"Santiago de Compostela acollerá catro exposicións e mesas redondas para reflexionar sobre o impacto do turismo, os riscos da turistificación e os cambios ocorridos nos últimos anos a raíz do auxe do Camiño co fin de "repensar" a cidade.
A primeira mostra, chamada 'A cidade, o Camiño e nós', inaugúrase este venres na Alameda compostelá.
Contará con 28 paneis que ofrecerán información, tras un "arduo"
traballo de campo (con máis de 2.000 entrevistas a visitantes e 900 a
'picheleiros'), sobre como ven os composteláns, como son vistos polos
visitantes da cidade, así como o modo no que os santiagueses perciben
aos turistas.
O alcalde de Santiago considera que este é un "ambicioso" proxecto baseado nunha investigación sobre prácticas culturais
que se completará con outro tres exposicións que chegarán a diferentes
barrios, unido a charlas con especialistas, veciños e comerciantes.
"NOVO RELATO" DE CIDADE VINCULADA Ao CAMIÑO
O profesor de filoloxía galega da USC Elías Torres lidera esta investigación e explica que a cidade viviu unha "reinvención" desde os anos 80 vinculada ao Camiño de Santiago,
o que provoca que "hai un novo relato" sobre a cidade. Deste xeito, pon
o foco sobre que o feito de asociar a Santiago a unha cidade histórica
marcada pola súa riqueza patrimonial e universidade centenaria queda
desprazado por esa emerxencia do Camiño e o fenómeno do turismo nos
últimos anos. Nesta liña, analízase na investigación como discursos
relativos a obras de Paulo Coelho, películas ou webs marcan a visita dos
turistas.
Aquí, Torres identifica que estas dinámicas
fixeron que haxa cambios nas últimas décadas na opinión dos composteláns
sobre os que consideran os seus espazos máis queridos e emblemáticos.
Indica que se no pasado a Catedral, a Praza do Obradoiro ou a Rúa do
Franco eran os espazos preferidos polos santiagueses, agora esa
realidade cambiou e elixen a parques e zonas verdes como as súas zonas
especiais.
De feito, reflexiona sobre como no casco antigo actualmente viven menos de 4.000 veciños
(o equivalente a un barrio como o de San Pedro), a pesar de que segue
existindo o pensamento entre os cidadáns e visitantes de que hai moitos
máis habitantes na zona histórica. A isto únese o cambio de enfoque de
moitos comercios de face ao Camiño. Precisamente, preguntado sobre os
riscos da turistificación, este profesor da USC considera que "Santiago
está nun momento de pensar o que quere facer", pois valora que os
"eventuais efectos negativos" do turismo "poden ser corrixidos"." (Galicia Confidencial, 02/05/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario