Pazo de
Meirás. O presidente dixo que o edificio é “de titularidade privada”
cunhas obrigas de apertura ao público que os seus propietarios teñen que
cumprir ou serán sancionados porque “calquera persoeiro en Galicia ten
os mesmos dereitos e as mesmas obrigas”. “Se non están dispostos a cumprir esa normativa, téñeno ben fácil: é doalo”, engadiu.
Feijóo tamén dixo que a Xunta denunciará ante a Fiscalía se detecta que
se estea a facer “apoloxía do franquismo” coas visitas ao pazo e
insinuou que “determinados plantexamentos da Fundación Francisco Franco”
son “provocacións” e buscarían “utilizar o conflito para conseguir
diñeiro”. Segundo esa tese, o interese dos Franco sería provocar unha
expropiación do pazo, algo que segundo Feijóo a Xunta non vai facer,
malia que ata finais de 2012 o Goberno galego sufragou a seguridade
privada do recinto." (David Reinero |Miguel Pardo | Praza Pública, 07/09/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario