"O maior descubrimento de arte rupestre das últimas décadas en Galicia” é como presentan varios arqueólogos o achado nos montes de Taboexa (As Neves) afectados polos incendios do pasado outubro dunha superficie de petróglifos descoñecida ata o de agora.
Unha descuberta que avalaría
“un novo paradigma para a arte rupestre galega e portuguesa: entre o
fondo da ría de Vigo e o río Lima o animal case exclusivo,
multirepresentado, non é o cervo, son os équidos”. A Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta confirma que os novos petróglifos de Taboexa “non están catalogados e, a priori, parecen importantes”.
O descubrimento dos novos
petróglifos, que se produciu o pasado 7 de decembro, foi anunciado a
pasada semana, tras a súa análise polos expertos, no salón de
actos do Centro de Interpretación do Patrimonio de Taboexa, nun acto no
que estiveron presentes Xosé Lois Vilar, Eloy Martínez e Manolo Ledo, da
sección de arqueoloxía do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM),
moi activo na recuperación e investigación do patrimonio en todo o sur
da provincia de Pontevedra, así como o alcalde das Neves, Xosé Manuel
Rodríguez, e os descubridores do petróglifo, Cándido Verde, Xosé Álvarez
“O Buraco” e Xilberte Manso.
O arqueólogo Xosé Lois Vilar destaca que
na zona na que se descubriron os novos petróglifos había xa outros
inventariados, pero os agora atopados estaban enterrados e só puideron
ser localizados tras os incendios do pasado outubro, paradoxo do que se
lamenta porque o lume é dos peores inimigos deste tipo de restos arqueolóxicos.
Foi precisamente cando foron revisar o estado en que os incendios
deixaran os petróglifos xa catalogados cando se atoparon co agora
descuberto.
Desde o IEM consideran os petróglifos de Taboexa “dos
mellores de Galicia polo seu tamaño, pola súa tipoloxía e pola
cantidade e variedade de figuras representadas”. Segundo a descrición
dos arqueólogos, nunha laxe inclinada de entre
25 e 30 metros cadrados (uns 6x5 metros) están gravadas diversas
coviñas, algunha figura abstracta e “uns vinte zoomorfos orientados en
direccións diverxentes ocupando toda a pedra”.
“Na parte alta
presidindo, un home ben sexuado, á súa esquerda un cánido e debaixo un
équido ferido por arma longa, animais de boísima factura, boa
conservación, grande tamaño e na mesma zona do petróglifo gravados
usando tres técnicas distintas”, esquemática, vaciado do corpo e doble
trazo. Segundo Vilar, o petróglifo aoparíase entre os "40 ou 50 mellores
de Galicia" e sería o mellor dos atopados nas dúas últimas décadas.
Segundo os expertos, os zoomorfos son “claramente équidos coa cola espesa, as orellas, a ausencia de cornas”,
o que os leva a ratificar “un novo paradigma para a arte rupestre
galega e portuguesa: entre o fondo da ría de Vigo e o río Lima (xa cun
caso en Felgueiras, máis ao sur) o animal case exclusivo, multi
representado, non é o cervo, son os équidos”.
Segundo din, “nesta extensísima área xeográfica só se coñecen dez superficies claras con cérvidos, delas só unha, quizais dúas en Portugal, pegadas ao Miño (Verdoejo) e máis de cen con équidos
co mesmo comportamento que os cérvidos, perseguidos, cazados,
simplemente representados na pedra. Os équidos cazados vivos ou matados
co home como dominador da natureza”.
“Este postulado comprobado na práctica vén de afianzarse aínda máis coa descuberta en Taboexa, que confirma o novo paradigma”, din os expertos do IEM, cuxa sección de arqueoloxía e etnografía vén impulsando o Proxecto Equus, que combina os estudos zoolóxicos, etnográficos e arqueolóxicos sobre os garranos (equus ferus atlanticus) e a arte rupestre.
Desde a Consellería de Cultura
indican que o IEM comunicou á Dirección Xeral do Patrimonio a aparición
destes achados, que “non están catalogados” e que “a priori, parecen
importantes”. Está previsto que nos próximos días arqueólogos
de Patrimonio se despracen á zona para inspeccionar os achados, valorar a
súa importancia e determinar que medidas tomar con eles." (Praza Pública, 14/01/18)
No hay comentarios:
Publicar un comentario