"Na fotografía de Ruth Matilda Anderson
que encabeza este texto, tomada o 16 de outubro de 1924 diante do
desaparecido colexio San Clemente, hoxe Instituto Rosalía de Castro de
Compostela, podemos ver como varias roladas de porcos toman o camiño do
campo de Santa Susana, onde cada quinta feira había feira de gando.
Non
sabemos a data exacta en que comezou este mercado mais sabemos que neste
espazo se empezou a negociar con mercadorías do gando ao redor de 1552.
En 1676 denegouse unha licenza no lugar por molestar a feira de gando,
demostrando a importancia deste uso no monte . A feira acabouse
desprazando cara á parte superior do monte, provocado polo interese da
área inferior como espazo urbano e tamén de lecer.
Aquí tamén se
celebraron, moitas veces, actividades non permitidas dentro das
murallas. Sobre as transformacións habidas neste espazo ao longo do
tempo ofrece unha boa perspectiva Minia Bravo Pintos de quen tomamos as notas anteriores.
Porcos en locais inmundos
Percorrer hoxe aquelas rúas, a de San Pedro, San
Roque, As Rodas ou As Hortas, e toparmos nos baixos ou nos sotos dos
seus predios concorridos restaurantes ou tendas de delikatessen que, literalmente, abren o apetite a través dos variados aromas que desprenden, é algo habitual.
Mais se viaxarmos un século para atrás, ou menos,
toparíamos no mesmo lugar en que hoxe hai nomeados restaurantes con
cortes para cabalos ou cortellos para porcos.
Aí os aromas xa non eran
os mesmos, sobre todo no verán. Por iso as queixas dos veciños da rúa
dos Loureiros: os encargados da limpeza non visitan aquela rúa na cal
hai “multitude de porcos en locais inmundos”. Análogas queixas chegan
das Rodas, Cruceiro do Gaio, San Roque e moitas outras rúas. Criar
porcos na cidade era un bon negocio e ademais, como na serie animada de Hanna-Barbera, reciclaban os restos da comida.
Durante centos de anos nas rúas de Compostela
conviviron, cada quinta feira, persoas e animais. A prensa informaba das
transaccións levadas a efeito, unha parte delas reinvestida na cidade.
“Concurridísimo estuvo el mercado franco viéndose el campo de Santa
Susana literalmente cuajado de feriantes de todas clases” informa La Ilustración Cantábrica
seis meses antes da foto tomada por Ruth Matilda. A información
completábase coas liortas, claro, que as houbo e moitas: “José Llodio y
Secundina Pazos fueron denunciados por formar un alboroto en la feria de
Santa Susana”
Cebas a prezos subidos
Os porcos encabezaban as vendas “magnífico e ben
abundante foi o mercado de porcos verificado onte en Santa Susana.
Vendéronse excelentes cebas a prezos subidos” di a Gaceta de Galicia de decembro.
Eses “prezos subidos” queren dicer que, segundo o
tamaño, un exemplar cebado oscilaba entre 75, 100 ou 125 pesetas. Daí os
veciños se queixaren ao concello de falta de limpeza, mais non
solicitan que se impida criar porcos.
Non era un mal negocio e podía
supor o 10 por cento do salario anual de, por exemplo, un mestre. A
cualificación de asistencia oscilaba entre concurridísmo e pouco
concorrido. E algunha que outra discusión que por veces acababa en
denuncia, ou en navalladas, que de todo houbo.
E así foi semana após semana até que en 1971 o
mercado foi trasladado de Santa Susana aos Salgueiriños e máis tarde
Amio. E outros animais invadiron os espazos que antano ocuparon galiñas,
cabalos ou porcos." (Xoán Costa, Sermos Galiza, 06/04/18)
No hay comentarios:
Publicar un comentario