15/11/18

“A velutina afectará á sociedade de Lugo”

"Xesús Feás: “A velutina afectará á sociedade de Lugo”.

 O académico Xesús Feás é un investigador multidisciplinar, centrado no estudo da velutina e o seu impacto nas abellas. En 2017 foi seleccionado para coordinar a obtención dun biocida contra a vespa asiática, investigación que permitiu paralelamente sintetizar dúas feromonas e obter o veleno da especie

 Canda este labor, Feás aspira a concienciar dos efectos globais da vespa invasora e combater a desinformación, e con tal fin presentou unha proposta para os orzamentos participativos de Lugo. Este mércores tivo a ocasión de adiantar detalles desta iniciativa no salón de actos do Pazo de San Marcos.

Identificación da velutina


“Dóeme cando vexo imaxes en medios que non corresponden coa vespa velutina”. A pesar da enorme cantidade de información que xera a expansión da especie por Galicia, segue a haber confusión arredor das características distintivas. “Se das un aviso e non é unha vespa velutina, estás mobilizando recursos e persoas. O básico ten que ser a identificación, e aínda non a hai, non todo é velutina”. 


Inquirido por un retrato rápido, Feás comenta que “a velutina é de corpo negro e ten as patiñas amarelas, nas últimas porcións das patas”, en contraste coa vespa crabro ou europea, máis grande e totalmente marrón. A especie asiática “é máis oscura no abdome, cunha banda alaranxada”. O investigador opina que “tamén é responsabilidade dos científicos baixar á rúa” e transmitir as características básicas. “Non busco que a xente quede co ciclo de vida da velutina, pero si poder identificala e o que supoñen as especies invasoras”. 


“A información sobre a velutina ten que ser honesta”. A pesar do seu coñecemento, recoñece que “non me atrevería a dicirlle a alguén picado por unha velutina que facer, á parte de ir ao Centro de Saúde”, papel que reserva a médicos e alergólogos. Compara o seu caso co dos apicultores, que “son especialistas porque coidan abellas, non porque maten vespas”. “Os apicultores deben ser os ollos dos científicos, pero hai que graduar as gafas: é importante rexistrar e tomar datos, con datos podes ter unha conclusión”.

Erros a corrixir



Pensando nas zonas aínda por colonizar pola velutina, Feás pide dotalas de coñecemento previo para non repetir os errores de Francia, España, Portugal ou Inglaterra. “Cando pasa o primeiro ano, o primeiro ciclo biolóxico, hai que prepararse para o peor”.


Un dos métodos probados na provincia de Lugo, e con aparente éxito no Valadouro, é a captura de raíñas con trampeo selectivo. “Hai experiencias en Australia con outros véspidos invasores que amosan que, con respecto ao ano en que máis raíñas se capturaron, ao seguinte houbo unha explosión grandísima na poboación”. Á parte deste resultado contraproducente, o investigador do Campus Terra alerta contra os efectos colaterais. 


Sucede co biocida que están a investigar. “Non se trata de matala rapidamente, senón de que poida voar e levar o insecticida ao niño”. Para iso fixeron commprobacións sobre se a velutina detecta o compoñente, medindo a concentración que permite unhas horas de vida no insecto. “Buscamos un medio máis eficaz para acabar cun niño, que non se empreguen litros de insecticida que gotean no ambiente”. 


“Ten que ser unha loita intelixente”. Manipular o biocida pode comportar riscos. “Como limpas o traxe? Non é quitalo e deixalo”. Axentes ambientais, de protección civil e bombeiros deben retirar niños en distintas condicións, tanto en superficies arboradas como en zonas urbanas. Feás insiste en que deben contar con distintos medios para a retirada, e proteccións axeitadas. “Está por aparecer un traxe de protección cunha tea que sexa pouco pesada, transpirable e que protexa contra a picadura do insecto; non a hai”.


O académico traballou recentemente canda os Bombeiros de Santiago, experiencia que engade a colaboracións anteriores, coma un curso de capacitación para este corpo en Cantabria. “O que temos é un traxe inviable, abafas nel da calor. Os bombeiros non teñen un protocolo previo e posterior de actuación, moitos chegaban decatándose logo de que lle choraban os ollos e se sentían mal”. Esta situación é compartida polos bombeiros de Ourense, “que reclaman medidas de protección”.


Outro factor é a manipulación de biocidas. “Ten o seu risco. Despois de retirar o niño, como limpas o traxe? Non é quitalo e deixalo”. A realidade é que carecen de formación, eiva que podería atallarse a través dun “mando único”. “O que vaiamos a facer, o facemos porque o puxemos na mesa e tomamos esa decisión. Un protocolo e un director de orquestra”.

Pedagoxía



As especies invasoras son unha das causas principais da perda de biodiversidade, mais semella que o foco está sempre nas abellas. “A min preocúpame moito a apicultura, un piar fundamental para a biodiversidade e a nosa alimentación, proque se non hai polinización non hai froitos, non hai sementes, iso afecta aos campos”. 

Malia isto, matiza Feás que hai outras especies en risco. “Os apicultores dan a alarma porque cada parte ten o seu interese no asunto. Pero o resto de insectos que a velutina depreda, quen os coida?”. “As abellas sairán adiante, os apicultores as reproducen e coidan”. 


Xunto a este aspecto, cuestiona a actitude da sociedade fronte a velutina, a tentar erradicar a súa presenza cando xa forma parte do ecosistema. Por iso di estar en contra do trampeo masivo. “Temos datos: un estudo no País Vasco, trampeo do 1 de setembro ao 30 de novembro; de 54.303 insectos, só 55 eran velutinas”. Asegura que os científicos deben avaliar a efectividade de toda acción, polo que é a súa responsabilidade ter en conta os efectos colaterais.


Nese senso, di estar totalmente en contra do trampeo. “Agora ben, tampouco lle podes dicir ao sector apícola que non poña trampas; pero o que se faga, que sexa selectivo e baixo control”. A escolla está lonxe de ser sinxela, pois esixe atender ás condicións físicas, a substancia colocada na trampa, o deseño da mesma, e o lugar e o momento da colocación. “Valoro a dispoñibilidade da xente e a súa boa intención, pero non pode ser unha mensaxe para os escolares, aos cativos, para que fagan trampas”. 


A importancia desta mensaxe vai alén da velutina. “Non poden ser cazadores de insectos, teñen que ser protectores de insectos”. Así, pide a educadores e pais que “inciten a que fagan casas e hoteis para polinizadores, pequenas piñas e troncos para as abellas solitarias e outros insectos, inciten a plantar flores na contorna escolar”. Feás observa que a curiosidade dos rapaces pode colaborar a controlar as poboacións de velutina, pois “os nenos son todos ollos e teñen que poder saber identificar un niño de velutina, e deben ter un recoñecemento”. 


“En termos científicos e pedagóxicos, non se lle pode falar a un cativo de que hai insectos bos e malos. Non hai vida boa ou mala”. Esta concepción “simplona” debe ser substituída pola divulgación das características do insecto, “explicar a súa importancia, por que chegou a velutina e como, e como pode ser útil para axudar a ter un medio ambiente san”.

Impacto ambiental, social e económico 

 Toca prepararse. “O ano que vén en Lugo, polos ciclos de auga, a vexetación e a situación dos núcleos rurais… afectará á sociedade”. A velutina estará presente en actividades cotiás, no desbroce, no coidado de monumentos, no tráfico e na intendencia. E chegará a crebar os ecosistemas máis delicados. “Teño referencias de que chegou ás Illas Cíes, co seu fráxil equilibrio: flores, insectos, paxaros”.


“O paradigma das especies invasoras” afectará ao turismo e especialmente ao sector primario. Ademais de afectar ao traballo no campo, a velutina dana a froita e a uva, iniciando antes de tempo a fermentación. Feás cita casos do País Vasco nos que a vespa asiática ataca o peixe nos barcos, “peixe danado que non vai ter saída comercial”. 


E, por suposto, está a apicultura, afectada directa e indirectamente. “Teño constancia do risco que supón manexar insecticidas no ambiente do apiario. E das implicacións que pode ter na saúde das persoas e das abellas”. 

Os mesmos investigadores descoñecen se o uso de biocidas é efectivo.


Logo está a afectación psicolóxica nos apicultores, que desenvolven un vínculo coas abellas. “Cando morre unha colmea, a enterra coma se fora familia”. Entender o impacto global da velutina implicaría recursos nas áreas sociais para comprobar como empeorou a súa saúde dos criadores dende a aparición da especie invasora.


“A saúde das persoas non é só a ausencia de enfermidade. O sector apícola vén da barroa, dos pesticidas agrotóxicos que danan as abellas, dos transxénicos… e agora chega un novo depredador”. Feás explica que podemos ver reflictido nas abellas problemáticas que afectan ás xentes da provincia. “Son un espello de nós, con novas enfermidades, falta de recursos, despoboamento…”.


E de novo aparece a importancia da abella na biosfera. “O máis importante da apicultura non é o mel, é o servizo público de polinización. Sen abellas os ciclos naturais non se renovan, todo está en relación, os froitos polinizados por insectos duran máis tempo e son máis sabrosos”. 


“É unha actividade discreta pero fundamental para a agricultura e a gandería, a de Galicia non é unha apicultura intensiva, é respectuosa, multifuncional”. Claro que, onde hai un problema, pode aparecer unha oportunidade. “A velutina ten que servir para reformular o sector apícola e coidalo como se merece, mimalo”. Para Feás, os apicultores deben acadar novas cotas de calidade, para prescindir da alimentación artificial para as abellas e empregar as paraxes naturais. 


Tal avance comprendería novos aproveitamentos e produtos, coma o propoleo e o polen. “Coñecendo a flora apícola podes esmolgar meles monoflorais, que teñen un valor altísimo para o consumidor, igual non o de aquí, pero si para exportar”. Entende que “por descoñecemento” os apicultores mesturan variedades e eliminan o valor engadido. “É coma se xuntaras albariño con uva catalana”.        (Xesús Feás, Óscar Bernárdez, Lugo Xornal, 31/10/18)

"Coa axuda da Xunta en tres anos poderíamos comezar a controlar a expansión da velutina".

"A praga está descontrolada". Suso Asorey, voceiro de Asociación Galega de Apicultores e representante da Plataforma Stop Velutina, fala claro sobre a praga que dende hai anos se estende por Galicia e que prexudica moi directamente aos apicultores, pero tamén a labregos e a calquera persoa que realice traballos no exterior. E á sociedade no seu conxunto, dada a vital importancia das abellas, ás que as avespas atacan.

 "Os apicultores en ningún momento quedamos de brazos cruzados. Aprendemos bastantes cousas sobre a velutina e puxemos en marcha moitas ideas para conter a súa expansión, pero chegou un momento que xa non demos avanzado máis", sinala en conversa con Praza.


A pasada semana a Plataforma Stop Velutina presentou senllas solicitudes nas consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural en demanda dunha liña de financiamento específico para investigación de novos métodos para frear a expansión desta praga e de axudas directas ao sector apícola para facer fronte á protección das colmeas. Reclaman "a implicación real e efectiva" da Xunta "nesta problemática", asumindo "as competencias que lle corresponden". Piden, ademais, ser recibidos polos conselleiros Ángeles Vázquez e José González Vázquez. 


Hai meses investigadores e investigadoras das tres universidades galegas xunto coa Plataforma Stop Velutina decidiron abordar xuntos esta situación, creando un grupo estable de traballo. Chegaron á conclusión de que a pesar de que existen avances na investigación faltan recursos e financiamento para continuar cun traballo que chegue a plasmarse en métodos eficaces de control da praga.

Asorey sinala que "estamos traballando xuntos todos os colectivos afectados e os investigadores das tres universidades. Agora falta o outro pé, que é a Xunta, que é quen ten que poñer os medios. Se o Goberno galego tivese vontade e se unise ao grupo poderiamos avanzar moito: nun prazo de tres anos teriamos posibilidades de comezar a frear a expansión desta praga. Sen a súa axuda será imposible"

"Ante o avance da praga ano tras ano e a constatación de que a erradicación é practicamente imposible, a investigación é indispensable para mellorar os sistemas actuais de loita e atopar novas ferramentas máis eficaces e selectivas", explica, en referencia á mellora dos sistemas de loita biolóxica con feromonas, con bacterias ou fungos.


Nas solicitudes entregadas ante as dúas consellerías tamén se piden ferramentas que melloren a comunicación entre os diferentes axentes implicados e a xestión da información, comezando pola creación dunha Mesa Sectorial "para traballar unidos nesta loita todos os sectores afectados xunto co científico e a administración". A praga debería ser tratada de forma transversal implicando a todo o aparato administrativo a nivel autonómico, estatal e europeo", subliña a Plataforma




A Plataforma Stop Velutina demanda igualmente axudas para cubrir os gastos derivados de protexer as colmeas, como por exemplo coa instalación de trampas eléctricas. "Esta é unha das medidas que demostrou ata o momento resultados positivos, tal como sinalan estudios realizados dende a Universidade de Vigo e financiados pola propia Xunta de Galicia", di. 

"Pero o seu uso xeralizado require dunha grande inversión, gasto que está sendo asumido directamente por cada apicultor e apicultora de xeito individual", explica. "Hai que ter en conta que a apicultura non é só unha actividade gandeira produtiva, da que se benefician produtores e consumidores. As abellas son clave para o mantemento da biodiversidade a través da súa función polinizadora, polo tanto o seu coidado e protección non debe recaer exclusivamente nos apicultores e apicultoras", engade.

Lembran tamén "a necesidade de realizar campañas de divulgación social, dirixidas á cidadanía en xeral e tamén a colectivos específicos, como o caso do sector apícola, pola súa afectación directa co problema, ou o educativo, pola importancia de sensibilizar a poboación e conseguir a súa colaboración". Así mesmo, propoñen "establecer protocolos de actuación unificados, elaborados de forma consensuada entre administración, sectores e investigadores, dirixidos tanto á prevención como na retirada de niños".


“Os apicultores e os labregos e agora tamén os investigadores universitarios facemos o que podemos para conter a súa expansión, pero nós sós non damos feito”, alerta Asorey. “A Xunta, que é o noso goberno máis próximo, ten que colaborar”, di. “Non entendemos por que a Xunta non se está implicando suficientemente nesta loita”, conclúe.

Unha gran propagación en toda Galicia


"Todo o mundo está sorprendido pola gran propagación que está habendo en Galicia, superior á que se dá no resto da cornixa cantábrica", comenta Suso Asorey. A pasada primavera fora chuviosa, o que pareceu que ía diminuír a expansión da praga, pero ao final o tempo seco e cálido dos meses seguintes fixo que o número de exemplares de avespa asiática fose finalmente semellante ao do ano anterior. Ademais, continuou a súa estensión por todo o territorio galego, mesmo polas terras altas de Lugo e Ourense, ata onde non chegara ata agora. 

De feito, os datos ofrecidos por Medio Rural sobre o número de niños detectados en cada concello amosan que nun número moi importante de localidades da provincia da Coruña atopáronse máis de 100 niños no que levamos de ano, ao igual que nas Rías Baixas. Pero, ademais, o sur das provincias de Lugo e Ourense, que ata agora presentaban cifras moito menores, comezan a sumar cifras moi importantes."                   (Marcos Pérez. Praza Pública, 06/11/18)

No hay comentarios: