"Privilexiada a vista dos traballadores: as bateas, os
pobos mariñeiros, os montes, a comida, todo iso para eles é o pan de
cada día. Están na Ponte de Rande, e a xente sae e entra na cidade de
Vigo mentres eles pasan o día nunha obra absurda, de 10 a 12 horas.
Tamén as noites en que non hai estrelas. O ano novo comezou con néboa e
moita choiva.
Audasa, a empresa concesionaria, está a apertar. O ano
novo tamén comezou cunha subida do 3,81% do prezo da peaxe, motivo das
apresuradas obras. O 05 de xullo o traballador Nicolás caeu, e morreu. A
empresa non dubidou en afirmar que a morte de Nicolás fora
intencionada. Chove tanto que a noite que comezaba o 16 de outubro todo
ardeu, e nin as gaivotas quedaron.
Desde as praias de Cangas esténdense ante a vista
esas construcións que foron colonizando a outra ribeira e que recibiron o
nome de Vigo. Vigo apenas ten idade, as xeracións maiores lembran ese
repentino crecemento dun pobo mariñeiro que nunca deixou de mirar ao
Atlántico: cando o estaleiro Hijos de J. Barreras fabricou o seu
primeiro sardiñeiro de vapor «tipo Vigo» as embarcacións de vela, de
súpeto e sen avisar, foron pasto da historia.
Pronto os estaleiros
reclamaron a máis e máis mozos, levantáronse barrios enteiros ao carón
do ampliado porto. Vigo é unha cidade construída sobre a marcha. A
dársena de Guixar, o peirao do Berbés, o tranvía de Urzáiz que convivía
co campo... tamén o peirao de transatlánticos. "Cando eu era moza o
porto só era de ida", di Carmen. Ás Américas. Éche o que hai, reza a
cultura que mira a natureza inamovible, que, fronte a calquera desexo,
sempre choverá.
A final de contas, o evento histórico máis importante
sucedeu debaixo da ponte, cando os ingleses perseguiron e afundiron no
medio da ría os tesouros coloniais. A batalla de Rande. Daquilo quedan
historias máis próximas á fábula que ao xornalismo. "Alí estaba o canón, no medio da praia... Era dun dos barcos afundidos". Galicia, o país das 30.000 aldeas, hai tempo que mudou de pel.
Humanizacións
As luces de Nadal brillan por toda a cidade, a razón
de 630.000 mil euros de gasto en iluminación. Vigo, un concello que o
ano pasado tivo un superávit de 20 millóns de euros, pódello permitir.
Abel Caballero, o home que regresou á primeira liña política cal alcalde
salvador, pasea orgulloso pola cidade.
Nas eleccións xerais o PSOE
conseguiu un 22% dos votos. Nas municipais, o 52%. A cidade está máis
bonita, humanizacións, chámao. Abel, en realidade, nunca deixa de
camiñar, chova ou non. Os veciños veno, párano e pregúntanlle. Se queda
algún atrasado, pode chamar ao seu programa Vigo de cerca.
As lámpadas non funcionan? Arránxanse. Os nenos non teñen medallas?
Encárganse. Esa mesa está en mal estado? Cámbiase. "En Vigo se soluciona
todo», aseverou o alcalde. Abel, que chegou a ser ministro con 38 anos,
fai 33, non deixou de aprender política.
Pero non todas as persoas que camiñan baixo esas luces teñen as necesidades básicas cubertas. Iso afirma a Acampada contra a Pobreza,
que fai dez meses decidiu acampar na Praza do Rei e ser un manchón na
propia porta do Concello, ante a negativa deste de recibilos -máis aló
dalgunha visita desagradable dos GOA, unha sorte de UIP policial do
concello. Un 21% dos vigueses atópase en risco de exclusión, máis que
noutras cidades galegas.
"Vigo é a cidade con máis gasto social", dixo
Caballero. Pero, acorde á Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais,
iso non é así. Vigo gasta 42,43 euros por persoa ao ano en investimento
social, o que definen como precario. A media supera os 60 euros, e as
cidades estrela chegan aos 100.
Paco é unha das persoas que están acampadas.
Tras un
divorcio e un despedimento no seu posto de traballo, sabe o que é
atoparse, sen avisar, sen vivenda. Ser un ninguén. Non te preocupes,
podería pensar, "a miña oficina é a oficina antidesafiuzameto", asegurou
Caballero. Pero a solución para Paco non chegou a través do Concello
nin de ningunha institución. A RISGA,
axuda de subsistencia xestionada por Xunta e Concello acumula atrasos
de, mínimo, medio ano desde a súa solicitude.
Paco tirou de contactos e,
cando conseguiu outro traballo, a súa vida puido reestabilizarse. Non
todos os que coñece correron a mesma sorte. Que facer canto te chaman,
en pleno inverno, porque non hai sitio no albergue? Unha das grandes
preguntas do colectivo Os Ninguéns.
O principal obxectivo da Acampada é
visibilizar a pobreza e ofrecer solucións para paliala. Xa presentaron
dous plans de emerxencia, desatendidos pola Xunta e polo Concello. "Se
vou a un hospital, van curarme, non a xulgar se abrín a cabeza por ir
borracho ou polo que fose. A pobreza, con todo, xúlgaa. Cando quedei na
rúa, os que foran os meus veciños preguntáronme se me daba ás drogas.
Non as probei nunca". Divorcio, despedimento, rúa. Así de fácil.
En Vigo tan só hai un albergue con 38 prazas para
persoas sen teito. A estancia non pode ser maior ás dez noites. Moitos
non van porque saben que terán que volver ao seu lugar na rúa, e onde
deixar as cousas? Algúns pídenlles a un bar que as garde. Outros cargan
as súas pertenzas sempre a rastro.
A pesar de que o orzamento que manexa
a Cruz Vermella -organización que conseguiu a adxudicación- non é
escaso, de algo menos dun millón de euros; a pesar diso, os 30
traballadores demandaron colectivamente á institución por non aplicar o
convenio laboral. Este albergue, que debía ser un centro de inserción
social, adoece dun equipo multidisciplinario. Faltan orientadores,
psicólogos, educadores sociais. "Que van facer desde a mañá, que botan
os sen teito dos sitios onde dormen, ata a noite?", pregúntase Paco.
"Onde van ir?". Eu bebería. Tras dez noites de comida quente e ducha, o ciclo da pobreza perpetúase. "Somos
compañeiros". Sen teito, prostitutas, excarcerados, educadores sociais,
profesores, activistas, desafiuzados, veciños... Os ninguéns, que
custan menos que a bala que os mata, versaba Eduardo Galeano. Os
Ninguéns tamén é a plataforma viguesa en que se organizan. Carla é unha
das promotoras: "De maneira horizontal, en igualdade, tentamos
empoderarnos, quen vai saber mellor as demandas que os propios
afectados?".
O traballo dos Ninguéns divídese no activismo («apostando
pola unidade popular»), socioeducativo (charlas, talleres...),
institucional (informes, peticións, reunións...) e de contradiscurso.
2500 persoas cobran a RISGA en Vigo. "Non hai unha rede institucional
nin mecanismos", afirma Carla. "Consideramos Vigo un concello rico",
comenta Carla. "Non pedimos que se gaste un euro que non ten", dixera
Paco na Acampada.
As persoas que morreron por frío ninguén as lembra. O ano novo abriu con néboa e choivas.
Estaleiros
Centros, periferias, parroquias. Cada cidade de
Galiza é un mundo, pero estes tres elementos están sempre fundidos dunha
ou outra maneira. Son un. Unha marquesiña no medio da nada deseñada
polo prestixioso arquitecto Norman Foster... O mundo de Vigo é esa
marquesiña no medio da nada. E é que a morfoloxía das cidades, nacidas
cos burgos medievais, convive en Galiza co arraigamento dos comúns, bens
tales como o monte comunal de Porto Cabral que se pretende expropiar
para crear un macrocomplexo.
As supermazás, enormes rúas que articulan
barrios enteiros, conviven a esquerda e dereita con leiras e outros
terreos cultivables ou non edificados. Iago, do colectivo Ergoesfera
afincado na Coruña, laméntase. «Non soubemos ler o noso territorio.
Mentres o mundo se pregunta por como integrar a cidade na contorna, nós
tivémolo diante, sen estudos, traballos, nin políticas». Vigo é unha
cidade que aínda non ten nome.
Catorce anos. Eran os que sumaba Enrique cando entrou a traballar como
aprendiz no taller de axuste dos estaleiros Hijos de J. Barreras. Como
el, miles de mozos traballaban en Barreiras, en Vulcano, en Ascón... Era
o ano 1962 e, aos poucos días da súa entrada ao mundo laboral a Garda
Civil facía o mesmo no estaleiro, armas en man.
Pero non puido frear a
folga. O salario mínimo foi aumentado. Carmen tiña un ano menos cando
empezou a traballar na xastraría. Cosía traxes para a xente que
desembarcaba en Vigo, que por entón facían dúas ou tres noites.
Desde
que se coñeceron ata que casaron e se mudaron xuntos non pasou moito
tempo. Barrios como o de Coia levantáronse grazas ás cooperativas de
vivendas formadas por traballadores, axudado polo crédito baixo que
ofrecía a Caixa de Aforros de Vigo -o que deveu en Abanca. Enrique e
Carmen terminaron mudándose un pouco máis arriba, ao que chamaban Campo
de caralladas, nome que xa ninguén lembra.
Aos seus catorce anos Enrique
viu como o seu estaleiro botaba ao mar o Mar de Labrador, o primeiro
barco conxelador, construído para Casa Mar. Foi un acontecemento similar
ao primeiro barco de vapor que sucou a ría. Supuxo unha nova
reindustrialización da frota pesqueira, de traballar o bacallau pasouse á
pescada austral.
Javier Sensat, propietario de Casa Mar, chegou a
empregar a 2400 persoas. Carmen levaba demasiado peso nos brazos no que
xa era o seu segundo embarazo. Podería ter un aborto, díxolle o médico.
Terminou traballando no mercado, recollendo o peixe que traían os
buques, entre outros, de Casa Mar. Así foi ata que chegou a reconversión industrial.
O traballo
O polígono de Balaídos construíuse ao carón da
fábrica de Citroën, en 1957. A cidade que miraba ao Atlántico era unha
boa praza, o mar ofrecía grandes rutas de distribución para os coches
que fabricaban. Dez anos antes decretábase a creación da Zona Franca de
Vigo, espazo libre de aranceis, terceiro en España. Co tempo, Citroën
chegou a ter 10.000 traballadores, mentres patrocinaba o símbolo da
cidade, o Celta.
Non tiñan nin que moverse, Balaídos está alén da rúa.
Todo cambiou coa entrada na Unión Europea. Esta consideraba as zonas
francas como lugares de paso, non industriais. Eran os tempos en que
Corea do Sur e outros países facían a competencia. Froito da historia,
Felipe González decretou a reconversión industrial.
Os estaleiros, con escasa axuda, protagonizaran unha
dura folga contra o franquismo en 1972. Á folga de 1977 uiuse o resto da
cidade.
Nos 80, dos miles de mozos que investiron a súa mocidade nas
décadas pasadas, só quedaban persoais reducidos e avellentados.
Finalmente, a mesma historia volveuse repetir, o porto volveu ser de
ida. "Algúns partían a Australia", di Enrique. "Outros, a talleres máis
pequenos. O resto, ao paro". O modelo que implantaron os estaleiros, e
que provocara o crecemento descontrolado de Vigo, terminara. Pero cando
algo termina, o anterior non volve.
En 1988, Enrique tivo que deixar
Barreras para sempre; atopou traballo na súa comunidade de veciños.
Carmen seguía traballando no mercado desde saír da xastraría. Era a
última do seu persoal. De 23, só quedaba ela. Ata que tivo problemas no
brazo, de tanto traballar. A pesar de non chegar á idade suficiente, xa
traballara moito tempo. Perdería parte da pensión gañada desde os 13
anos, pero esperáballe unha feliz xubilación. "Nós fixémolo todo
traballando".
Patricia criou un fillo soa, e para iso traballou en
Citroën ou limpando casas. Colocou cintos en cada coche da cadea de
produción durante ano e medio. Pero o Citroën dos 10.000 traballadores
xa non existe; tampouco é tempo de contratos fixos. Chamárona outra vez,
colocarpicaportes durante trece meses máis. Sería a última.
Con todo, a
cadea de produción pola que dan os seus primeiros pasos os coches,
nunca para. Ao contrario, acelérase e os traballadores teñen que poñer
os cintos e os picaportes en, cada vez, menos tempo. Rubens é un
migrante uruguaio. Levántase todos os días ás 04:30 da mañá.
Ten unha
hora para ir ata a súa empresa, no polígono de Balaídos. Encárgase da
reposición de gasolina. Hai anos, cando chegaba un dos grandes buques,
todo o persoal se poñía á disposición do mesmo barco. Todo o persoal,
durante todo o día. Pero xa hai tempo que chegou o último. Rubens está
feliz, tal vez o fagan fixo. Polo menos, parece estable. Non ten nada
máis.
Os terreos de Casa Mar atópanse preto. Abandonados en
1991, hoxe son reutilizados por algúns dos ninguén que quedaron fóra
dos estaleiros, de Citroën, da empresa de reposición de gasolina, do
albergue e da protección social.
Coia
Cando se construíu en 1944 o arrastreiro Bernardo
Alfageme non estaba planeado que pasase á historia, pero esta é
caprichosa. Corenta e catro anos foron os suficientes para botar a
áncora, e en 1988 o pequeno arrastreiro foi doado ao Concello. Durante
ese tempo, a moza Coia vivía os efectos máis duros das drogas.
Ao barco
non lle foi moito mellor, caído nun despezamento. Varias protestas
atrasaron a súa definitiva morte. Ata que en 2014 o alcalde Abel atopou
unha solución: sacouno dos estaleiros de Barreras -empresa que
sobreviviu tras unha quebra, nacionalización e posterior privatización- e
decidiu poñelo no medio dunha das rotondas da supermazá de Coia a razón
dun millón de euros segundo La Voz de Galicia. Vigo ten superávit. Os veciños opuxéronse.
Hai un ano, os veciños de Coia encerrábanse na igrexa
do Cristo da Vitoria, coñecida pola súa loita polos desfavorecidos. Hai
un ano, segundo a fiscalía non había probas pero o Concello mantiña o
seu parecer. Hai un ano, a policía retiraba a denuncia contra Diego por
lesións. Hai un ano e agora, a loita continúa, dentro e fóra da igrexa.
Cando o Alfageme ía ser colocado na supermazá, os
marxinais e violentos -en palabras do Concello- levaban na rotonda o
suficiente tempo como para que o barco se convertese nun símbolo. Os GOA
despregaron un forte dispositivo, e o barco mudou nun adorno xunto ás
luces de nadal. "Eramos persoas moi diferentes, loitando contra o Vigo
de cartón pedra, o Vigo para turistas e só sector servizos", afirma
Diego. "O modelo de cidade de Abel estende esmolas no canto de
dereitos".
Rubens, o urugaio, sorpréndese cando os seus compañeiros que
non compran produtos cataláns si apoian os veciños de Coia, os
traballadores de Rande e outros conflitos sindicais ou veciñais. Diego,
pola súa banda, nado e criado en Coia, despois de todas as loitas,
descubriu, hai relativamente pouco, unha cousa importante: Coia existía
antes de facerse o polígono. Antes do Vigo que coñecemos.
Apenas se lembra a parroquia orixinaria. "Rachosue
coas dinámicas de vida anteriores. A xente que o lembra faino con
sufrimento. O mesmo pasaba para os que viñan do interior. Na medida do
posible, a xente mantén ese arraigamento, van á aldea as fins de semana.
Coia publicitouse entón como un barrio residencial, pero non había
sumidoiros nin servizos adecuados. Só mediante as reivindicacións
posteriores seconseguiron. Nós somos, en certa medida, herdeiros dese
tecido comunitario que se estableceu no barrio", conta Diego.
A final de contas, Vigo é unha cidade traballadora. O
16 de outubro Vigo ardeu. Pero o 3 de setembro, 200.000 persoas saíron á
rúa contra a construción do hospital Álvaro Cunqueiro. O alcalde, Abel
Caballero, formaba parte xunto á pancarta que avisaba dunha futurible
privatización do laboratorio.
Por desgraza, os ninguén non dan rédito político. Vigo,
a cidade onde non hai desafiuzamentos pero onde houbo cincocentos o ano
pasado.Onde queren desafiuzar a Paula despois de que dea a luz. Onde
irá a PAH Vigo-Tui para paralo." (Pablo Fernández, O Salto, 11/01/18)
No hay comentarios:
Publicar un comentario