11/5/18

Podemos evitar que a traxedia de #ArdeGalicia se repita?

"Xornal de Vigo analizou as causas dos incendios acontecidos en Galicia o pasado outono, uns lumes que arrasaron 50.000 hectáreas en poucos días, principalmente, no sur da provincia de Pontevedra. Pero, pódese evitar que algo similar volva a acontecer no noso país?

Para tentar dar con algunha resposta, este medio falou con varias persoas con longa experiencia na xestión dos nosos montes. Entre eles, Antonio Ocampo, Presidente da Comunidade de Montes de Coruxo, Víctor Vidal, Presidente da Comunidade de Montes de Chandebrito, Gregorio Álvarez, Presidente da Comunidade de Montes de Valadares, e Uxío González, Presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo.

Conversando con eles, parece que a única perspectiva de futuro pasa por establecer unha nova orde nos nosos montes, que tenden ao monocultivo de especies coma o eucalipto. Esta é unha especiq que crece moi rápido e polo tanto poden traer rendibilidade económica en moitos menos anos, pero ten un perigo: o seu comportamento co lume.

As árbores autóctonas de Galicia,frondosas, coma o carballo ou a nogueira, poden tardar medio século en medrar e, polo tanto, en xerar beneficios económicos, e as comunidades de montes están nunha difícil situación, posto que precisan de achegas e non atopan o apoio suficiente. Precisamente a axuda ás comunidades de montes, agora que definitivamente a cidadanía galega mobilizouse cara as cidades, parece unha cuestión esencial.

Así o verbaliza Antonio Ocampo: “Galicia é unha das zonas de Galicia máis ricas no forestal, pero ningún partido político aposta polo bosque. Hai zonas onde podes plantar cerdeiras, que teñen un crecemento máis lento, para 40 anos, pero o prezo do metro cúbico de eucalipto é de 15 euros aproximadamente, e o da cerdeira, 400”.

A axuda económica resulta imprescindible cando alguén comeza unha empresa que tardará seis décadas en dar froitos. Porque se non, obriga a ir ao rápido, aínda que a calidade do “produto” sexa menor. E, por iso, a plantación de especies como o eucalipto parecen inevitables, aínda que non únicas. “As árbores son unha inversión. Eu sempre digo: regálalle unha árbore a teu neto. O que non podes é dedicar a metade do monte a eucalipto, tes que ter unha produción equilibrada”, sostén Ocampo.

El lamenta un planeta que perdeu o seu equilibrio:“Se estudas o mundo, atópaste con que están eliminando selvas, expulsando indios do Amazonas polo petróleo e a madeira. O maior problema do mundo é o cambio climático”.

Pedro Sánchez, Gonzalo Caballero e o alcalde de Nigrán dan unha rolda de prensa en
A súa comunidade está conformada por un 60 hectáreas de frondosas, 50 de eucalipto e unhas 90 de pino, o ideal para el sería chegar ás 100 de frondosas e reducir polo tanto a superficie de pino e eucalipto.
OS RISCOS
Advirte dos riscos dunha nefasta ordenación do monte: “A finais dos 50 ou comezos dos 60 houbo unha loita encarnizada cos pastores, que foran expulsados dos seus pastos para plantar o eucalipto. E en moitas zonas a súa resposta, como vinganza, foi en forma de lumes. Isto amosa a importancia dunha planificación forestal consensuada”.

Tralos incendios, non se mantiveron os prezos do piñeiro e iso causou grandes perdas á comunidade de montes, defende: “A Xunta non tomou ningunha medida, cando debería subvencionar para que os prezos se mantiveran”.

Pola súa parte, a Xunta leva moitos anos adicando máis fondos á extención e prevención do lume que á ordenación do monte. E Tomás Fernández-Couto leva tamén 17 anos coma Director Xeral de Ordenación e Produción Forestal da Xunta (ou outros cargos similares do mesmo departamento), e vén gastando uns 100 millóns de euros anuais a actuar fronte aos incendios, e aproximadamente a metade na ordenación do bosque.

O cal non semella práctico, á luz dos datos e das reflexións dos expertos. Só no incendio do monte de Coruxo de 2017, perdéronse máis de millón e medio de euros. Polo tanto, parécelles pouca calqueira cantidade adicada á prevención, sobre todo agora que damos as costas ao monte.

Debemos ter en conta a excepcionalidade de Galicia en verán e, co cambio climático, tamén en outono: hai zonas de España moito máis secas, pero teñen tamén bastante menos vexetación, noutros lugares hai vexetación pero esta mantense húmida. Pero nesas datas Galicia, e o norte de Portugal, sofren a mestura de espesa vexetación e seCA ambiental, algo único que axuda a entender o acontecido.

Para Víctor Vidal é claro que “hai que dedicar máis diñeiro e recursos na prevención que na extinción. Porque en casos coma o deste verán, todo era tan grande que nin con recursos. o vento facía que as follas voaran a quilómetros”.
MÁIS PREVENCIÓN QUE EXTINCIÓN
Uxío González sostén tamén que “é evidente que se o que gastaran en extinción o gastaran en prevención, con zonas de frondosas, sería mellor e máis barato a longo prazo”. E fálanos doutra especie perigosa para nós e o noso ecosistema, a acacia:“É bastante máis prexudicial que o eucalipto, moito máis fácil de eliminar. Eliminamos a metade do eucalipto de Saiáns sen gastar un duro, coa axuda de voluntarios. Pero a acacia propaga aínda máis o lume, non vale nada a madeira e necesítanse produtos químicos para eliminala”.

Conclúe: “É a verdadeira invasora. Trouxerona polo mesmo, ter crecemento rápido, fácil. O eucalipto non é tan malo, simplemente hai que acotalo. A acacia nin sequera ten valor comercial ningún, custa máis cortala. Polo menos o eucalipto dáche un duro, as cousas hai que poñelas na balanza”.

As comunidades de montes son asociacións sen ánimo de lucro, pero necesitan beneficios para poder realizar tareas máis custosas do que poderiamos pensar. Así, aclara Víctor Vidal: “Agora moitos queren colaborar na reforestación, veñen con 2.000 euros e pensan que reforestas con iso. E con 13.000 euros compras 2.000 árbores, e só para unha hectárea plantas xa 700… E se encima plantas frondosas, que son para dentro de 35 anos… A venda de madeira non dá para manterse.”
COMO RENDABILIZAR O QUEIMADO
E engade: “Unha tonelada de madeira pagabana a 30 euros, agora a 20 ou 15. Hai moitas comunidades de montes que estes anos terán moitos gastos e non ingresarán como para sufragalos, o que é un gran problema. A administración axuda pouco”. E se están en apuros, quen vai coidar o monte ou preocuparse por que non se convirta nun monocultivo?

Vidal é da opinión de que a nivel político as comunidades de montes, máis que inimigas, deberían verse coma aliadas: “Entender que non temos ánimo de lucro, e o diñeiro reinvírtese na parroquia para todo o mundo, para calquera que queira desfrutar dela, polo que penso que deberiamos ter outro réxime fiscal, é triste que aínda por riba teñan que clavar o IVE”.

O feito de plantar é educativo para os nenos, defende Ocampo. E a realización de xornadas para a aprendizaxe medioambiental pode estar tamén na axenda das comunidades. En Chandebrito, o 24 de marzo organizaron un acto para facer reflexión e darse a coñecer. Plantaron 5.000 árbores, quedan outro tanto por plantar: “Todo especies autóctonas, excepto o pino piñoneiro, porque ten piñóns, para dar de comer á seguinte xeración de esquíos”.

Vidal ten as ideas claras: “Pensamos nun monte máis diverso, máis natural. Si que é certo que o diñeiro do eucalipto axuda a investir máis diñeiro noutras especies, ou en infraestructuras. Fixemos xornadas medioambientais para decir que non debe ser cultivarse só a especie que permitiu organizalas, o cal é curioso”.

Son contas fáciles na teoría pero difíciles na práctica para as comunidades: “O valor da madeira de nogueira ou carballo é moito máis elevada, pero para un eucalipto tes que esperar dez anos, para o carballo 60, que xa cortaches 4 ou 5 veces o eucalipto. Se vives exclusivamente da venda de madeira… Agora están con cousas pioneiras, marmelada de frores silvestres, cogumelos…“, o cal podería supor unha nova esperanza para o futuro.

É complicado: “En moitísimas zonas, o bosque autóctono está desaparecendo porque precísase rendibilidade, e se non tes outras instalacións, coma un colexio ou unha canteira que proporcione diñeiro ao ano, de plantar carballos non vas vivir. O carballo non permite que o bosque se poida autoxestionar e manter“.

De tódolos xeitos, Vidal advirte: “Debería existir unha coordinación única entre os operativos de incendios, e deberían estar en mans públicas. Hai equipos de extinción que se alugan a empresas, e iso tería que ser algo público cun soldo fixo, e se non hai incendios cobran e traballan igual, en labores de prevención, porque traballo sobra. Non deberían existir pluses en nómina por sortear un incendio”.
MONOCULTIVO DO EUCALIPTO
En Chandebrito, na superficie comunal, o 75% das árbores son piñeiros e o 15% eucaliptos, na privada un 80% de eucalipto e 15% de eucalipto, o restante para as demais especies: “Os montes están converténdose nun monocultivo de especies pirófilas, e en xeral están pouco coidados, algo que resulta clave. Por exemplo, grazas ao cinto amplo entre o monte e as casas, salváronse a maior parte delas, excepto dúas, unha delas tiña ventanais de madeira que arderon coas follas, as de pedra aguantaron”.

Habería unha porcentaxe ideal de especies autóctonas, tendo en conta o biolóxico, e unha porcentaxe lóxica, sostible ecomómicamente. Porque a comunidade necesita ingresos: 

Chandebrito ten uns 490 habitantes, non importa moito no censo electoral. E moitas das súas infraestruturas teñen que partir da inversión directa da comunidade de montes”.

“O equilibrio estaría en non plantar máis do que se poida coidar”, conclúe o seu presidente. Pero máis aló de suxerencias concretas, o perigo sempre estará maís ou menos preto de nós e así o manifesta Gregorio Álvarez: “Se fora só en Vigo… pero ardía toda Galicia, e os medios son limitados. Pódense tomar moitas medidas, pero non se pode asegurar ao 100% que non volverá ocorrer. O máis importante é alonxar as árbores pirófilas das vivendas. Hai moitas formas de polo menos minimizar, pero eu recorrín a zona de Coruxo e hai carballo queimado, non se pode garantir nada”.                   (Xornal de Vigo, 02/05/18)

No hay comentarios: