Península onde se asenta o Castro da Frouxeira, ameazado por unha urbanización / Galipedia
"O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de ratificar 12 anos despois a ilegalidade dunha urbanización de 69 adosados que se quería facer enriba dun fermoso castro, o da Frouxeira, en Valdoviño
Este poboado fortificado está situado no extremo leste da praia da
Frouxeira, ten un diámetro máximo de 100 metros e varias liñas
defensivas. E, a pesar de estar catalogado e da súa privilexiada
posición, a constructora Construcciones Rías Gallegas SA proxectou sobre el unha urbanización en plena burbulla imobiliaria.
Era o 2005 e, daquela, calquera cousa valía con tal de edificar. En
marzo dese ano o concello de Valdoviño aprobaba o proxecto de
urbanización “Unidade de Actuación nº 2 de A Saiña”. E días despois a
constructora pedía edificar as primeiras 17 vivendas (de 69), chalés unifamiliares e adosados.
O problema era que a urbanización ocupaba solo rústico de especial
protección de espazos naturais (RN 2000 -LIC e ZEPA- e zona Ramsar),
solo rústico de especial protección de costas por incluir terrenos a
menos de 100 m do dominio público, e tamén solo rústico de especial
protección do patrimonio, por atoparse dentro da afección do Castro da
Frouxeira.
Primeira paralización
Por iso, en 2006 ADEGA presentou a correspondente denuncia perante o concello de Valdoviño, a Dirección Xeral de Urbanismo, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza e o SEPRONA.
E conseguiu unha primeira paralización das obras que o promotor tentou
reiteradamente ignorar, reiniciándoas en varias ocasións.
A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística
confirmou as denuncias, e o concello de Valdoviño tivo, en 2009, que
declarar nula a licenza. A construtora recorreu en instancia
contencioso-administrativa que un xulgado de Ferrol desestimou en 2012,
acto que “Construcciones Rías Gallegas SA” recorríu perante o TSXG.
Finalmente en decembro de 2017 o TSXG desestima o recurso da
construtora e valida as denuncias de ADEGA e a conseguinte suspensión
das licenzas acordadas en 2009 polo concello de Valdoviño. Literalmente,
o fallo ditamina que a anulación das licenzas ditouse para “tutelar os
valores ecolóxicos, naturais, paisaxísticos e do medio ambiente”.
Informes surrealistas
Durante este proceso, e tal e como apunta ADEGA, vivíronse momentos
surrealistas, como a presentación de informes emitidos por diversas
administracións que sinalaban que a planimetría da obra localizaba o
castro no mar. Un informe que utilizou a Dirección Xeral de Patrimonio
para emitir un informe favorable." (Historia de Galicia, 22/04/18)
No hay comentarios:
Publicar un comentario