29/3/21

A pesca artesanal da Costa da Morte secundou a folga contra a criminalización do sector por parte da UE... “non somos delincuentes”

 "Día histórico de folga no mar galego, este venres 26 de marzo. Poucas folgas globais se lembran na baixura galega, e practicamente todas as confrarías do país permaneceron pechadas. 

Na comarca só saíu traballar Corcubión, a única que non quixo sumarse ás mobilizacións en contra da criminalización do sector por parte da UE, coa aprobación da modificación da Regulación de Control da Pesca, pola cal todas as embarcacións terán que ter un sistema de xeolocalización, de videovixilancia e un diario electrónico de abordo.

Unha Regulación pensada para a gran flota industrial, sendo as pequenas embarcacións da pesca artesanal as que sofren as consecuencias das malas artes da altura. Esa é precisamente a problemática de fondo de todos os problemas dende hai unha década, que se exemplifica perfectamente coa implatación de cotas e TACs: a falta de diferenciación entre a pesca artesanal de baixura e a pesca industrial, que debería provocar a exclusión das pesca artesanal das cotas

”Non nos opoñemos ao control, de feito somos o sector máis controlado”, matizan os mariñeiros, “pero non somos delincuentes”, sinalan os mariñeiros, que mantiveron as lonxas pechadas.

 Moi contentos quedaron en Malpica, onde houbo un 100% de seguimento da folga e unha marea de barcos percorrendo a costa, contando mesmo co apoio dalgún cerqueiro, volanteiro ou palangreiro, que se uniron ás protestas da curmá pequena, a baixura.

En Fisterra tamén houbo un amplo seguemento da folga (algúns aproveitaron para facer as típicas labores de fin de semana), pero non houbo concentración nin saída ao mar. En todo caso, quedaron algo descontentos polos 4 barcos (dos 70 e pico de flota artesanal que hai no pósito) e os barcos grandes que si saíron ao mar. Uns barcos de altura que se ben xa teñen diario electrónico, tamén están afectados polas videocámaras.

En portos como o de Muxía, os mariñeiros deixaron os barcos amarrados e se concentraron ás portas da Confraría, acompañados por grandes pancartas.

Semellante foi a folga en Camelle, onde “todos arrimamos o hombreiro”, facendo unha concentración ás portas do pósito.

Noutros como o de Muros, onde tamén houbo un seguemento maioritario, os barcos saíron e fixeron algo de balbordo para compartir o seu cabreo coas administracións.

Fermosa estampa a vivida en Laxe, onde por exemplo, ademais de aproveitar para facer o seu chamamento ”Polo Futuro da Pesca”, lembrándolle á UE as súas erróneas políticas para salvar o sector, se viviu a unión da ría coa visita dos barcos de Corme. Xuntos fixeron soar as bocinas por toda a ría."               (Qué pasa na costa, Ubaldo Cerqueiro, 26/03/21)

No hay comentarios: