"Nos últimos días do ano a Asociación Galega de Medicina Familiar y Comunitaria (Agamfec)
puxo en marcha unha enquisa ánonima entre os médicos e médicas de
Atención Primaria da área de Vigo para pedirlles unha valoración sobre a
situación que se vive no sistema sanitario, así como propostas de
solución.
A pesar de ser datas complicadas (o traballo de campo
realizouse entre o 22 e o 30 de decembro), houbo 298 respostas, que a
entidade vén de publicar nun informe titulado Re-pensando Atención Primaria e un paso adiante. Onde estamos e que facemos para mellorar .
As respostas coinciden en sinalar o gran problema que supón a actual sobrecarga de traballo, piden
melloras en contratos e salarios para fidelizar e atraer os novos
profesionais que están a marchar a outros territorios, reclaman resolver
a problemática do acceso dos e das pacientes ao hospital e,
igualmente, mellores dotacións de materiais e equipos.
De igual xeito,
alértase da situación que se vive en moitas zonas urbanas de Galicia,
con centros de saúde absolutamente saturados. Así mesmo, a entidade fai
súas as reclamacións presentadas polo colectivo PACs en pé de Guerra.
O informe seleccionou, ademais, algunhas
respostas textuais dos e das médicos participantes que "reflicten
claramente a desesperación, esgotamento e enfado dos profesionais",
destaca a Agamfec. Así o persoal sanitario de Vigo pide
"resolver o problema das axendas.
É inviable ver 58 pacientes ao día. A
calidade asistencial en mínima". Ou denuncia que "o escaso tempo por
paciente nas consultas é un problema serio e que carrexa non só
sobrecarga de traballo senón que aumenta a probabilidade de cometer
erros".
Así mesmo, sublíñase que "se prima tanto a accesibilidade
e a lista de espera cero en primaria que chega un momento que dá igual
que vexamos 8 que 80". Ou destaca que "non somos a porta de entrada do
Sistema nin somos o corredor, somos a cociña ou o salón... é onde se
resolven máis do 90 % das consultas".
Solucións propostas
Entre as solución propostas, pídese aumentar prazas de residentes en Medicina de Familia, Enfermaría Comunitaria ou Pediatría, dedicar o 25% do orzamento en Sanidade de Galicia para Atención Primaria, a recuperación da Xerencia de Atención Primaria, aumentar o número de prazas de todas as categorías profesionais "con contratos e soldos dignos" e unha Oferta Pública de Emprego que cubra o 100% das prazas vacantes.
"É fundamental establecer un número máximo de consultas diarias, que permitan unha axenda segura e con garantías para o paciente e o facultativo. Por exemplo límite máximo de 35, incluídos domicilios e Urxencias", reclama unha das persoas entresvistadas.
Falta de medios e subordinación aos hospitais
Igualmente, sinálase con frecuencia a influencia do hospital na sobrecarga de Atención Primaria, destacando "a realización de actividades meramente burocráticas que inician os profesionais do hospital" e "o deseño de protocolos de derivación pensados polo hospital e para a súa propia xestión de fluxos, sen ter en conta a repercusión en atención primaria".
"Pasamos de ser médicos de atención primaria a ser médicos de procesos sen ingreso, perdendo o estatus propio para ser considerados subordinados á concepción hospitalaria do proceso asistencial. E, ao mesmo tempo, faise imposible o acceso a interconsulta con múltiples barreiras que dificultan o acceso á especializada e á petición de probas complementarias facendo tan difícil a petición que producen unha gran frustración", denuncia un dos profesionais consultados.
Finalmente, alértase da "precariedade de estruturas, tanto centros como o número de consultas ou a situación dos espazos". "A pesar dos grandes investimentos realizados, aínda hai puntos negros e moitos centros están envellecidos ou envellecendo", denuncia Agamfec, que alerta de que "a reposición de equipamento e funxibles é lento e, sobre todo, imprevisto" e sinala que "en ocasións, os profesionais utilizan recursos propios para compensar as carencias".
"No meu centro de saúde as padiolas son obsoletas, só hai un tensiómetro electrónico e un aparello de MAPA. O espirómetro é do ano da polka. A metade dos oftalmoscopios non funcionan e tardan semanas en arranxarse. Por non ter, non temos nin lavabo na sala de persoal, que debemos compartir cun escáner de man e a fotocopiadora", comparte neste senso un dos profesionais vigueses entrevistados." (Marcos Pérez Pena, Praza Pública, 09/01/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario