"Adiantárao o xornal científico GCiencia e o Instituto Español de Oceanografía vén de confirmalo.
Un equipo do Oceanográfico de Vigo vén de lograr, en colaboración con
outro de Tenerife, a reprodución do polbo en catividade. Ou, o que é o
mesmo, veñen de ratificar o "fito científico" que, agora si, abre as
portas á cría en piscifactoría do cefalópodo en plena alerta pola súa
escaseza mentres a demanda segue a medrar, co consecuente incremento dos
prezos.
O IEO explica que, tras "vinte anos de investigacións" sobre o cultivo do polbo común (octopus vulgaris),
agora foron capaces de achar "novas técnicas de cultivo e alimentación
consistentes no crecemento das larvas cunha metodoloxía máis rendible e
replicable" que todas as utilizadas ata o momento. Durante anos, a supervivencia dos exemplares era moi escasa, case nula.
"O polbo -explica a institución científica- ten un ciclo curto de vida, pero con potencial de crecemento" e isto "convérteo nunha especie idónea para o seu cultivo e desenvolvemento en catividade". No entanto, ata agora non era posible reproducilo. Así e todo, a enorme demanda a nivel global "provocou un incremento da súa pesca" e, ao tempo, "o incremento de estudos e investigacións" para crialo. "Este feito, xunto ao seu elevado prezo no mercado, fai que sexa un excelente candidato para a diversificación da acuicultura.
Ata acadar este fito o equipo científico centrouse en cada unha das fases do desenvolvemento do polbo: ovos, paralarvas, xuvenís e adultos. "Os ensaios realizados no IESO melloran os resultados obtidos ata agora no cultivo larvario e lograron obter xuvenís, cos cales iniciar a fase de engorde ata chegar a adultos. As fases futuras da investigación van ser desenvolvidas sobre a base dun contrato do IEO con Nueva Pescanova, "polo que esta empresa ten unha opción preferente de licenza da patente do IEO sobre estas investigacións".
Segundo o instituto, "ambas institucións teñen interese en pechar o ciclo en catividade a nivel comercial do polbo común. É por iso que equipos públicos e privados traballarán conxuntamente para tentaren que o polbo de acuilcultura poida ser unah realidade en, aproximadamente, media década." (Praza Pública, 08/11/18)
No hay comentarios:
Publicar un comentario