"Vén de rematar a fase de apoios ás propostas presentadas aos terceiros orzamentos participativos do Concello da Coruña.
Agora, os técnicos e técnicas municipais avaliarán a viabilidade e
custo das iniciativas que recibiron máis votos nesta fase inicial (as
que superaron os 80 apoios en toda a cidade ou 15 nun dos distritos).
Esta
avaliación (dun total de 183 proxectos) rematará a finais de agosto,
momento no que comezará a votación final para distribuír os 3 millóns de
euros cos que os orzamentos participativos contan ese ano.
En total, presentáronse 909 propostas, un 44% máis que o pasado ano, das
que 696 foron consideradas inicialmente viables (fican excluídas
aquelas iniciativas que non sexan un investimento ou para as que o
Concello non conte con competencias), un 64% máis ca no 2017. A
participación da cidadanía mediante os seus votos tamén creceu
notablemente, aumentando un 60%, ata as 2.283 que realizaron algún apoio (fronte ás 1.421 do pasado ano e ás 1.016 do 2016). O número de votos totais, 24.075, incrementouse nun 83%.
Os votos tenderon a concentrarse en propostas que fan
referencia a infraestruturas (14.148), que acaparan o 60%, e ás que
seguen as de medio ambiente (8.162), urbanismo (2.186), deportes (1.777)
e cultura (1.396). As propostas de cidade que
recibiron máis apoios nesta fase son a instalación de contedores de
reciclaxe por incentivos, a creación dun gran bosque da Coruña e a posta
en marcha dunha compañía pública de enerxía renovable.
Entre
as que acadaron máis respaldo nos distritos están, por exemplo, a
instalación dunha cuberta para o patio central do CEIP María Pita, no
distrito 7, a creación dun parque no Ventorrillo e Agra do Orzán ou a
reurbanización da rúa Panadeiras.
As persoas que están a participar máis
nos orzamentos mediante os seus votos son aquelas que contan entre 30 e
49 anos. cunha distribución moi equitativa entre homes e mulleres.
Do 4 ao 6 de xullo, A Coruña acollerá o Encontro Ibérico de Orzamentos Participativos,
“onde se escoitaran diferentes experiencias para estes procesos, como
pode ser a que o Goberno portugués puxo en marcha a nivel estatal e
moitas outras, das que esperamos recoller tamén iniciativas que poidamos
aplicar na cidade”, salientou Delso." (Praza Pública, 02/07/18)
No hay comentarios:
Publicar un comentario