13/10/17

Primeira empresa que se traslada de Cataluña a Galicia pola “situación de inseguridade”

"O grupo construtor Copasa acordou trasladar a Santiago de Compostela a sede da súa filial de medioambiente Pesa, ata agora situada en Barcelona, segundo informou a empresa.

Copasa atribúe esta medida á "situación de inseguridade xurídica, financeira e normativa aberta en Cataluña" e ao seu obxectivo de "garantir o pleno desenvolvemento da actividade da empresa a todos os niveis nun marco estable e sen incertezas".

O grupo Copasa, que ten a súa sede social en Ourense, garante que o traslado do domicilio da filial "non implica alteración ou cambio algún nas condicións ou na prestación dos servizos das diferentes liñas de negocio nas que opera a firma, tanto en Cataluña como no resto de mercados".

"De feito, a principal oficina operativa de Pesa, situada en Sant Cugat del Vallés, manterá a súa actividade e o seu persoal", garante a compañía nun comunicado.

Con esta decisión, Copasa convértese na primeira empresa que opta por Galicia para mover unha das sedes da súa empresa de Barcelona.

Pesa (a antiga Passavant España) dedícase ao deseño, construción e operación de instalacións de tratamento integral da auga. A firma acometeu, entre outros, proxectos como as depuradoras das fábruicas de Danone en España ou nos centros de produción de Seat en Martorell.

A firma ten sede en Barcelona porque se constituíu nesta cidade en 1987 como filial da empresa alemá Passavant Werke. En decembro de 2006, Copasa adquiriu o 55% do seu capital e seis anos despois, o grupo que preside José Luís Suárez exerceu o seu dereito de compra do 45% do capital restante, entón en mans do grupo alemán Bilfinger."               (Galicia Confidencial, 09/10/17)

No hay comentarios: