23/10/19

Só o 30% dos 10.017 habitantes de Ribadeo vive nas parroquias

"Ribadeo volveu superar a barreira dos 10.000 habitantes, segundo anunciou este luns o alcalde ribadense, o nacionalista Fernando Suárez Barcia. O municipio conta con 10.017 residentes, polos 9.930 rexistrados meses atrás. Caer desa cifra costoulle ao concello perder catro edís nas pasadas eleccións locais, de contar con 17 a facelo con 13

Segundo argumenta Suárez Barcia, o aumento da poboación débese “aos nacementos rexistrados, pero sobre todo á xente que se empadroa e elixe esta vila para vivir”, porque, considera, “ve que Ribadeo segue medrando e ten posibilidades, cada día máis”.

O alcalde ribadense matiza que a nivel económico, “aínda que é importante desde o punto de vista da participación nos tributos do Estado, realmente é moi pouquiña cousa porque a liña onde o Estado lle ten que dar máis aos concellos é cando se sobrepasan os 20.000 habitantes, na parte de arriba, ou os 5.000 habitantes na parte de abaixo. Polo tanto, que Ribadeo estea un pouquiño por arriba dos 10.000, economicamente pouco lle supón”, conclúe.

“DESERTIZACIÓN” DO RURAL

Suárez Barcia móstrase máis preocupado pola distribución dos habitantesO rexedor precisa que “o 70% da poboación reside na vila e o 30% nas parroquias“, polo que o Concello “seguirá a apostar polo rural para tentar minimizar a súa desertización“, sostén. 

O alcalde considera que se trata “dunha dinámica e unha tónica que lle pasa a Ribadeo, e entendo que lle pasa a todo o mundo civilizado, que a poboación tende a agruparse máis nos ámbitos urbanos e cada vez o proceso de desertización das parroquias é maior”. 

Suárez Barcia admite que é un fenómeno “máis atenuado en Ribadeo que noutros concellos próximos a nós e de menor entidade, pero é unha realidade. Isto nos indica que debemos seguir apostando polo rural e traballando para conseguir que, se cadra, non se logre compensar pero si polo menos ralentizar este ritmo de desaparición e de trasvase do campo á vila”.               (Xornal da Mariña, 14/10/19)

No hay comentarios: