"En Galiza aínda se descoñece que nos campos de concentración nazis había republicanos galegos”. Afirmábao no verán de 2016 en conversa con Sermos Galiza Heladio Anxo Fernández, coordenador dunhas xornadas en Monterrei en homenaxe ao seu veciño Joaquín Balboa,
o preso número 3833 no campo nazi de Mauthausen (Austria).
Varios
centos de galegos e galegas pasaron polos campos de exterminio nazis.
Principalmente Mauthausen-Gusen, mais tamén houbo galegos e galegas
en Dachau (onde se facían experimentos cos prisioneiros)
ou Sanhsenhausen, onde foron asasinadas máis de 30.000 persoas.
O 27 de xaneiro conmemórase O Día internacional en memoria das vítimas do holocausto.
A data elexida é a da liberación de Auschwitz, o 27 de xaneiro de 1945
polo Exército Vermello. “A primeira patrulla rusa veu o campo no
mediodía do 27 de xaneiro de 1945...”. Así lembraba Primo Leví en ‘A
Tregua’ o inicio do que ía ser a liberación deste campo de exterminio
situado en Polonia e cuxo nome pasou resumir o horror do inferno
nacional-socialista.
A Pobra, Bueu, As Nogais, Baltar...
Mauthausen-Gusen foi o principal destino para os galegos que acababan
nos campos de concentración. En 1943 foi clasificado como de ‘categoría
III’, o que supuña moita maior severidade e castigos. No seu tempo tivo
a mortalidade máis alta de entre os campos do III Reich. En 1942 había
alí 14.000 presos, En 1945, en Mauthausen e subcampos, 84.000. Tamén
galegos. Os prisioneiros eran empregados como man de obra para traballar
en condicións escravistas na canteira de granito.
Segundo ‘Triángulo azul: los republicanos españoles en Mauthausen 1940-45’, nese campo morreron 102 galegos. Segundo o rexistro no Boletín Oficial do Estado publicado en agosto de 2019, 108.
A maior parte deles, segundo os arquivos, de cidades, vilas e aldeas da
provincia da Coruña (42 mortos): Ferrol, A Pobra do Caramiñal,
Fisterra, Malpica, Mugardos... Da provincia de Lugo, 21 mortos nese
campo (presos orixinarios de localidades como As Nogais ou Viveiro, por
exemplo). Outras 21, de Ourense (Baltar, A Veiga...). Un total de 18, da
provincia de Pontevedra, de vilas como Bueu, Carril, Vilagarcía ou
cidades como Vigo. A morte axexaba de todos os xeitos posíbeis aos
republicanos alí presos: rebentados polo duro traballo inhumano na
canteira, fusilados, afogados, colgados ou mallados a paus.
Os republicanos comezaron a chegar a ese campo de concentración en
1940. En abril de 1941, segundo as listaxes, rexístranse as primeiras
mortes de galegos. José Fidalgo (Castiñeiras-Ribeira) e Francisco
Varela (Vilagarcía). En febreiro de 1945, poucos meses antes da
liberación deste campo, falecía Arturo Gómez, de Pontevedra.
Dachau: o laboratorio dos experimentos con humanos
Mais non só en Mauthausen foron asasinados presos galegos. En Dachau,
perto de Munich e dirixido por T. Eicke, e onde se levaron centos de
experimentos con prisioneir@s; tense constancia de no mínimo 2 galegos
que perderon alí a vida: Santiago Durán (de Ribadavia) e Eliberto
Fernández Cid (Augasantas). Por Dachau pasaron 200.000 prisioneiros de
30 países. No campo de Sanhsenhausen (Brandenburgo) morreu o veciño de
Vilaboa Antonio S. Nogueira. En Sanhsenhausen –onde, entre outros,
estivo preso Largo Caballero, presidente do goberno na II República
española- foron asasinadas por volta de 30.000 persoas.
Perto de 9.000 republicanos, entre eles centos de galegos, foron deportados a Alemaña. Sobreviviron pouco máis de 2.000. " (X. M. P. , Nós, 27/01/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario