20/7/18

Comeza o transvasamento de fondos de I+D das universidades para construír o novo edificio do Gaiás


 Cinco anos despois da paralización das obras que supuxo desbotar a construción dun Teatro da Ópera e tras o gasto duns 300 millóns de euros en obras -tres veces máis do previsto inicialmente-, Alberto Núñez Feijóo anunciaba que sobre os cimentos do que ía ser o teatro será erguido o chamado Edificio Fontán, unha sede para diversos organismos universitarios que custará 17 millóns de euros.

 Poucos días despois, o 11 de xuño, a Xunta puxo en marcha o transvasamento de fondos de I+D+i das universidades para comezar a financiar as obras.

Na explicación do que definira como un exercicio de "sentidiño económico" Feijóo xa anunciara a previsión de pagar este edificio con fondos propios do Goberno galego e tamén con cartos que xa estaba previsto destinar ás universidades. Isto é, con fondos do Plan de Financiamento destas institucións académicas. 

Segundo a operación tramitada pola Consellería de Educación o pasado xuño os primeiros 700.000 euros sairán, concretamente, do apartado dese plan de financiamento destinado ao "fomento da I+D+i", unha primeira inxección de 700.000 euros -a Consellería prevé que teñan esta orixe ata 2,5 millóns- que se xustifican no expediente alegando que o seu obxectivo é "impulsar un complexo de I+D+i do Sistema Universitario Galego", isto é, o devandito edificio do Gaiás.

 Estes fondos foron recolocados no orzamento de gastos da Fundación Cidade da Cultura dentro do epígrafe "construcións en curso" e coinciden exactamente co diñeiro que, segundo o procedemento de contratación das obras, a Xunta prevé gastar no proxecto durante este 2018.  

Este cronograma proxecta que en 2019 os gastos ascendan a 3,5 millóns, que en 2020 a anualidade sexa de 8,3 millóns e en 2021, de 4,5 millóns máis. Así, ata chegar aos 17 millóns de euros previstos. Na documentación non hai referencia ningunha a posible financiamento estatal, que Feijóo suxeriu na súa presentación pero que nin mencionou na súa xuntanza desta semana con Pedro Sánchez.

Na documentación do proxecto inclúense abondosas explicacións do arquitecto Andrés Perea, deseñador do edificio que xa ocupara a dirección das obras das primeiras construcións no Gaiás. Perea, que na comisión de investigación sobre as obras gabara a Cidade da Cultura como "obra mestra moi traballada" e "dunha coherencia insólita", xustifica agora que o edificio non previsto no proxecto inicial de Peter Eisenman encaixará sen problemas no monte.

 Esta actuación na Cidade da Cultura, di a documentación, "responde a un tempo maxistral na obra" do arquitecto estadounidense e foi "resultado dunha empresa política eficiente na que foron convocadas as empresas, oficios e técnicos galegos". "A coherencia do proposto polo arquitecto americano e o construído é (...) incuestionable" e este novo edificio, asegura, engade "significado ao construído".

"Un proxecto neste lugar remedando o imaxinario de Peter Eisenman -detalla- resultaría patético e inadecuado" e mesmo podería "incorrer en vulneración dos dereitos de propiedade intelectual". No entanto, este novo deseño "comprometido co seu tempo" será "un proxecto que aterra, case ingrávido, no contexto matérico e inmoble da obra de Eisenman, sen nostalxias nin retóricas" e vaise "integrar" sen "mimetizarse cos edificios existentes".       (David Lombao, Praza Pública, 18/07/18)

No hay comentarios: