"As
‘Brigadas deseucaliptizadoras’ defínense como unha iniciativa de
voluntariado ambiental para recuperar a biodiversidade e combater a
eucaliptización de Galiza. A primeira destas brigadas, a da comarca do
Barbanza, vai lanzarse públicamente o vindeiro 21. Falamos con Joam
Evans, da comunidade de Froxán, de onde saíu a idea para este proxecto
que aposta na implicación social para pular pola recuperación da
biodiversidade dos montes do país. "Hai un movemento social que está
disposto a implicarse para transformar o monte galego".
-Como xorde a idea de poñer en andamento unha proposta como a destas brigadas?
-En Froxán [Lousame, cunha comunidade de montes activa e implicada en erradicar o eucalipto e recuperar a biodiversidade dos montes] temos una idea do que queremos facer co monte e temos claro que o eucalipto non pinta nada. O ano pasado comezamos a facer rogas e albarocas ambientais…
-Que vén sendo como traballo comunitario, non é?
-Basicamente é iso. Persoas voluntarias acudiron a Froxán para quitar
o eucalipto e outras especies invasoras. Foi unha experiencia moi
positiva, con xente vindo de moitos sitios distintos para axudar.
Pensamos entón por que iso non podía facerse tamén noutros lugares. De
aí saíu a idea das brigadas. Nas actividades que facemos en Froxán había
xente de Verdegaia Ribeira e formulámoslle a eles esta
proposta, asumindo darlle cobertura e responsabilidade ao proxecto. E
este 21 de abril vaise lanzar publicamente.
-En Froxán.
-As brigadas son basicamente un formato, a idea é que se faga con
entidades locais e xente por todo o país. Teñen un factor de custodia do
territorio, propietarios de terreos que queren que os seus terreos con
eucalipto ou outras especies invasoras pasen a ser outra cousa, que
queiran esa transformación. Ten que haber algún tipo de compromiso de
que iso se manteña no tempo.
As brigadas tamén teñen o factor do voluntariado: hai moita xente con
vontade de vir ao monte, nós vímolo en Froxán, moita xente con vontade
de colaborar, de non ficar sempre nas queixas porque a Xunta non fai
nada…
-O 21 presentarase a primeira brigada, cales serán os primeiros pasos? Remarcades a importancia da descentralización…
-Este proxecto, ao que Verdegaia lle dá cobertura, é un proxecto que
quer ser descentralizado. As brigadas van ser comarcais, o 21 preséntase
a primeira que é a Brigada do Barbanza. A idea é que desde distintos
colectivos de diferentes partes do país se impulsen as súas brigadas.
Desde que no Sermos publicastes a noticia [5 de abril]
xa se puxeron en contacto connosco desde tres lugares interesándose
pola iniciativa: do Condado, de Pontevedra e do Ribeiro. Tamén van máis
de 30 persoas apontadas como brigadistas desde diferentes partes de
Galiza. A idea é que a xente se vaia organizando ela mesma, que as
brigadas vaian xurdindo e vaian tendo vida propia e actuando…
-A actuación sería naqueles terreos que a xente pon a dispor do proxecto…
-A casuística pode ser aquí moi diversa. Por exemplo, se hai terreos
con eucaliptos de 20 anos, non van ir voluntarios a tombar eucaliptos de
40 centímetros de diámetro. Aí haberá que chegar a un acordo cun
madeireiro que o retire e que non se dane as especies autóctonas que
poida haber. Se desa madeira vai saír un beneficio económico, pídese que
parte del vaia para compensar, comprando maquinaria para as tarefas das
brigadas, especies frondosas para plantar… Pode haber casos de moi
diverso tipo. Agora mesmo a situación é outra, actuando en terreos que
arderon e onde o traballo é triturar as masas espontáneas de eucalipto
que están a medrar neles. En todos os casos ten que haber un compromiso a
longo prazo, quer verbal quer escrito para recuperar o bosque
autóctono, acordos de custodia, ou outros.
-O motor das brigadas é a idea de que é posíbel outro monte galego..
-Aínda que Ence e o sector a favor do eucalipto se empeñen no
contrario, existe un amplo consenso no ámbito científico de que é unha
especie cun impacto negativo: sexa na biodiversidade, sexa na
responsabilidade nos incendios, sexa en moitas outras cousas. Valorar se
o eucalipto é máis ou menos rendábel economicamente non pode ser o
criterio único, con ese mesmo criterio tamén poderiamos encher Galiza de
centrais nucleares.
Todos os anos, cando chegan os incendios, laiámonos: a Xunta ten que
facer tal, as comunidades teñen que facer cal, hai que aplicar a Lei de
Montes… e a realidade é que na Xunta non hai vontade. Pois en vez de
queixarnos tanto, e sen esquecer as responsabilidades de cada quen, e a
Xunta tenas, apostamos en cambiar o monte, facendo. Esta é a idea de
fondo. Deixar de laiarnos tanto e actuar. Hai un movemento social que en
está disposto a facer, a implicarse en diversas frontes para
transformar o monte galego.
-Unha iniciativa da propia comunidade, que decide facer
fronte a un problema ante o cal entende que a administración non actúa
ou inclusive que ten responsabilidade no propio problema.
-Somos conscientes de que o impacto das brigadas vai ser pequeno,
claro, hai en Galiza 700.000 hectáreas con especies invasoras: eucalipto
e outras. Mais naqueles sitios onde actúen as brigadas estarase a
demostrar que se pode facer e estase a mobilizar xente que ao mellor non
teñen relación directa co monte e que estás a sensibilizar, a
transformar esa vontade e sensibilidade inicial, a preguntarse que está a
pasar no monte.
Que isto o tiña que facer a propia administración? Claro que si, mais iso non está a pasar, non si?, por iso o fai a xente." (Sermos Galiza, 10/04/18)
No hay comentarios:
Publicar un comentario