31/10/18

Guerras nacionalistas. En 2012 o BNG rachaba á metade. Moitos dos que estaban entón no BNG, están hoxe en En Marea e volven reproducir seis anos despois os mesmos erros que case que afundiron ao BNG electoralmente.En Marea sae desta asemblea moi tocada

"En 2012 o BNG rachaba á metade. Milleiros de persoas acudían a histórica asemblea de Amio, en Santiago de Compostela, que resultou a máis bronca da historia recente desta formación. Moitos dos que estaban entón no BNG, están hoxe en En Marea e volven reproducir seis anos despois os mesmos erros que case que afundiron ao BNG electoralmente.

E por que lembrar Amio?. Porque Amio estivo na boca dos moitos dos asistentes a asemblea, tamén histórica e tamén en Santiago, que En Marea celebrou esta fin de semana. Unha asemblea na que os críticos enmendaron de plana as políticas da actual dirección de Luís Villares e na que tamén se reproduciron comportamentos inauditos e case esperpénticos como os vividos hai case sete anos.

En Marea sae desta asemblea moi tocada. Tan tocada que será difícil endeireitar o seu rumbo. Xa non se trata de alianzas ou consensos entre os sectores enfrontados, senón de conseguir dominar o partido, a marca. Esa é a nova guerra entre os críticos, que agora son os oficiais, e os oficias que agora pasan a ser os críticos.

GUERRA NACIONALISTA

Porque neste crebacabezas é difĺicil saber quen está con quen. As loitas en En Marea son, principalmente, entre o sector nacionalista. Ese sector que, dun ou doutro xeito, formou parte do BNG, e mesmo da UPG, e que logo tamén marchou e fendeu esta formación. Antes aliados, en Amio, e agora inimigos.

A metade de Anova, na que está a FPG, apoiada por sectores podemitas e de Esquerda Unida, e as mareas das principais cidades, contra a outra metade de Anova, Cerna e independentes afíns a Luís Villares, e outras candidaturas locais. Unha guerra fraticida entre dous clans que, de estourar, abrirá unha fenda e unha ferida que xa, nunca mais, será pechada polo nacionalismo.

E, quizais, aí estea a chave para entender certas estratexias dos principais actores de En Marea. Quen cubrirá ese vacío cando os sectores nacionalistas de En Marea se teñan consumido entre eles?. Por que na histórica asemblea do sábado non estaban outros líderes que, supostamente, apoian o proxecto de En Marea pero que non son nacionalistas?. Por que non acudiu Antón Gómez-Reino, novo dirixente de Podemos Galicia, ou os dirixentes de Esquerda Unida, ou os alcaldes da Coruña e de Ferrol?.

O sector crítico impuxo as súas teses e agora haberá que agardar a decembro para saber quen lidera En Marea. Pero no aire quedan moitas dúbidas, entre elas, dúas fundamentais para entender o que acontece dentro desta formación; o modelo de primarias e o papel de En Marea noutras institucións non galegas como o Congreso, o Senado ou o Parlamento Europeo.

AS NOVAS DIVISIÓNS

Por que houbo consenso en todo entre os críticos e non no modelo de Primarias?. Compostela Aberta era partidarios de listas abertas e candidaturas individuas, fronte ao modelo de listas pechadas de Luís Villares que foi, curiosamente, o que ao final saíu adiante.

Unha derrota do sector nacionalista de Martiño Noriega que propiciaron outros sectores que o apoiaron na asemblea, nomeadamente, Podemos e EU. E, por que?. Terá que ver con que estas formacións queren impoñer listas, candidatos ou mesmo líderes nunha negociación que se antolla difícil de cara as vindeiras europeas, ás municipais ou mesmo xa de cara a un anticipo electoral en Madrid?.

E, o segundo punto que pode abrir fendas nese sector crítico. Que modelo de coalición é o que quere En Marea no futuro; o de Compromís, como pide o sector nacionalista, ou o actual que, na práctica, supón ser “unha sucursal de Unidos Podemos en Madrid”?. De feito, iso foi o que durante a asemblea da fin de semana dixo a deputada Alexadra Fernández ao denunciar públicamente que o grupo de En Marea no Congreso non ten autonomía propia. Un grupo que, ademais, non quixo dar conta do que fai en Madrid porque, oficialmente, “non depende de En Marea”.

E, DE FONDO, AS MUNICIPAIS

E, no futuro máis próximo, as municipais, na que hai unha nova fronte aberta; as candidaturas municipalistas que, por unha banda promove a direción de Luís Villares, vinculadas, precisamente a En Marea, e as candidaturas críticas que lideran Compostela Aberta, Marea Atlántica e Ferrol en Común.

Precisamente, esta fronte é a que se antolla máis perigosa para algúns dos principais actores involucrados de cheo na actual situación de En Marea, nomeadamente, Compostela Aberta. Cun candidato socialista consolidado xa en Santiago e apoiado polos medios, Martiño Noriega terá que evitar que estoupe unha revolución interna en En Marea que o salpique directamente a el a poucos meses das municipais. Unha revolución e división da que, a priori, quedarían a salvo os principais actores de Podemos e de EU. E é a aí onde acabaría... ou volvería a comezar... esta crónica dunha morte anunciada."                  (Xurxo Salgado, Galicia Confidencial, 29/10/18)

No hay comentarios: