"Nin "auditoría" nin "aval á solvencia da fusión das caixas galegas". Hai case media década, en xuño de 2013, a saída á luz do informe encargado pola Xunta á consultora KPMG para estudar a unión de Caixa Galicia e Caixanova
deixou claro que os principais aspectos que o Goberno galego destacara
sobre o documento non se correspondían coa realidade.
O que o presidente
Feijóo e a daquela conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás,
manexaban como suposta auditoría era realmente un "diagnóstico
acelerado", un traballo pagado con case 1 millón de euros de fondos
públicos no que se advertía de que as conclusións non eran
"recomendacións sobre a conveniencia de levar a cabo ou non a fusión".
Esa ausencia de aval á fusión e da auditoría mesma foi reiterada este martes por un dos coautores do informe no Congreso dos Deputados.
Un dos executivos de KPMG que elaboraron o traballo, Francesc Gibert, tivo que acudir á comisión que investiga o rescate bancario na Cámara Baixa e alí reiterou, a grandes trazos, o que xa bosquexara no Paralmento de Galicia hai cinco anos, na aínda inconclusa comisión de investigación sobre a desaparición das antigas grandes caixas.
Os representantes dos grupos parlamentarios, moi especialmente as
galegas Yolanda Díaz (En Marea) e Margarita Pérez Herráiz (PSOE)
cuestionárono sobre se a "presunta auditoría" era tal, en verbas de
Díaz, ou sobre se efectivamente houbo algún tipo de "aval" á fusión por
parte da consultora. O responsable de KPMG evitou confrontar abertamente
a realidade coas palabras de Currás e Feijóo, pero si ofreceu unha
versión dos feitos oposta á da Xunta.
"O que se nos pediu -explicou á comisión- foi que fixesemos unha
análise da fusión das dúas caixas galegas", que "nun mes puidesemos
tentar anticipar o trazo gordo" do que podería ser un "traballo
completo", que necesariamente duraría uns "catro ou seis meses". "Polo
tanto, o noso informe era preliminar", un "diagnóstico acelerado" no que
"non se nos pedía que analizásemos outras alternativas" á unión de
Caixanova e Caixa Galicia e que "en ningún caso era unha auditoría de contas".
"Xa tiñamos suficiente traballo como para cuestionar cousas que xa
estaban feitas", agregou Gibert en referencia ás auditorías que cada
entidade manexaba ligadas a cadansúas contas anuais.
Se ben a consultora prevía unha "segunda fase" do traballo, máis
demorada, esta "non se fixo por parte de KPMG", e o gabinete de Feijóo
recibiu un primeiro documento que "tampouco constituía unha
recomendación" sobre "fusionar ou non fusionar" ambas caixas. "O noso
informe era factual" e nel "diciamos: fixéronse uns traballos,
obtivéronse uns resultados" que foron "comparados" cos doutras fusións.
"Si é certo que no noso informe hai un momento onde recomendamos a
asborción de Caixa Galicia por parte de Caixanova", admite, como xa
fixera no Parlamento en 2013, pero "o noso informe non recomendaba a fusión",
reitera, e ofrecía unhas previsións económicas ao respecto -que a
entidade resultante podería ser rendible- os cales, ao seu xuízo,
ficaron truncados pola propia crise e as mudanzas legais dos anos
seguintes.
O paso do executivo de KPMG polo Congreso serviu, daquela, para
reafirmar que a suposta recomendación de fusión baseada nunha auditoría
nunca existiu, pero non para aclarar o procedemento polo que a Xunta
contratou a consultora para facer este traballo. "Cal foi o procemento de licitación? Non sabemos cal foi, semella o misterio mellor gardado do señor Feijóo", ironizou Yolanda Díaz.
Neste sentido, Gibert limitouse a reiterar que "recibimos unha chamada da conselleira de Facenda",
Currás, para realizar o encargo, e "se nos pediu que por motivos
prácticos, dirixísemos a proposta só á Xunta" e non tamén ás propias
caixas. O prezo, confirma, foi de 835.000 euros máis IVE, "valor de
mercado para un traballo deste tipo", asegura." (David Lombao, Praza Pública, 08/05/18)
No hay comentarios:
Publicar un comentario