"Mentres conversamos no Casa Selmira de Cangas de Foz, os veciños chancean con Antonina Semedo. “Estás
máis solicitada cós políticos”, rin. Un colectivo veciñal con
representantes de varios municipios da bisbarra vén de propoñer o nome
desta muller caboverdiana, unha das primeiras migrantes africanas que
pisou A Mariña, para a Medalla Castelao que concede a Xunta de Galicia. Tamén hai unha campaña de recollida de votos en internet para esta fin.
A plataforma destaca o esforzo
de Semedo como “activista social, mediadora intercultural, intérprete
musical e muller emprendedora”, unha bagaxe que acumulou durante catro
décadas. Antonina chegou a Cangas de Foz o 23 de xullo do 1978, cando
tiña 24 anos. Alcanzaba así ao seu home, que viñera á comarca para
axudar na montaxe da fábrica de alúmina-aluminio de Inespal e que despois gañou o pan no mar.
Cada emigrante ten un xeito de
explicar o desarraigo, pero Antonina retrata os comezos cunha historia
traxicómica. A súa presentación en sociedade foi nun enterro ao que
quixo ir para coñecer a cultura da morte galega. Era a única negra que había no funeral e a xente preguntaba de onde saíra. Por se non chamaba abondo a atención, ortigouse. “Eu nunca unha ortiga vira e rocei unha. Daquela empezaron a picarme as pernas e non paraba”, ri.
“Unha muller en Lugo,
despois de dar moitas voltas, pediume: ‘podo tocarte?’. Outra
preguntoume se quería aos meus fillos como ela quería aos seus”, lembra
Semedo, que se resiste a utilizar a palabra racismo. “Non había hábito de tratar con nós, era descoñecemento”, asegura.
Entre os prexuízos tamén atopou
apoio. “Tiven moita sorte cos veciños”, sinala. A súa axuda fíxose
imprescindible cando o seu home padeceu un accidente. Antonina, ás veces
cos fillos ás costas, apañou algas, plantou eucaliptos, foi camareira,
coidou maiores. No pasado 2017, con 39 anos de convivencia exemplar e
traballo en España e dous fillos galegos, tivo que facer un exame para obter a nacionalidade española.
O BATUKO
Nun galego cun acento por veces caboverdiano, por veces mariñao, Semedo conta que comezou a traballar na súa Santana
natal, con catro anos. Miraba de que as cabras non se dispersasen
porque a súa familia non se podía permitir un valado. Nos descansos
desfrutaba dunha tradición centenaria e proscrita. Coa chegada dos
portugueses, as mulleres de Cabo Verde cantaron
para protestar pola súa irrelevancia.
Para acompañar os seus laios,
primeiro utilizaron o peito como percusión. Logo usaron un pano mollado e
despois unha saca de coiro colocada entre as pernas, o batuko. Este estilo musical estivo prohibido até a independencia, no 1975.
Á altura do 1999, a poboación caboverdiana na Mariña -especialmente en Burela– tiña unha importante incidencia. Daquela, Semedo fundou Batuko Tabanka (“tambores
de entroido”), un grupo musical que levou a música de Cabo Verde por
todos os recunchos da Península Ibérica e que colaborou con Uxía Senlle, Mercedes Peón ou Luis Pastor. Nas súas cancións, as 13 mulleres que integran a banda seguen a tradición: falan de maridos que están no mar, da ‘sodade’ á que cantaba Cesária Évora ou da violencia machista.
OS ADOLESCENTES, DESCOLGADOS
O grupo naceu no seo da asociación Tabanka,
que vela polos intereses dos caboverdianos na bisbarra. A Semedo
preocúpalle a integración dos adolescentes que chegan á Mariña, moitos deles sen a rede familiar,
pois soen quedar descolgados pola esixencia dos estudos.
Así é
complicado transmitirlles a importancia dunha formación. “Traballamos
para atopar a alguén que os entenda no seu idioma, unha especie de
orientador que coñeza o español, o galego e tamén o crioulo”, asegura.
Acabada a entrevista, Semedo saúda aos veciños, que toman o vermú do domingo no mesmo bar a onde chegou hai 40 anos. “Nunca pensaba, nunca imaxinaba / estar
tanto tempo lonxe da miña terra”, canta nunha das pezas de Batuko
Tabanka. Hoxe, para atopala hai que preguntar por Antonina de Cangas.
Está agradecida ao chan que pisa, pero foi xente coma ela a que fixo
mellor a bisbarra." (Ramón González Rey, Xornal de Mariña, 21/05/18)
No hay comentarios:
Publicar un comentario