24/10/18

O pago da débeda absorbe a metade da suba do orzamento da Xunta ao aumentar un 40%

"Os décimos orzamentos do Goberno de Alberto Núñez Feijóo manexarán en 2019 un total de 11.291,18 millóns de euros, un incremento de 817,5 millóns de euros dos que algo máis da metade, 453,8 millóns, corresponden á suba dos fondos destinados ao pagamento da débeda da Administración autonómica, que nesta década pasou de algo máis de 4.200 millóns de euros no ano 2009 a uns 11.500 millóns a mediados de 2018 -un dos menores incrementos entre as comunidades autónomas, segundo vén destacando a Xunta-. 

Segundo o proxecto orzamentario entregado este 19 de outubro polo Goberno galego ao Parlamento o incremento dos fondos destinados a pagar débeda case cuadriplica a segunda área do orzamento que máis sobe con relación ao 2018, a sanidade. Os recursos para afrontar endebedamento soben un 37,1% interanual e máis dun 300% con relación ao ano 2009. 

Os Orzamentos Xerais que agora comezan o seu percorrido parlamentario esgotan a capacidade de gasto non financeiro -a débeda é gasto financeiro- en virtude da normativa estatal, ata os 9.850 millóns. Sobre estas regras de xogo a área de xestión da Xunta que máis incrementa os seus recursos con relación ao ano anterior é a sanitaria, con 117,4 millóns máis, ata os 3.782,34. 

Séguea a educación, que suma 70,9 millóns con relación a este ano ata chegar aos 2.351,6 millóns de euros. Deste xeito, o orzamento sanitario da Xunta volve estar por segundo ano consecutivo por riba do que o PP atopou en 2009 cando regresou ao poder, mentres que os fondos para o ensino seguen lixeiramente por baixo.

Entre as áreas de xestión que tamén avanzan en diñeiro dispoñible con relación a 2018 destaca tamén a acción social, con 47 millóns máis, os fondos de I+D, que gañan case 29 millóns, a área de fomento empresarial, con 25 millóns máis que nos anteriores orzamentos, e a de fomento do emprego, á que o proxecto suma 16 millóns. As infraestruturas, pola súa banda, tamén experimentan un avante interanual de 16 millóns de euros.

 Os eidos de xestión da Xunta que ven diminuídos os seus recursos con relación a 2018 son actividades económicas, estatística, comercio, ordenación do territorio, actividades ambientais, a administración xeral e os fondos destinados á "Sociedade da Información", que no global da década gañaran case 60 millóns de euros.

En termos porcentuais o cremento dos fondos públicos galegos destinados a pagar a débeda pública son tamén os que máis medran tanto a respecto de hai un ano como con relación ás derradeiras contas públicas do Goberno de coalición de PSdeG e BNG. Alén da débeda as partidas de sociedade da información (+179%), xustiza (+51%), acción social (+35%) ou I+D (+28%) están xa claramente por riba daquel orzamento de hai unha década. Entre esas partidas que suban a que menos ascendeu dende aquela en termos porcentuais foi a sanidade.

Entre as partidas que aínda seguen por baixo dos fondos de 2009 a que está máis próxima ao equilibrio é a educación, que tras avanzar un 3,1% a respecto de 2018 queda un 2,2% por baixo de hai unha década. Entre as que seguen a dispoñer dun volume de recursos notablemente inferior ao de hai unha década destacan, no ámbito de xestión directa da Xunta, a ordenación do territorio (-69%), a normalización lingüística (-62%) e o comercio (-55%). 

Tamén seguen amplamente por baixo áreas como a cooperación internacional, a cultura, os deportes, a pesca ou as infraestruturas.

No que atinxe ao reparto de fondos entre consellerías desta volta non é posible realizar unha comparación de xeito mecánico, toda vez que a recente crise de Goberno supuxo a separación das competencias de Educación e Cultura en dúas áreas diferentes, así como traspasos dalgúns departamentos da Consellería de Infraestruturas á de Medio Ambiente. 

Partindo da imposibilidade de equiparar valores entre ambos anos, esta é a distribución dos Orzamentos Xerais de 2019 entre consellerías."                 (David Lombao, Praza Pública, 20/10/18)

No hay comentarios: