14/8/20

A burocracia asolaga o profesorado na volta ás aulas máis incerta pola COVID-19: "Necesitamos seguridade"

 "É moi grave perder aos nenos agora no principio do curso. O que necesitabamos era poder volver ás aulas con seguridade para poder manternos nelas, porque se non melloran as infraestruturas a educación a distancia é inxusta para os nenos e nenas". Noelia Blanco dirixe o IES Terra Chá en Castro Ribeiras de Lea e manexa demasiadas incertezas cara ao inicio do curso.

"Durante o confinamento non podía dar unha aula virtual, intenteino e resultou imposible. Duns cen alumnos tiña entre 20 e 25 cunha conexión boa para seguir a clase sen atrancos. E se nos mandan para casa agora pasaría o mesmo. O protocolo non garante a igualdade no acceso á educación no caso de rebrotes", incide Javier Gómez, profesor de secundaria nun instituto de Lugo e integrante de Profesorado en Pé.

 O IES Terra Chá é un instituto do rural onde "o grande sufrimento" durante o confinamento foi a mala cobertura de internet. "Houbo pais e nais que collían o coche no confinamento ata un sitio con sinal para enviar os exercicios dos seus fillos. Ninguén quere que o seu fillo se quede atrás", lembra Blanco, que como directora forma parte do "equipo Covid" do seu centro.

"Este papeleo do protocolo Covid estamos a facelo agora en agosto. Isto é improvisado. Non temos formación. E quen nos apoia? Pois ninguén, pero iso se podía prever. Podía estar todo máis axilizado antes, en lugar de pedirnos explicacións do que estabamos a facer durante o confinamento nese tempo podían ter preparado algo", explica.

Blanco lamenta que a Administración "non mellorou nada" coas instrucións para o vindeiro curso porque "non solucionan nada na práctica". "Necesitamos máis profesorado e non o hai", asegura. Neste punto coinciden os sindicatos presentes na mesa sectorial de Educación (CIG, ANPE, CCOO e UXT), que cualificaron o protocolo da Xunta como "inaceptable".

 aula e que se contrate unha cantidade inxente de profesorado", salienta Gómez desde a plataforma Profesorado en Pé, "non tomar medidas vai en contra da seguridade dos traballadores do ensino, do alumnado e das familias".

Para Javier Gómez resulta evidente que "se estamos a ver que reunións ao aire libre de rapaces son o principal foco dos abrochos manter as mesmas ratios nas aulas pechadas non é boa idea". "Non coñezo a nin un só docente que non me diga que imos caer todos", agrega.

Distancia nas aulas

As directrices a cumprir nas aulas recollen unha separación de mínimo un metro "do centro dunha cadeira ata o centro de outra", un dato que destacan desde Profesorado en Pé, pois a distancia mínima de seguridade é de 1,5 metros e nas aulas "non se vai chegar nin a un metro". Ademais, apunta Gómez, "o protocolo supón que o alumnado vai estar sentado mirando cara á fronte e falando en voz baixa en lugar de estar xirados para falar entre eles, boureando e tocándose, que é o que fan".

 Sería "moito máis fácil" se en lugar de 25 rapaces por cada aula houbese entre 10 e 15, como recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS). "Pero para iso necesitamos máis docentes e o espazo para poder desdobrar aulas", indica Gómez. Aínda que o punto que máis chama a atención do profesorado é o dos "grupos estables" que recolle o protocolo, aos que chaman "grupos burbulla", e nos que se entende que vai estar dividido o alumnado.

Porén, as instrucións da Xunta non achegan solucións para os centros que non poden diversificar os accesos e as saídas do alumnado, non se contempla como proceder co transporte escolar nin nos comedores; tampouco nos grupos de "madrugadores" que hai en moitos centros para a conciliación laboral das familias. "O protocolo é incongruente porque ou se moven os nenos, ou se moven os profesores, ou nos movemos ambos. Pero queda moi bonito no papel", manifesta Noelia Blanco.

"Estamos nun xogo entre a responsabilidade e a imposición, que non funciona só para os mozos e mozas aos que non se pode culpabilizar senón que funciona a todos os niveis da sociedade. Eles agora son os que están centrando a carraxe da crítica pública, pero pasa con máis persoas. Ata que punto podemos apelar á responsabilidade individual durante tantísimas horas de persoas que nin sequera son maiores de idade? Por iso desde Profesorado en Pé esiximos que os protocolos sexan máis concretos e máis reais e, en certa medida, tamén máis restritivos", reflexiona Javier Gómez."           (Ana G. Liste, Praza Pública, 12/08/20)

No hay comentarios: