"Son nai e enfermeira. Ata hai 17 meses era eventual do Sergas por riba
de todo e de todos cantos estaban na miña vida. Agora levo un ano en
suspensión de chamamentos para poder conciliar, porque un bebé de meses
non entende de que te chamen ás 2 para estar ás 3 e porque o meu deber
como nai supera o que lle debo ao Sergas".
"Fun nai sendo eventual dúas
veces e para iso só tiven que renunciar a traballar na miña primeira
maternidade, con cero euros ao mes e cero días cotizados, e aceptar un
contrato dun terzo de xornada a segunda, con 600 euros de salario e un
terzo da cotización".
Son tan só dous testemuños de enfermeiras eventuais do Sergas que
denuncian o problema engadido que supón ser nai para este colectivo,
composto por unhas 10.000 persoas en Galicia, case a súa totalidade
mulleres e moitas en idade de ser nais. Pero poucas o son.
"É
moita a xente que non dá o paso para quedar embarazada, eu mesma unha
delas", di outra traballadora pertencente a Eventuais en Loita, que
desde hai meses mantén mobilizadas unhas 7.000 profesionais que piden
melloras nas súas condicións de traballo e denuncian a precariedade de
boa parte do persoal enfermeiro do Sergas, máis dun terzo segundo os seus datos e os do Consello de Contas, malia que a Xunta redúceo a menos do 10%.
Os atrancos e trabas de todo tipo para a maternidade son un problema engadido máis á precariedade, acumulación de centos de contratos e redución no tempo de cotización malia os vínculos estables de anos que manteñen a maioría co Sergas. A eventualidade dificúltalles ser nais, a decisión de selo e os coidados que conleva.
"Obviamente,
a discriminación é absoluta por ser nós as que quedamos embarazadas",
di unha profesional. A situación é complexa. Poñamos por caso unha
enfermeira cun contrato co Sergas de dous meses de duración --moi
habitual-- que chega ás 20 semanas de embarazo ao pouco de asinalo. Nese
momento, se así o decide, pode solicitar unha baixa por risco por
embarazo, para o que debe pasar por un tribunal que decide se a acepta.
“Adoitan
tardar quince días ou máis en decidir, en moitos casos cando tes a
baixa xa non tes contrato e o paso polo tribunal é obrigado en cada
contrato que asinas”, explica unha afectada. Como o colectivo de
enfermeiras eventuais firma moreas ao longo do ano, son moitas as que deciden pasar a cobrar o paro directamente, “se é que o teñen”, ou optar por outra opción: a suspensión de chamamentos.
Esta
alternativa, unha das opcións que si dá o pacto de contratación, supón
poder optar por suspender eses habituais chamados do Sergas. Evitan así
as penalizacións no caso de seren solicitadas e non poderen atender o
contrato, pero teñen outras. “Bastante penalización é”. “Nin cobras, nin cotizas nin sumas puntos para as listas”,
explican enfermeiras, que advirten de moitas mulleres que, entre
embarazo e coidado, perden moitos meses de puntuación que provocan que
sexan superadas nas listas e que perdan moitas opcións nas oposicións.
A
situación, como explican, non supón “ningunha ilegalidade”, pero si
unha consecuencia máis da precariedade e eventualidade que sofren,
así como dos contratos curtos. “A solución son as contratacións
decentes”, explican desde Eventuais en Loita, que advirten de que, na
actualidade, na área da Coruña hai 2.200 enfermeiras en listas, unhas
450 con contratos de longa duración e ata 800 traballando todo o ano
pero enganchando contrato tras contrato. “Non é que esteamos cubrindo
vacacións ou postos de xente fixa, senón ocos estruturais que non teñen
unha persoa designada, un problema que non queren solucionar”, din
apuntando a Consellería de Sanidade.
O problema da conciliación
En canto teñen fillos, as miles de
enfermeiras nesta situación volven ter “importantes problemas ao
reincorporarse”. “Se todo isto é difícil levalo sen ter nenos, imaxina
téndoos”, advirten as enfermeiras ao lembrar que son avisadas con 24
horas de antelacións para asinar contratos e que moitas veces non saben a
onde terán que ir traballar ata pouco antes. A solución da maioría das nais é continuar coa suspensión de chamamentos, permitida ata que os fillos cumpren doce anos. “E de que vives?”, pregúntanse.
Nin
tan sequera poden pedir a redución de xornada na propia lista de
contratación, senón en canto conseguen o contrato. E teñen que esperar a
que se tramite esa solicitude, “que moitas veces é resolta cando ese
contrato xa rematou”. A outra opción para conciliar, incluírse nunhas
listas especiais para redución de xornada, pero “facendo a redución da
profesional que é titular da praza, que é quen che di, cun mes como
máximo de antelación, as horas que queres que traballes no sitio dela”. “Que soluciona iso a unha familia que quere conciliar?”, volven preguntar.
O
Sergas, segundo denuncia Eventuais en Loita, ve no novo contrato de
continuidade a solución, tamén a esta problemática. “Pero é o que lle
venden á sociedade, porque en realidade supón teimar nos mesmos
problemas, na escravitude e na imposibilidade de organizar a vida”. (Miguel Prado, Praza Pública, 15/11/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario