"Unha débeda de máis de 2,5 millóns de euros, pagos
pendentes de máis de 160.000 euros con antigos xogadores, e o
incumprimento do concurso de acredores de 2006 condenaron un equipo que
botou 13 tempadas en Segunda e que a piques estivo de eliminar ao FC
Barcelona da Copa do Rei no 2000. Méritos xordos.
De entre as tebras xurdiu unha alternativa para non
deixar sen fútbol o ourensanismo. A Plataforma SOS Ourense, que
convocara manifestacións e presentara alternativas para evitar a
desaparición, inscribía o 4 de xullo de 2014 a Unión Deportiva Ourense. A
finais dese verán comezaba a competir.
Facíao no chanzo máis baixo do
fútbol galego, a Terceira Autonómica, cando ata hai uns meses a cidade
vivía fútbol de Segunda B. A UD Ourense vén de acadar o seu obxectivo
fundamental, chegar a Preferente, logo de tres ascensos consecutivos.
Con máis de 1.300 socios e 14 equipos de fútbol base é xa o equipo máis
representativo da cidade. Éo cun modelo sostible, onde o afeccionado é o
gobernante.
“Aínda hai hoxe xente que agarda un tropezo para
poder dicirche: ‘Xa cho dicía eu’, pero vano ter difícil”. “Xa non hai
ningunha dúbida sobre que o Ourense somos nós, esa fase está máis que
superada”. “Imposible facer unha valoración máis positiva destes tres
anos, sobre todo co nivel de implicación da xente”.
Estes tres
testemuños correspóndense con tres piares do proxecto: Diego Soto,
xogador e un dos capitáns da UD Ourense; Rubén Conde, secretario e
directivo; e Modesto García, presidente da entidade, “cargos puramente
testemuñais, pois non vemos un duro polo que facemos. Nin queremos que
sexa así”, indican.
Fútbol popular: un raio que non cesa
O equipo ourensán é unha pola máis dun movemento coñecido como fútbol
popular, baseado no principio de ‘un socio, un voto’, cunha ducia de
exemplos. O decano estatal, o Atlético Club de Socios (2007), nace
froito do descontento de seareiros do Atlético de Madrid coa xestión da
familia Gil.
Toman o exemplo do AFC Wimbledon (2002), e do FC United of
Manchester (2005), os primeiros en explorar esta vía. Dentro deste grupo
tamén hai exemplos coma os da UDO, nacidos trala desaparición dun
histórico. É o caso de Unionistas de Salamanca (2013), fundado en
homenaxe á UD Salamanca, ou a SD Logroñés (2009), fundada por
afeccionados do CD Logroñés. Neste último caso, o equipo compite coa UD
Logroñés, unha SAD fundada paralelamente. Algo semellante ocorre co
Xerez Deportivo FC (2013), que aínda convive co Xerez CD SAD.
Despois está o CAP Ciudad de Murcia (2010), erixido
por seguidores do Ciudad de Murcia; o FC Tarraco (2012), sen ningunha
filiación por outro club; o Avilés Stadium (2015), nacido da crise do
Real Avilés; o CFP Orihuela Deportiva (2016); e a UD Aspense (2016), que
ocupa o baleiro deixado polo club que desapareceu en 1998. Xunto con
este crecemento paulatino, o fútbol popular fixo fronte este ano a unha
baixa, a do CD Palencia Balompie, nacido en 2011 como continuador do CF
Palencia, pero que co ascenso a Segunda División caeu en mans dun grupo
inversor.
O último desatino ocorreu o 23 de novembro. O novo presidente
Javier Rodríguez e os seus achegados aprobaban a conversión en SAD
(sociedade anónima deportiva) do club popular, algo que os propios
estatutos prohibían. O cambio quedou anulado pola xustiza en decembro e
agora os socios loitan por recuperar o seu mando.
Nada sen eles, os ex do CD Ourense
Un dos factores diferenciais da UD Ourense foi contar dende o comezo co
apoio dos ex xogadores do CD Ourense. “Algún levaba catro ou cinco anos
sen xogar e volveu ao campo por este equipo, porque o sentía seu”,
lembra o presidente, que pon os exemplos de Victor Arias, Adolfo
Domínguez Cendón ou Ramón Dacosta.
Pero se os tres protagonistas deste
relato teñen que dar un nome este é o de Antonio Dacosta, o adestrador
das tres primeiras tempadas da historia da UD Ourense, ex do Deportivo,
que chegara a xogar co Mallorca en Primeira, “e que cubriu a xogadores
como Maradona”.
Antonio Dacosta foi unha das persoas que sentiu máis
fondo a perda do CD Ourense: “A débeda do club era asumible, había
solucións… Pero hai que mirar ao feito e ao futuro. O fútbol non é so
negocio e traer e levar xogadores dun lado para outro. Por iso eu me
involucrei neste proxecto dende o inicio. E a experiencia ten sido moi
positiva, malia que as veces sentísemos en carne propia como nos negaban
axudas, campos…”.
Logo de ascender a Preferente, Dacosta pode abandonar un club “imposible de entender sen este apelido ou o de Currás”, segundo lembra Rubén Conde. Tito Currás é central da UD Ourense e Fernando, xogador do CD Ourense dos 90 e 2000, coordina a base. Cristian Dacosta é un dos artilleiros unionistas.
O último en unirse foi Rubén Durán, que pasou de
xogar en Segunda B co Marbella a Primeira Autonómica. “Isto é algo que
só pode pasar nun club como a UD Ourense. Que alguén teña ofertas
profesionais, pero que escolla volver á casa. O que pensou que viña aquí
a marcar goles e facer florituras trabucouse.
Foi todo esforzo”, sinala
Soto, quen indica que neste equipo as personalidades dilúense. “Eu
mesmo decidín dar un paso ao lado esta tempada. Foi frustrante porque
vía que aínda que quixese, non podía achegar no campo. Pero o equipo
está por riba de calquera xogador”, sinala o capitán, que o ano que vén
comezará a adestrar na base da UDO, logo de anunciar a súa retirada.
A dura tarefa de tecer o músculo futuro
Na canteira é onde o equipo das Burgas quere dar un paso adiante. Na
actualidade conta con 14 conxuntos, pero quédalles moito por facer:
“Teñen que ser o músculo do futuro, pero agora mesmo están lonxe de
selo. Só van os primeiros pasos”, asevera Soto, que sabe que “non hai
cousa que máis lle guste a un seareiro que ter xogadores cos que se vexa
representado no campo”.
O aluguer dos terreos para que
os mozos xoguen é unha das partidas máis custosas para a UDO. “Na cidade
hai unha enorme escaseza de campos, tendo en conta o número de
licenzas. Nós alugamos os Salesianos (o ano pasado pagaron 12.680 euros
ao colexio ourensán), e aproveitamos os poucos campos públicos que nos
ceden”, explica o presidente. Este destaca o papel que esta tempada
xogaron algúns canteiráns, coma o central Diego Pousa.
A todos estes
xogadores hai que sumarlles os dous equipos do Jinshajiang Road Primary
School, un colexio de Shangai que leva as cores e viste a camiseta
unionista por iniciativa do seu adestrador, o tamén ex ourensanista Cote
Iglesias.
Malia as lesións, a UDO asegurou a segunda praza —só
se viu superado polo Bande—, a falta de varias xornadas para o remate da
Primera Autonómica, o que lles permite o cambio de categoría. Fíxoo
diante de case 1.500 seareiros no Couto, “o templo do fútbol ourensán”.
Os xogadores ergueron as bandeiras do extinto equipo e soaron os acordes
do seu himno nun estadio polo que loitaron. O primeiro partido no que
fora o campo do CD Ourense foi o 21 de decembro de 2014 (comezaron nos
Remedios), diante do Palmés. “Había 2.000 persoas nun partido de
Terceira Autonómica. Foi incrible”, rememora Modesto García.
O fútbol estatal como meta fundamental
Tamén no Couto xoga o Ourense CF SAD, nome que adoptou o Ponte Ourense
CF SAD logo de confirmarse a desaparición dos vermellos, nun intento por
ocupar o espazo que este deixaba. “En todas as películas ten que haber
un malo. En parte estámoslle agradecidos”, sinala o máximo dirixente da
UDO.
O equipo do barrio da Ponte militou esta campaña en Preferente,
cunha asistencia aos seus partidos que apenas sobrepasa o cento de
afeccionados, nun estadio con capacidade para 6.000. Nos seus comezos, o
equipo popular recibiu unha oferta da SAD ourensá. Tamén houbo
contactos para fusionarse co Covadonga, o decano da cidade, que daquela
militaba en Primeira Rexional. Con isto buscábase que puidera partir
dunha categoría máis alta. “Con perspectiva, ir pola nosa conta foi o
mellor que puidemos facer”, aclara o secretario.
“Unha das grandes virtudes
deste club é a súa independencia. Para ben ou para mal, o que vaia pasar
é cousa dos seus socios”, defende Soto. En xuño de 2016 a UD Ourense
aprobou un presuposto —cumprirán tres anos de superavit—, do que tan só o
15% se correspondía con subvencións, cando a SAD chegara a depender
case un 70% destas axudas.
“E aínda temos sen cobrar as de 2016. O
idóneo é que a porcentaxe fose do 30%, por respeto á masa social que
representamos. Xa que deixaron morrer o CD Ourense, que polo menos agora
non afoguen a UDO”, argumenta Modesto García. Co salto a Preferente, as
obrigas do ascenso directo reláxanse. “Agora o reto é ser o equipo da
provincia para chegar a Terceira o antes posible e devolver á cidade a
onde, como mínimo, debe estar: unha categoría estatal”, sentencian.
ELAS TAMÉN XOGAN E GAÑAN
O seareiro da UD Ourense ten
que multiplicarse. Aos partidos do conxunto masculino engadiu á axenda,
dende a temporada 2015/2016, os do equipo feminino. A UDO Féminas
arrancou en Segunda Autonómica para que as rapazas da cidade e da
provincia puideran xogar a fútbol once, logo da desaparición do veciño
UD Barbadás. Helena Ferreiro foi unha das compoñentes daquel conxunto ao
que, igual que o CD Ourense, deixaron morrer.
Agora exerce de centrocampista dun dos núcleos punteiros da Primeira División galega que, ás ordes de Rubén García, acadou o ascenso no seu primeiro ano de vida. “Na UDO todo o que vexo é ilusión. A do masculino transmítese a nós. E pola actitude do presidente, dos directivos e dos socios, somos conscientes de que hai unha aposta decidida por nós. Iso dános confianza”, comenta a xogadora.
O club ourensán impulsou o ano pasado a creación da primeira Copa Diputación contra o Rúa no Couto, que se adxudicaron as locais. Dentro do fútbol popular, a SD Logroñés, o CAP Ciudad de Murcia e o FC Tarraco tamén teñen seccións femininas na súa estrutura.
“É unha marabilla velas xogar. É un orgullo que leven o noso nome por toda Galiza, e aínda máis, sendo o único equipo feminino da cidade”, sostén o presidente da UDO Modesto García, nun xuízo tamén compartido polo directivo e secretario Rubén Conde. Este lembra que as rapazas sofren tamén o calvario dos campos e teñen que xogar en Velle, a varios quilómetros do centro de Ourense, o que dificulta o desprazamento dos socios.
Helena comezou con 13 anos nos infantís do Celanova, que daquela eran mixtos. Tito Currás, capitán da UD Ourense, foi o seu primeiro adestrador. Pero como tantas outras cativas, tivo que mudar o seu rumbo. “A partir dos 14, as nenas non poden xogar con eles. Ou ben pasan a estar coas maiores ou optan, como moitas de nós, polo fútbol sala”, lembra quen foi xogadora do Cidade das Burgas, nunha cidade na que o futsal ten a supremacía. Xa con 18 consegue facerse un oco no fútbol once no Barbadás, até a disolución deste: “Non nos tiñan en conta na súa estrutura”.
A UDO Féminas non é allea ao brusco salto de idade. Helena fala do caso das súas compañeiras Zaira (13 anos), Aída ou Andrea (ámbalas dúas con 15). Malia a súa corta idade, teñen gañado minutos e experiencia nunha tempada marcada polas lesións na que, como lembra Rubén Conde, algunha xogadora de campo tivo que pórse na portería. Fronte a estas dificultades, unha segunda volta de ensoño na que as unionistas presentaron a súa candidatura para o ascenso.
“Era o noso obxectivo primeiro. Xa por nós, porque subir conleva unha boa subvención que faría máis doadas as cousas. Pero a metade de tempada tivemos que refalalo. E dende aquilo, todo foi a mellor, conta unha futbolista que ve un feixe de deberes pendentes aínda neste deporte: “Moitas compañeiras doutros equipos tiveron que marchar. E non a Estados Unidos ou Alemaña, a Portugal… Non se pode entender que nin en Primeira sexan profesionais co nivel que hai”. (El Salto, 16/05/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario