24/10/19

A odisea de alugar un piso para ser independente, prezos imposibles e casas baleiras

"As sete grandes cidades aumentaron o ratio dos alugueres nos últimos anos. Os consumidores e asociacións vinculadas a eles, estiman que o aluguer turístico ten a culpa en grande parte. Os empresarios do aluguer turístico falan de nulas políticas de vivenda por parte das administracións. Mentres independizarse dos pais cada día é máis difícil.

 O aluger dun piso-estudo de corenta e cinco metros cadrados en Santiago estalle saíndo a Isabel por 700 euros ao mes. “O aluguer anda polos 550, mais a iso súmalle auga, luz e comunidade, así que os 1.200 que cobro non me dan e agora non teño gañas de compartir vivenda con ninguén”. Con case corenta anos, esta administrativa espera que lle confirmen se se vende ou non o edificio enteiro a unha empresa turística. “A ver, isto foi unha casa que dividiron en tres vivendas para alugar, agora o propietario recibiu unha oferta para vender todo e seguramente se converta nun hotel ou algo así”.

A situación da vivenda en aluguer en Santiago estase volvendo complicada desde hai un anos. Os prezos suben mentres que os salarios están conxelados. Os beneficios do aluguer vacacional ou turístico deixan rendas ás veces superiores ao que poden ingresar os arrendadores por un aluguer clásico. Así, as persoas que buscan unha vivenda para estar cerca do seu lugar de traballo, independizarse ou iniciar a vida en familia teñen que facer números a fin de mes ou buscar unha oportunidade más barata fóra da cidade, en concellos limítrofes. E aínda así non é unha garantía de prezo asequible.

CHAMADAS 


Encontramos un piso na rúa San Pedro en Santiago. O prezo é de 270, comunidade incluída, por un baixo reformado, cunha cama, unha mesiña de noite, cociña e baño completo. A primeira “barreira” é que para alugar debemos ter contrato laboral por un ano, non se admiten estudantes nin contratos temporais. Dicimos que somos autónomos. “Se podedes demostrar que tedes ingresos mensuais de maneira constante, poderedes falar co propietario”. Quen nos di isto é unha axencia de alugueres. Contactamos coa propietaria que nos di que xa está alugado.


“Agora mesmo en Santiago é complicadísimo alugar, ben polos estudantes ou polo aluguer a turistas” din desde outra inmobiliaria. “A ver, se hai estudantes que van vivir fóra de Santiago porque aquí xa é imposible pagar mesmo por un cuarto” di Iván, camareiro aínda que con estudos universitarios. Non obstante, se se navega máis pola rede damos con alugures que non chegan aos 100 euros por un cuarto. “Son oitenta e cinco máis 50 euros en gastos, que son butano, auga, Internet e comunidade” dinnos desde o outro lado do móbil. “Iso si, acabado o mes de xuño, temos que abandonar todo, os donos non repiten inquilinos”.

A cuestión é que a fluctuación de prezos experimentada nos últimos dous anos como apunta Miguel López, de UCGAL, non permite “en absoluto” o acceso a un aluguer asequible a unha familia que non busque ser propietaria do inmoble onde vive. Alugar “xa non é unha opción só para a xente nova que quere independizarse, tampouco o é para moitas familias que no momento actual ou hai tempo decidiron polo alugueiro como forma de vida” sinala López.


Cando remata un contrato de aluguer, as opcións poden ser “que esa vivenda sae de novo ao mercado ou hai un incremento de prezo inasumible para moitas familias”, isto significa que é “un problema que vai máis alá da poboación máis nova”. Os lugares onde é máis difícil alugar son as sete grandes cidades, como o propio López nos confirma. Obviamente os e as propietarias poden destinar a súa propiedade a vivenda turística porque a rendibilidade que lle poden tirar é moito maior.

VIVENDA TURÍSTICA CULPABLE?


Son as vivendas turísticas as culpables da escasa oferta para alugar a familias? “Non comparto esa opinión” di Dulcinea Aguín, da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (AVITURGA). “Ese é un argumento moi fácil para as persoas que durante os últimos anos non fixeron políticas de vivenda axeitada”. Como exemplo, Aguín pon Santiago “con 6.000 vivendas baleiras e ten 612  vivendas de aluguer turístico, entón estame dicindo que por culpa do aluguer desas 612 hai 6.000 baleiras? Non pode ser”.


Sobre a política de vivenda Aguín pregunta ademais “canta vivenda protexida ou de especial protección se fixo nos últimos vinte anos en Galicia? Fixéronse macro-desenvolvementos urbanísticos onde a Lei do Solo obrigaba a construír un 20% de vivenda de especial protección que ao final non se fixeron”. A conclusión de Aguín sobre este punto é que “non lle poden dicir aos propietarios a que deben dedicar as súas vivendas”


Ademais, as plataformas para alugar inmobles poden facilitarlle aos propietarios vantaxes como a xestión do arrendamento e entregarlles a parte correspondente dos pagamentos. Tamén están as que alugan edificios enteiros e ofrecen o mantemento e garanten unha seguridade no cobro das rendas, que sempre foi unha das preocupacións máis manifestadas polos propietarios. Por tanto a comodidade e a seguridade é outro factor a ter en conta para quen cambia o uso da súa vivenda alugada.


Dulcinea Aguín de Aviturga, apunta esa garantía de cobro como elemento disuasorio para aluguer anual e de mantemento. “Podes alugar a turistas todo o ano e esa vivenda estará intacta, non é o mesmo o deterioro dun aluguer anual”. Sobre o estado das vivendas turísticas en Galicia Aguín di que “son de moi boa calidade, e a nosa comunidade é un destino moi reclamado, mais os prezos son fixados pola lei de oferta e demanda, co que se pode dicir que cada ano pode aumentar o prezo de aluguer turístico polos investimentos que se fan nelas, así que non teñen que ver cos alugueiros de hai uns anos”.


As vivendas turísticas existen desde hai moito tempo, “mais antes estabamos regularizadas pola Lei de Arrendamentos Urbanos como aluguer vacacional, as comunidades autónomas recolleron despois as competencias e agora en Galicia temos unha normativa que entrou en vigor o 10 de xuño de 2017”.

VIVENDAS BALEIRAS


As últimas cifras sobre vivendas baleiras ou desocupadas en Galicia son do ano 2011. Durante os últimos anos o número de licenzas de construción foron moi poucas en comparación coas vendas dentro dosector da vivenda. “Os números poderían estar terxiversados, querendo ofrecer a idea de non hai tantas vivendas baleiras, porque moitas están en ruína ou non son suceptibles de ser habitadas polos seus donos” din desde a UCGAL. Ás veces os permisos necesarios para habitar un fogar non son outorgados por falta de licencias para primeira habitabilidade, ou non ter todas as condicións que permitan ocupar o espazo.


As cifras de vendas falan de máis de 120.000 vivendas vendidas desde 2011, segundo datos do Instituto Galego da Vivenda e Solo. A cuestión é saber se ditas vendas foron para uso de familias ou se quedaron baleiras, cambiaron de dono e poden seguir baleiras a día de hoxe. Un exemplo serían aqueles inmobles do Sareb, dos bancos que foran comprados directamente a estas entidades. Existe maneira de saber se están habitadas por familias ou están no mercado para outros usos? Por tanto, as vendas non estarían reflictindo unha ocupación “real” por parte de familias duns espazos que quedaron paralizados, unha consencuencia da “burbulla inmobiliaria”.


O mercado do aluguer está en horas baixas en canto número de espazos para arrendar. En cuestión de dous ou tres anos en lugares como Compostela “parece que desapareceu polo destino dos pisos para uso turístico regulados, inscritos nun rexistro pertinente sobre a súa actividade, este colectivo medrou de maneira importante”. Isto non quita que un número relativamente importante destes pisos estean realizando a súa actividade á marxe da lei."                      (Moncho Mariño, Galicia Confidencial, 18/10/19)

No hay comentarios: