"Este venres ás 12 horas está convocada unha concentración ante o Parlamento para protestar contra a Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais proposta polo PP, que este mes se debaterá na cámara. É unha das accións da campaña iniciada a pasada semana por unha vintenta de colectivos.
Entre eles está Véspera de Nada, que preside Xoán Doldán, profesor
titular de Economía Aplicada da USC. Falamos con el sobre os efectos da
chamada Lei de Depredación.
O PP e o Goberno galego
defenden que a lei xerará riqueza e postos de traballo. En que medida
isto é certo? Que tipo de riqueza e de emprego xeran os proxectos
eólicos ou mineiros?
Co argumento do emprego pretenden enganchar a xente,
aproveitando unha situación de elevado paro e precariedade laboral. Pero
é que nin sequera é certo, non é certo que estes proxectos vaian xerar
moitos postos de traballo. Isto xa o vimos en situacións anteriores: o
desenvolvemento eólico que houbo nos últimos tempos en Galicia todo o
emprego que xerou estivo ligado á instalación primeira dos parques e
mesmo así os traballadores contratados para isto movíanse dun punto a
outro, xerando polo tanto poucos contratos e pouco emprego local.
De
feito, o número de empregados no sector enerxético en Galicia está
caendo dende hai anos. O mesmo ocorre co sector mineiro; a minería que
se está instalando, a ceo aberto e utilizando maquinaria pesada, é moi
intensiva en capital pero pouco intensiva en man de obra. E a maior
parte do persoal tamén vén dende outros lugares: enxeñeiros ou técnicos
especializados.
Xérase pouco emprego, polo tanto, e ao mesmo tempo
prodúcese tamén destrución de postos de traballo nos lugares ocupados
por estes proxectos, por mor dos efectos negativos sobre as explotacións
agrícolas ou gandeiras e sobre outras actividades. O argumento do
emprego é falaz. A minaría, sobre todo, destrúe o tecido social e
económico previo, e iso é moi difícil de reconstruír. Para actividades
que van durar unhas poucas decenas de anos estase destruíndo algo que
estaba aí e que despois non é recuperable.
A lei suporá a
consolidación deste modelo produtivo e de explotación do territorio que
xa estamos vendo implantarse nos últimos anos na Galicia rural?
Unha das cousas máis negativas desta lei é a
desregulación absoluta de distintos ámbitos que teñen que ver con
sectores produtivos moi ligados aos recursos naturais, sexa o sector
eólico, sexa o mineiro, sexa o sector forestal. A lei afianza unha
determinada visión de como se deben xestionar os recursos naturais: a
súa explotación mercantilista e a cargo das grandes empresas.
E a
desregulación que promove afonda neste modelo extractivista, limitando
outras formas de xestión dos recursos, máis democráticas e
conservacionistas, modelos que amosan máis confianza no rural galego.
Con esta lei o rural queda condenado a ser, simplemente, un espazo onde
hai recursos que poden ser explotados por outros e onde se pode
sacrificar todo o que xa está. As facilidades que a lei dá para a
expropiación forzosa de terras van en contra dos intereses da maioría da
poboación que habita no rural, que queda sen posibilidade de defenderse
e cunha desinformación cada vez maior.
A lei fará máis difícil opoñerse no futuro a calquera destes proxectos, por prexudiciais que sexan?
Para min o peor da lei, ademais desa desregulación de
todos os ámbitos, é a desprotección na que vai deixar a poboación
afectada, que vai ver moi limitado o seu dereito a alegar ou poder
obxectar algo a calquera proxecto.
A situación na que queda a maior
parte da poboación é de desamparo absoluto. Por moito que haxa unhas
canles de publicación de información, a xente normalmente non le os
boletíns oficiais ou as webs da Xunta a diario
. Cando esa información
chega ás persoas afectadas, xa pasou un tempo. Reducindo os prazos como
fai esta lei, pode suceder que cando chega esta información, xa pasaran
os tempos de alegación. Xa hoxe os prazos son moi axustados para poder
facer unha análise a fondo.
Tamén me preocupa a deixación das súas
responsabilidades por parte da Administración, que deixa en mans das
propias empresas o control de que os proxectos se realicen de forma
responsable ou coidando o medio.
A redución de prazos internos, dentro
da propia Administración, incrementa o desamparo da poboación. Falo do
feito de deixar todas as decisións finais en mans da dirección xeral de
Industria, Enerxía e Minas, e de que os informes dos restantes
departamentos non se teñan en conta.
A lei é complexa, abstracta.
Semella que iso -ademais do momento e a forma en que foi presentada-
está dificultando a información da poboación que se vai ver afectada.
Como se pode conseguir incrementar a mobilización da sociedade na súa
contra?
Estamos tentando difundir o contido e os efectos da
lei, pero é complicado chegar a todo o mundo pola propia complexidade da
norma. Non é fácil de explicar e a xente pode non visualizar nun comezo
cales son as súas implicacións profundas e como poden afectar en cada
lugar e en cada ámbito.
Para nós o importante é que a xente saiba,
primeiro, que existe esta lei, porque nun primeiro momento toda a
información que saíu era que o PP estaba facendo unha norma que ía
resolver os problemas de competitividade de Galicia con norte de
Portugal, mentres se deixaba oculto o verdadeiro sentido da norma.
A proposta comeza falando de parques empresariais, un
aspecto que efectivamente está no articulado. Pero o fondo da lei, o
máis importante, nin sequera está nos seus artigos, senón que está nas
disposicións finais, onde se modifica a propia normativa creada por este
mesmo Goberno. Mudan as súas propias leis, pero no sentido de
desregular todos os ámbitos e buscando evitar o debate público que se
daría se anunciasen unha modificación desas normas." (Praza Pública, 06/10/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario