30/11/17

A Xunta pagou 77.000 euros a xornais impresos para publicar a declaración de Feijóo sobre os incendios

"Un mínimo de 77.000 euros é o que gastou a Xunta en publicar nunha ducia de xornais impresos, a páxina completa, a declaración que o presidente, Alberto Núñez Feijóo, realizou o pasado luns día 16, en plena vaga de incendios, culpando dos mesmos a un suposto “terrorismo incendiario” do que non hai probas

Iso é o que reflicten unha serie de contratos a dedo publicados este xoves na páxina web de contratación da Xunta, da que serán borrados nunha semana en aplicación do protocolo de transparencia do Goberno galego.

Os publicados este xoves pola Xunta son 12 contratos con outras tantas empresas editoras de xornais impresos e outro a maiores cunha empresa de comunicación para a “maquetación e deseño” do anuncio por 2.180 euros. Canto aos contratos cos xornais, os de maior importe son cos diarios de ámbito estatal xa que o anunciou foi publicado nas súas edicións xerais para toda España

 O maior é con El País por 17.000 euros, seguido polo ABC con 11.906,40 euros, La Voz de Galicia con 9.500 euros, El Mundo con 8.349 euros e La Razón con 8.000 euros. A lista complétana Faro de Vigo (6.040 euros), La Región (3.720), El Progreso (3.500 euros), El Correo Gallego (2.120 euros), El Diario de Pontevedra (1.880 euros), El Ideal Gallego (1.880 euros) e La Opinión de A Coruña (1.360 euros).

Todos estes contratos realizounos o Goberno galego, a través da Secretaría Xeral de Medios, dependente da Presidencia da Xunta, coa modalidade de contrato menor, que permite que por eses importes poidan ser adxudicados libremente a dedo. Eses contratos só son publicados polo Goberno galego na súa web durante unha semana e logo bórraos, sen que exista a posibilidade, como si ocorre co resto de adxudicacións, de descargar unha copia dos mesmos.

A publicidade a páxina completa consistiu na reprodución íntegra do que se denominou como “Declaración institucional da Xunta de Galicia” que o presidente Feijóo lera un día antes tras unha xuntanza extraordinaria do Consello da Xunta sobre a vaga de incendios. O texto resumíase en tres ideas: “Galicia coas vítimas”, “Galicia contra o terrorismo incendiario” e “Galicia cos equipos de extinción”. Nel 

O gasto destes máis de 77.000 euros en facer propaganda da opinión do Goberno galego sobre os incendios forestais prodúcese malia a denuncia que fixeron os axentes forestais de que a Xunta lles dixo que reducía o dispositivo de loita contra o lume “por razóns orzamentarias”. Non é primeira ocasión que o actual Goberno galego realiza unha inserción publicitaria coma esta. Xa o fixera, por exemplo, para difundir un manifesto contra o soberanismo catalán cun formato semellante en xuño de 2016."                 (Praza Pública, 27/10/17)

No hay comentarios: