"O colapso e a elevada lista de espera en cataratas levaron o
xefe do servizo de Oftalmoloxía do Complexo Hospitalario de Pontevedra
(CHOP) a presentar a súa dimisión. Nunha carta na que explica a
súa marcha, Pedro Corsino Fernández aclara que foi froito dunha
"decisión meditada" e explica tanto a saturación no seu departamento
como a falta de resposta do Sergas ás súas queixas, suxerencias e
peticións.
Así, na carta á que tivo acceso Praza.gal, o doutor explica que "o
principal problema (político)" do servizo de oftalmoloxía no CHOP son a
lista de cataratas e a "longa" lista de espera previa á consulta de
cataratas no Hospital Provincial.
Segundo explica, foron varias as veces
nas que expresou as súas queixas a varias direccións, mesmo a través
dun correo no que expresaba as orixes dos problemas "e as súas posibles
solucións". Entre elas, di, propuxo a contratación dun oftalmólogo para
levar a cabo operacións cirúrxicas de tarde que aliviasen a carga
acumulada. "A resposta foi o silencio".
Malia insistir, di Pedro Corsino Fernández, a resposta do Sergas
"volveu ser o silencio", polo que solicitou unha xuntanza coa xerencia
na que expresou de forma "dramática" a importancia do problema e pediu
solucións como condición para non presentar a súa dimisión. A resposta,
desta vez, foi unha proposta que o profesional considerou insuficiente.
"Non é só cuestión de pasar os enfermos da lista de espera de consulta de cataratas á lista de espera cirúrxica
(moi importante para dar visiblidade política ao problema), senon de
aumentar a nosa capcidade cirúrxica tanto no Hospital Provincial como no
do Salnés".
Así, o doutor resume a situación explicando que as listas de espera
"duplicáronse en 2017" ao pasar dos 228 pacientes en espera estrutural
cunha media de agarda de 23,4 días a unha lista de 488 doentes e 45,9
días de media. "Ante esta evidencia confirmada semana tras semana e
denunciada por escrito, adoptouse algunha medida? Mudou algo? Non,
nada", lamenta na carta. A todo isto, advirte Corsino Fernández, a
dirección do centro decidiu "incluír, de forma inmediata, 12 pacientes
máis cada día na lista de espera; 60 á semana e 240 ao mes".
Ademais, o profesional oftalmólogo pregúntase a razón pola que se
reduciron as actividades extraordinarias, como a que el reclamaba, a
pesar do menor financiamento. "Non, é simplemente a consecuencia dun
acto político no sentido de 'poder ou capacidade para elixir ou
seleccionar a asignación de recursos".
"Ante esta situación", remata o médico, "véxome incapaz de
dirixir e liderar este proxecto, un proxecto no que non creo e no que a
experiencia do último ano confírmame como de imposible realización".
"Podo non estar no certo e si haber unha solución: derivar os pacientes
á medicina privada, pero aí non estou disposto a chegar porque non se
estaría facendo unha boa admnistraión dos recursos públicos", finaliza
quen pediu a xubilación voluntaria e deixará o seu posto ao finalizar
este mes.
A dirección da área sanitaria quixo deixar claro que "respecta" a
decisión de dimitir e pedir a xubilación voluntaria e que "agradece" o
seu traballo destes anos á fronte do servizo, pero aclara que ao chegar
ao posto hai once meses xa detectaron problemas de funcionamento que
debían "resolverse", entre eles a "demora importante" na consulta de
cataratas.
Aseguran que a única solución proposta polo xefe do servizo
só contemplaba establecer unha actividade extraordinaria e estable de
cirurxía polas tardes e que non aceptou a proposta de mellorar a xestió." (Miguel Pardo, Praza Pública, 14/02/18)
No hay comentarios:
Publicar un comentario