27/2/18

A avespiña asiática xa afecta a todos os castiñeiros de Galicia. Se pode facer fronte a esta praga coa loita biolóxica, baseada na solta do insecto Torymus, experimentado en Italia con éxito, despois de que aló se perdese o 80% da súa produción....

"A avespiña de orixe asiática detectada nos castiñeiros galegos desde 2014 afecta xa o 100% das árbores do país. Así o asegurou a técnica do Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós, Nuria Sánchez Limia nunha mesa de debate incluída no programa do Expoforum Noroesta Biofim 2017, que se celebrou ata o venres na Cidade da Cultura de Compostela. 

Segundo dixo, os expertos xa solicitaron ao Goberno de España a autorización para facer fronte a esta praga coa loita biolóxica, baseada na solta do insecto Torymus, experimentado en Italia con éxito, despois de que aló se perdese o 80% da súa produción.

Segundo Sánchez Limia, a produción de castañas de 2018 será a primeira afectada globalmente pola avespiña asiática porque, tras a súa detección en Galicia en 2014, foi "na actual campaña cando se detectou a aparición repentina en todas as árbores de todas as zonas produtoras", concretou. Ademais, destacou a "sorte" de que a loita biolóxica que espera a autorización do Goberno central, xa fose experimentada en Italia, co insecto chamado Torymus, parásito do tamén insecto Dryocosmus ou avespiña asiática.

Tal e como se destacou nestas xornadas, cada exemplar de avespiña asiática pon entre 250 e 300 ovos, dos que son viables uns 125 así que, "tal como están xa as árbores, para o ano estarán infestados desde a súa copa ata as poliñas que saen dos lados do tronco". A técnica dixo tamén confiar en que a solta de Torymus consiga reducir as previsibles perdas a "só" un 20 ou 30% da próxima colleita, "pero haberá que adoitarse a perdas así para sempre pois ambos os insectos convivirán e esperemos que a súa poboación se equilibre".

Sánchez Limia advertiu de que en Galicia hai unha variedade do insecto Torymus, que é o que fai as agallas ou carrabouxos do carballo. "Pero non podemos comprobar se é suficiente para combater á avespiña, e non sabemos como incidirá a solta do Torymus de fóra no noso e noutros insectos, pero pedimos a solta porque a situación é preocupante", engadiu.

A técnica tamén aludiu a outros problemas sufridos polo sector da castaña en 2017, como a tinta que, a pesar de ser un fungo que se transmite polo chan e prolifera en ambientes moi húmidos, "neste ano que se caracterizou por unha seca enorme, o fungo viviu un repunte". "Aínda non sabemos moi ben os motivos", dixo. 

Tamén se referiu ao chancro, cuxo avance conseguiu frearse con "vacinas de cepas hipovirulentas" e aos fenómenos meteorolóxicos adversos de hai xustamente un ano, cando 4.500 castiñeiros quedaron "esnaquizados" tras unha noite de temporal de neve e vento na zona de Riós, Vilariño de Conso, A Gudiña e Castrelo do Val (noroeste da provincia ourensá). Alén disto, a técnica atribuíu a redución dun 50 ou 60% da produción de 2017 a esas circunstancias sumadas á seca e á aparición das larvas de elephas, que proliferan cada 2-3 anos"               (Praza Pública, 12/11/17)

No hay comentarios: