"Cinco mil votos determinaron que as mellores cancións do ano 2018 foron Que non mo neguen, das Tanxugueiras, e Efeito do Observador, dos Azeitonas. Así o recoñece o certame aRi[t]mar galiza e portugal, organizado pola Escola Oficial de Idiomas de Compostela.
As galegas Tanxugueiras parten da pandeireta e o baile tradicional
pero abren a súa proposta para “conectar oriente e occidente”. “Cun
empaste nas voces pouco común” e unha banda de directo formada por
músicos de longa traxectoria -procedentes de Berrogüetto, Uxía, Budiño ou Alvariza-, Tanxugueiras tenden pontes entre “a tradición ibérica e o maxín atlántico e os cheiros de ultramar”.
Pola banda portuguesa, Os Azeitonas facturan power pop. Impulsados nos seus inicios por Rui Veloso, levan publicados seis discos.
Tras Os Azeitonas e Tanxugueiras, as artistas máis votadas foron Guadi Galego e Mariza; Nao e António Zambujo.
“O certame voltou xerar moi boas expectativas e contou cunha alta
participación popular”, explica o director da Escola Oficial de Idiomas Gonzalo Constenla.
aRi[t]mar galiza e portugal continúa co apartado de poemas, que se votarán entre abril e o 20 de maio.
aRi[t]mar galiza e portugal é un “proxecto didáctico
cultural que ten por obxectivo divulgarmos a música e a poesía
galego-portuguesas actuais e achegar a cultura e a lingua dos dous
países”. Creado pola Escola Oficial de Idiomas, conta co patrocinio do Concello de Compostela, a Deputación da Coruña, a Xunta, o Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal e do Instituto Camões." (Sermos Galiza, 21/03/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario