29/5/18

A enemistade entre o propietario da pirotecnia e un veciño, o inicio da traxedia de Tui. O xulgado levaba meses requirindo ao Concello de Tui que executase unha sentenza de 2014 que anulaba as licenzas de actividade da pirotecnia La Gallega

"O xulgado contencioso administrativo número 1 de Pontevedra levaba meses requirindo ao Concello de Tui que executase unha sentenza de 2014 que anulaba as licenzas de actividade e obra da pirotecnia La Gallega, situada en Baldráns. 

Unha sentenza que chegaba logo de anos de pleitos e coa que tivo que lidiar un alcalde do PP, outro do PSdeG e o último, de Converxencia XXI.
Nesta traxedia hai unha sucesión concatenada de feitos que provocaron unha desgracia que podería ter sido, aínda moito maior. De feito, detrás do accidente, no punto de inicio de todo, está a enemistade entre dous homes; o propietario detido e un veciño.

 

Segundo as fontes consultadas, na pirotencia clausurada non se realizaba unha actividade legal. De feito, o traballo era clandestino e parte da pólvora e do material pirotécnico non estaba almacenado nesas dependencias, senón que se levaban a outros almacéns --principalmente galpóns-- que non reunían as condicións legais para gardar este tipo de materiais inflamables.
 

TRABALLO ÁS AGACHADAS
 

Pero, por que o propietario tiña que traballar ás agachadas?. O problema remóntase a hai trece anos cando un veciño, emigrante retornado de Alemaña, comezou a ter problemas co dono de La Gallega. A enemistade chegou ao punto de que dos insultos pasaron ás denuncias. Primeiro ante o concello, logo na Guardia Civil e, finalmente, nos xulgados. No 2014, os tribunais dictaban que a actividade desa pirotecnia era ilegal e debía de ser clausurada.
 

Paco Gómez, o veciño, contaba hai uns días a súa versión na Radio Galega e en varias televisións, e acusaba de "neglixencia" á Policía Local, á Guardia Civil e ao anterior alcalde de Tui, o popular Moisés Rocha, polo acontecido. De feito, apuntaba directamente ao ex rexedor e a mandos da Guardia Civil por "estar comprados" e por "recibir prevendas".
 

Unhas duras acusacións que teñen que ver con esa enemistade entre os dous Franciscos e que teñen a súa orixe, como moitos problemas en Galicia, en diferencias pola propiedade.... Ou, máis especificamente neste caso, pola legalización dunha vivenda e a dunha actividade industrial, ambas as dúas propiedades veciñas.
 

PROBLEMAS DE LICENCIAS
 

De feito, o denunciante recoñecía ante a Radio Galega que a súa vivenda construiuna de xeito irregular, sen licencia. "Rocha deume a min a licencia para facer a casa porque o da pirotecnia non tiña licencia e non quería que ma dera a min. Entón eu díxen que senón ma daba denunciaba. Entón deixoume facer a casa e logo legalizouma", suliñaba.
 

Curiosamente, este mesmo veciño é o único que aparece en todos as reportaxes televisivas asegurando que hai un "gran malestar veciñal" e que todos na parroquia sabían das actividades ilegais do detido. Este medio falou con distintas fontes e veciños da zona e ningún, en ningún momento e a pesar da insistencia, falou mal do detido, nin sabía que almacenaba material explosivo preto das casas. De feito, os poucos que se atreveron a comentar algo dixeron que era un "bo home".
 

ESTABA VIXIADO
 

Quen si o sabía era Paco Gómez que, debido a esa enemistade que tiña co seu veciño, "vixiaba" as súas actividades. "Eu vía que estaban traballando clandestinamente e que levaban a pólvora para outro lado en furgonetas...Eu sabía que a tiñan escondida porque a furgoneta a tiña vixilada", aseguraba.
Este sábado a Guardia Civil atopaba outro galpón onde se almacenaba material explosivo. 


E este domingo, aparecía outro novo agochadoiro. Segundo as fontes consultadas foi o propio detido o que dixo que había máis pólvora porque, desde a súa detención, "colaborou desde o minuto un". "Estaba desfeito polo acontecido", sinalan. De feito, outras fontes suliñan que de non ter existido esa sentanza, que obrigou á paralización da actividade da empresa, "esta traxedia non tería acontecido"."                 (Xurxo Salgado, Galicia Confidencial, 27/05/18)

No hay comentarios: