"Por que arde Galicia? É a pregunta que todo o mundo se fai cada ano ou, cando menos, naqueles anos especialmente negativos. Nun artigo o
biólogo ambiental Xavier Vázquez Pumariño esixía esta semana analizar
esta cuestión coa necesaria complexidade ("estase a tratar un tema
extraordinariamente complexo cunha simplicidade pueril", dicía).
"O lume
na Galiza é estrutural. E como tal non ten unha solución doada nin
moito menos rápida. Requírese coñecemento, obxectivo e estratexia", escribía tamén hai un tempo
o enxeñeiro técnico agrícola Óscar Antón Pérez García.
Esta mesma
semana Sebastián Hernández, secretario da Asociación Profesional de
Bombeiros Forestais de Galicia, subliñaba igualmente que "non hai fórmulas máxicas",
que as solucións debían ser "a medio e longo prazo" e que debían
debaterse e acordarse entre todos os sectores afectados.
Un pacto de
país. Dá a impresión de que boa parte desas propostas de solución están
xa sobre a mesa; os propios Xavier Vázquez Pumariño e Óscar Antón Pérez
levan anos apuntando as mesmas conclusións que repiten estes días.
Falamos con eles, por suposto, sobre a eucaliptización
e o modelo forestal e de xestión do territorio implantado en Galicia
nas últimas décadas. Pero tamén sobre a posible existencia dunha
"cultura do lume" na sociedade galega.
E, sobre todo, sobre a necesidade
de apostar no medio rural por actividades diferentes ás meramente
extractivas, unha das principais demandas da manifestación que este
domingo percorreu as rúas de Compostela baixo os lemas de "Non á Lei de
Depredación" e "Lumes Nunca Máis".
Abandono do rural
"Para que haxa un incendio, teñen que darse tres elementos: Ten que haber que plante lume, ten que haber combustible e ten que haber unhas condicións meteorolóxicas determinadas, coma as excepcionais da semana pasada ou como as que conflúen algún verán, con calor, pouca humidade e cun forte e sostido vento do nordés", destaca Vázquez Pumariño
"Hai que atender,
polo tanto, a todas elas", di, destacando que un dos grandes problemas é
que "vivimos nunha área particularmente propicia para os lumes, un
mundo combustible, conformado nas últimas décadas". "Tanto en Galiza
como en Portugal, a partir dos anos 50, con dúas ditaduras e paisaxes
culturais moi similares, impúlsase a forestación con piñeiros daquelas
zonas que ata o momento eran pasteiros no monte e/ou cultivos de
cereais.
A gandería desapareceu -eses millóns de ovellas e cabras que
procesaban o gran crecemento da biomasa biomasa-. E as novas fábricas de
celulosa crearon a necesidade de empregar o eucalipto", explica.
"Ocúpase o territorio para que o sistema capitalista teña espazos para extraer materias
primas"
-destaca- "O sistema actual está provocando unha distribución do espazo
entre uns centros urbanos cunha gran produción desligada do medio
natural; e, despois, un enorme baleiro. Ese espazo baleiro dedícase a
aquilo que se necesita para que funcione todo o resto: xeración de
enerxía -eólicos, encoros...-, produción que xera moitos ingresos pero
en lugares diferentes, e produción de materias primas, neste caso
madeira.
Recórdame un pouco ao modelo de territorio que amosa a última
de Blade Runner", sinala. “Parece que só se
está a falar dun problema forestal cando a realidade é que é un problema
do rural, é dicir, é un problema da gandería, da agricultura, da
ordenación do territorio, da conservación da biodiversidade, do
mantemento do ciclo da auga, etc.”, conclúe.
"Hai unha chea de factores
interconectados, e as solucións reais, que van á base do problema, son
dunha elevada complexidade de execución e teñen elevado tempo de
execución, ademais", sinala pola súa banda Óscar Antón Pérez
"Cumpriría comezar por aquelas cuestións máis simples na súa execución
ou curtas no tempo e, a partir de aí, seguir coas máis complicadas", di.
"Unha das cousas máis importantes que se poderían facer agora sería
facer cumprir a lei que xa existe e que non se está a cumprir", sinala.
"Por exemplo, habería que garantir que se respectan as distancias de
seguridade ás vivendas ou as faixas de xestión, recollidas na Lei de
Montes e na Lei de Incendios. Non sería unha medida estrutural, pero
axudaría a afastar as situacións de perigo das casas", di.
"Despois, hai cousas que si son complexas e si van á
base dos problemas. Hai que revisar como temos o territorio e cómpre
ordenalo: diversificar usos, mellorar a xestión das parcelas, buscar
usos alternativos, procurar os propietarios que non se saben quen
son...", subliña. E incide, sobre todo, no abandono do rural: "Nas
zonas rurais hai que facilitarlles a vida, en todos os sentidos, ás
persoas que traballan alí. Teñen que ter servizos ao mesmo nivel que
teñen as persoas que viven nos espazos urbanos.
E, ademais,
cando unha persoa decide comezar unha actividade agraria debe ter a
axuda necesaria". "Así é como se consegue fixar poboación no rural: con
servizos e facilidades para traballar. Se non hai poboación, hai
abandono de superficies", resume.
"Se un superpón o mapa das zonas queimadas nos últimos anos co mapa das zonas nas que hai abandono, coinciden case ao 100%,
agás quizais no Baixo Miño, por outros factores. A zona con máis
alarmas é o centro de Lugo, pero a zona con máis hectáreas queimadas son
os dous distritos que van de Valdeorras a Monterrei, que suman o 35% de
todo o queimado en Galicia na última década.
E isto coincide coas áreas
nas que a actividade agraria se abandonou máis, que máis se
despoboaron, nas que o gando se retirou do monte, que precisamente
axudaba a controlar a biomasa...", comenta.
"Acadar un novo modelo de desenvolvemento que permita
elevar a calidade de vida das persoas que viven no rural, que inclúa
políticas de freo efectivo do abandono, que corrixa un saldo demográfico
alarmante, que dote de medios e protexa a economía agraria, que
viabilice o emprego e o coidado do medio, é a mellor maneira de evitar
que o monte arda", resume.
Non podemos
continuar no actual sistema, con porcentaxes de abandono da superficie
agraria útil que raian o 30%, mentres seguimos a ser importadores netos
de produtos agrarios, nin podemos pretender un retorno a un presunto antes que
en moitos casos non pasa de ser unha construción mitolóxica con pouca
aplicación no tempo presente. Cómpre acadar os equilibrios no momento
presente, coas ferramentas que temos ao noso dispor", engade.
O modelo forestal: A eucaliptización
Xavier Vázquez Pumariño alerta de que os grupos que apostan por estes cultivos forestais conforman "un lobby moi poderoso, sobre todo porque non necesita ser lobby, porque hai moitas cousas que xa asumimos como normais. Asumimos como normal que exista ENCE, que exista Norfor... Asumimos, dende a dereita á extrema esquerda, que o monte está abandonado e que hai que poñelo a producir".
"O
último paso nesta política é a Lei de Depredacion, que se acaba de
aprobar, e que non pode ser máis descarada neste sentido: como
administración pasamo de todo e deixamos o territorio en mans do
capitalismo de colegueo máis salvaxe", engade. "Este modelo xera,
ademais, unha industria do lume, porque está claro que a ninguén lle
gusta ver arder o monte, é perigoso e morre xente, polo que hai que
apagalo. E hai xente que está gañando con isto", advirte.
O biólogo ambiental subliña que "este sistema de
cultivos forestais é rendible porque están os custes externalizados. Os
propietarios de piñeiros e eucaliptos en Galicia, sexan privados ou
comunidades de montes, ENCE e Norfor -que é quen reciben o beneficio- ou
as empresas de viveiros... son rendibles porque os seus custes de
mantemento páganse con cartos públicos". "Os sistemas de extinción de
incendios pagámolos todos.
Se a un se lle queima
a casa e veñen os bombeiros, pásannos unha factura por apagar o lume;
ben, por que non se fai isto no caso das propiedades no monte? Quizais
porque non serían rendibles? Que ocorrería se incluíramos os
custes de prevención/extinción nos custes de produción?", pregúntase.
"Eu non teño por que subvencionar eucaliptos. Se queren ter un negocio,
que o paguen eles. Se os custes de desbrozar e de apagar os lumes
tivesen que pagalos os propietarios, non habería negocio do eucalipto en
Galicia. É un negocio que se mantén porque estamos entre todos pagando
impostos para mantelo", di.
“O monte, tal e como é empregado agora, non xera
moitos beneficios sociais. A sociedade ao completo debe decidir como se
emprega o monte, estea nas mans de quen estea, con fins de protección
paisaxística, conservación da biodiversidade e protección hídrica”,
subliña e aclara que “non é o mesmo unha masa abolada ou unha superficie forestal que un bosque.
Un bosque é un ecosistema complexo en equilibrio co medio ambiente
capaz de albergar determinadas especies de flora e fauna; isto
contraponse ao cultivo forestal, é dicir, unha colección monoespecífica
de árbores, no caso galego, fundamentalmente de piñeiros e eucaliptos”.
Óscar Antón Pérez afirma que "o tema do eucalipto é
complexo". "Por unha banda, funciona como todo monocultivo: ti cando fas
un monocultivo de calquera especie, vas beneficiar que calquera
patóxeno ou desastre se estenda en todo o espazo”, di. “Con todo, o
eucalipto por si só non leva a que o monte arda: entran en xogo outros
factores.
Na Mariña de Lugo, o réxime hídrico fai que a cantidade de
humidade no chan imposibilite os incendios, da mesma maneira que a falta
de humidade os posibilita no Sur de Pontevedra. E
hai que dicir tamén que en Galicia arden máis as zonas de monte baixo
que as zonas de especies pirófitas. Polo tanto as especies pirófitas non
teñen toda a culpa", sinala.
"O eucalipto xera uns efectos moi claros: cambia
totalmente o sotobosque, favorece especies cunha ignición moito máis
doada, e a propia follaxe e ramaxe do eucalipto, así coma as substancias
que desprende, favorecen e a extensión do lume”, explica.
“Todo isto é
certo, pero o eucalipto hai que xestionalo: se
como sociedade nos xera un certo beneficio, teremos que aprender a
aproveitalo da mellor maneira posible, e non como se está a facer ata
agora, invadindo todo de eucaliptos ou poñéndoos en calquera sitio”,
di. “Sobre todo porque non podemos erradicalo dun día para o outro,
teremos que aprender a convivir con el. Levou dúas xeracións chegar ata
este punto, e reverter isto minimamente vai levar dúas décadas como
mínimo.
Os eucaliptos están crecendo e os propietarios non van cortalos
ata que teñan un tamaño no que obteñan un beneficio suficiente”,
advirte. “E isto dicho unha persoa que está absolutamente convencida de
que non é a especie forestal máis adecuada para Galicia. E tendo en
conta que o monte galego xera uns ingresos de
300 millóns de euros e ocupa un 72% do territorio, mentres que a
agricultura xera 900 millóns e ocupa o 20%”, conclúe.
O enxeñeiro agrícola sinala ademais que "no tema dos
eucaliptos, eu comezaría pedindo que se cumprise a lei existente. E
ademais, apostaría por evitar a plantación de especies pirófitas en
zonas agrícolas e nas proximidades das casas, a carón de núcleos que
están sendo cercados".
"E, despois, hai que xestionar o territorio; ata
agora cada persoa vén decidindo plantar ou non na súa parcela de forma
individual. Seguramente haberá que facer unha
organización conxunta, aproveitando esa microparcelación para deixar
zonas libres, a xeito de faixas naturais de devasa, de corte da
continuidade. Así aseguraríanse os rendementos para os propietarios pero
evitaríase o monocultivo", comenta.
A limpeza do monte e a cultura do lume
Outros dous asuntos dos que se adoita falar cada vez que hai unha vaga de incendios é a importancia da "cultura do lume" que aínda existe da sociedade galega e, ademais, a necesidade de limpar o monte.
Sobre o primeiro asunto Óscar Antón Pérez explica que a
cultura do lume "formaba parte da xestión do territorio: Axudaba a facer
pastos, axudaba a abonar, nalgúns casos escorrentaba fauna salvaxe...
Pero evidentemente na actualidade hai métodos moito máis sinxelos".
"Esa
cultura do lume era en certo modo respectuosa, e as queimas facíanse de
forma moi estudada, coordinando as queimas, espaciándoas no tempo... Na
actualidade o beneficio do lume como ferramenta agronómica é escasa
comparada con outros instrumentos que temos; o propio uso do gando é
hoxe unha ferramenta magnífica no control do mato", sinala.
"Algúns dos lumes máis importantes en Galicia danse no inverno no Macizo
Central, en Ourense, porque a xente queima o mato para ter pastos. Son
incendios que duran varios días, pero como están en zonas non urbanas e
non se pon a ninguén en perigo, pois non se comenta", comenta Vázquez
Pumariño.
En canto ao argumento da limpeza do monte, Vázquez Pumariño destaca que esa suciedade
é sobre todo "mato, fundamentalmente leguminosas que, como o toxo,
fertilizan e protexen o chan ademais de ser un hábitat de gran interese
natural". "Cando hai décadas se foi retirando
todo o gando dos montes, o mato creceu e naceu a idea de que iso é
negativo, interprétase como abandono. O abandono é vexetación espontánea, é natureza, é onde temos realmente a biodiversidade en Galicia",
di. "Se acabamos con todo isto, non sei onde nos leva este discurso, a
asfaltar todo.
Ademais, é absurdo desbrozar todo con desbrozadoras;
primeiro, isto tería un efecto moi limitando; segundo, xeraría unha
emisión brutal de CO2 por uso de gasoil; e terceiro, xeraría unha
dependencia enerxética que non podemos asumir", advirte. O mesmo pensa
Óscar Antón Pérez: "É moi fácil botar a man ao argumento de imos limpar.
Limpar o que? Hai monte que non se pode limpar,
porque é un espazo natural, porque a fauna salvaxe necesita de maleza
de determinada altura e densidade para poderen reproducirse ou
alimentarse. Hai que manter un medio natural vivo". "En todo caso,
aquelas zonas que están abandonadas hai que xestionalas, establecer
directrices de usos", di.
Vázquez Pumariño advirte igualmente de que "o
monte baixo, aínda que arda, está adaptado a arder. Hoxe está todo
negro, pero por debaixo quedan raíces; cando chegue a primavera todo
isto que ardeu estará brotando de novo, fixando chan, absorbendo CO2 e
dando refuxio e alimento a fauna. Iso é gratis".
"En cambio, os
lugares -que antes eran mato e monte baixo- nos que se plantaron
piñeiros e eucaliptos, van arder igual ou peor e despois de arder non
hai nada no chan. Polo tanto, as perdas de chan, de paisaxe e de flora e
fauna van ser moito maiores", engade. "Polo tanto, non se trata de
drenar máis recursos da extinción á prevención senón de mudar o modelo
completamente, de darlle a volta como un carpín para que sexa sostible
económica, social e ambientalmente", conclúe.
Máis "acción" e menos "lamentación"
"Precisamos, pois, un cambio de modelo no que se recuperen os usos do monte, tanto agrícolas como gandeiros, pois son as terras onde se desenvolven estas actividades as máis reticentes a arder e no caso de que finalmente ardan, son sinxelamente apagables", resume Vázquez Pumariño.
"Por outra banda o emprego de especies
forestais caducifolias como castiñeiros, carballos, nogueiras,
cerdeiras, etc impide que a luz pase ao chan evitando a proliferación do sotobosque e manténdose esa limpeza de xeito natural; igualmente manteñen un nivel de humidade superior, clave para unha menor propagación do lume", di.
Óscar Antón Pérez di que este días non quere ler nin
oír "lamentacións". "O que ten que facer o pobo galego é tomar cartas no
asunto, non lamentarse. O que me vale é a indignación, váleme a rabia,
pero a potencia sen control non serve de nada: indignados pero tentando
que as cousas cambien, non rabear agora dous días e despois esquecendo o
tema ata a próxima vaga de lumes".
"De igual xeito, a Xunta bótalle a culpa a unha trama incendiaria porque é unha forma de non asumir a responsabilidade que ten en todo isto.
Creamos un inimigo difuso, poñémoslle unha etiqueta e iso é unha
maneira doada de evadir a responsabilidade. A administración gasta cada
ano centos de millóns de euros en extinción que sae dos petos de todos e
así levamos 30 anos. Se ti gastas todo iso e non obtés resultados é que
algo estarás facendo mal.
Hai que avaliar o que fixeches para mellorar a
estratexia. O Goberno galego está pasando do rural dunha maneira que
clama ao ceo, non está deseñando políticas para o rural que teñan en
conta as necesidades da xente que vive alí", denuncia.
"Ordenar o rural limita o abandono, permite outorgar
oportunidades sociais e económicas dignas á xente que alí vive e
entregar ao resto da poboación un ámbito de protección e esparexemento. Hai
unha serie de actividades económicas moi importantes que contribúen a
coidar do territorio, a fixar xente do rural e a ter un medio ambiente
moito máis ordenado para o aproveitamento da poboación.
E isto
non lle compete só á xente do rural que cada vez queda menos, compétenos
a todos como sociedade. Pero para isto é necesaria unha aposta política
decidida polo rural que fuxa da autocompracencia e do lugar común",
subliña. E finalmente, lembra que "hai que ter claro que todos estes
cambios de usos, de mentalidade, ou os cambios nas estruturas económicas
non se fan nunha lexislatura nin en dúas. Pódense poñer bases, pero os
efectos veranse en 20 anos". (Marcos Pérez Pena , Praza Pública, 22/10/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario