"A falta de persoal médico no PAC durante horas non é
nada anormal. O centro abrangue parroquias de Aranga ou Sobrado que se
atopan a unha media hora en coche, onde as asistencias domiciliarias son
habituais.
No caso de que o paciente teña que ser trasladado ao
hospital, o percorrido só de ida superaría a hora de duración. “Podemos chegar a botar entre tres e catro horas fóra”, explica Martínez.
O problema agrávase polo aumento da demanda nos
últimos tempos, derivada do incremento da actividade industrial nos
polígonos de Teixeiro e Curtis, e mesmo de peregrinos que fan o Camiño
no seu percorrido por Vilasantar e Sobrado. Ademais, e áinda que o
cárcere situado no municipio ten equipo sanitario propio, os médicos da
zona tamén asisten en ocasións a visitantes, empregados e nalgún caso
excepcional a internos.
No caso das ambulancias, son compartidas coa
prisión. Os profesionais sanitarios tamén destacan o aumento
de pacientes que acoden directamente ao PAC por non obter cita nos seus
centros de saúde. E velaí outro problema, derivado, paralelo ou
consecuencia doutros.
Os centros de saúde de Curtis e Teixeiro contan cun
equipo sanitario cada dun deles, formados por unha médica e unha
enfermeira. No primeiro hai uns 1.600 pacientes asignados e no segundo, 1.800, uns cupos “moito máis elevados do que se recomenda”.
Ao igual que ocorre no PAC, a avanzada idade de moitos dos usuarios
obriga os profesionais a desprazarse en moitas ocasións, provocando a
desatención do centro, a diminución da calidade da asistencia e
“intolerables demoras” á hora de outorgar citas na Atención Primaria.
As queixas da veciñanza son constantes e as dos
profesionais, tamén. “Nós non pedimos traballar menos nin pedimos máis
cartos, pedimos medios, reclamamos máis persoal para dar unha axeitada
atención sanitaria á cidadanía”, engade Francisco Martínez.
As demandas
dos traballadores son claras: o incremento nun equipo asistencial
(médica e enfermeira) que “alivie a situación de sobrecarga dos centros
de saúde de Teixeiro e Curtis, unha “axeitada cobertura” das ausencias
de persoal médico na súa Unidade de Atención Primaria por baixas,
permidos ou vacacións, así como o aumento dun equipo asistencial
completo (outra médica e outra enfermeira) no PAC de Curtis.
“É un problema exclusivo de recursos”, insiste
Martínez nunha demanda que coincide coa que nos últimos meses expresan
tantos colectivos sanitarios en Galicia. El foi o médico encargado de
ler o pasado domingo o manifesto que apoian os seus compañeiros no PAC e
nos centros de saúde da zona.
Alí, ademais de representantes políticos e
concelleiros da oposición en Galicia e nos concellos estaban tamén os
alcaldes de Sobrado, Vilasantar e Curtis, estes dous últimos do Partido
Popular.
Todos eles, tamén o de Aranga, manteñen xuntanzas e
interlocución directa cos profesionais sanitarios. “Sabemos que están
facendo xestións co Sergas e a propia Consellería e a xerencia da área
sanitaria da Coruña sabe de sobra cal é a nosa situación”, explica
Martínez. Pero as solucións non chegan." (Miguel Prado, Praza Pública, 29/01/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario