"Con case o 30% da poboación diana inmunizada e coa pauta completa (perto de 675.000 persoas), o proceso de vacinación contra a COVID continúa a toda vela en Galicia, onde xa se inocularon 1,86 millóns de doses. A protección contra o coronavirus continúa a través dunha campaña que encara unha semana de crecemento logo duns días de irregularidade e que, malia o seu evidente éxito, mantén as eivas lóxicas dunha poboación avellentada e moi diseminada.
A vacinación masiva en grandes recintos para as persoas menores de 80 anos provoca que sexan milleiros as que teñan que se desprazar moitos quilómetros en longas viaxes para recibir as súas doses da vacina. Ocórrelle á poboación da Costa da Morte á que lle corresponde acudir á Cidade da Cultura, en Santiago, á do Ortegal que ten que se desprazar a Ferrol, ou á de zonas do Salnés que teñen máis de hora e media de percorrido para seren vacinadas en Pontevedra. E a moitas máis, moitas delas de idade avanzada, sen coche de seu ou sen carné de conducir, obrigadas a dispoñer dun taxi ou dun transporte público inviable na maioría dos casos.
Ocorreu a comezos de abril, co inicio da vacinación masiva, coa veciñanza de Carnota convocada á Cidade de Cultura de Santiago, a 150 quilómetros, por pertencer á área sanitaria compostelá, malia a proximidade con Cee, onde o Sergas situou outro recinto para a inoculación. Mesmo o alcalde carnotán, José Manuel Saborido, advertira do elevado custo --100 euros en taxi-- para persoas sen coche ou sen posibilidade de conducir, un gasto que se dobra no caso de matrimonios ou familiares chamados en diferentes xornadas para recibir a dose.
Ocorre en moitas outras vilas, como no Ortegal, onde as queixas chegaron tamén de veciñanza que, por exemplo desde Cariño, ten arredor dunha hora de viaxe só de ida ata o recinto FIMO de Ferrol onde se leva a cabo a vacinación masiva. Coas deficiencias e escaseza no transporte público, o traslado fase inevitable en coche ou en taxi, cos mesmos atrancos que nos casos da Costa da Morte ou doutras comarcas.
"Hai
moita xente sen coche, que non conduce e que ten que tirar de
familiares, de taxis ou de favores", explican veciños da zona sobre unha
campaña de vacinación que cren exemplar en moitos aspectos, pero do que
denuncian atrancos, sobre todo, "para xente maior, soa e con problemas
de mobilidade".
Nalgúns Concellos, como o caso do de Ferrol, creouse o pasado mes de marzo un servizo de acompañamento ás persoas do municipio que o precisen para desprazarse ao hospital, o centro de saúde ou o FIMO. Fíxose coa colaboración de Protección Civil e a Oficina Muncipal de Voluntariado para aquelas persoas maiores, con mobilidade reducida ou algunha discapacidade que teñan algún atranco e xa realizou máis de 250 desprazamentos.
Ademais dos problemas lóxicos que provocan as distancias aos grandes centros de vacinación, outras queixas chegan tamén estes días dalgunhas persoas que permanecen sen vacinar ante a imposibilidade de desprazarse aos sitios sinalados.
É o que denuncia Margarita López, veciña do Grove, que hai tres semanas
tiña cita para irse vacinar a Pontevedra. Dous días antes --"e a través
dun contestador telefónico", quéixase-- explicou o seu caso chamando ao
número que o Sergas reserva para a vacinación contra a COVID.
"Teño 67 anos e sufro de escoliose, apenas saio da casa porque sufro mareos e vértigo e cústame camiñar; estou soa pero aínda así moita xente ofreceuse para me levar a Pontevedra, pero o problema é que non podo desprazarme pola miña doenza, non aturaría unha viaxe así nun coche", explica a Praza.gal, advertindo dun problema de saúde que se agravou "ao suspenderse pola pandemia a rehabilitación á que acudía".
Malia que desde o Sergas aseguráronlle que a súa incidencia sería comunicada á súa área sanitaria, que non tería problema e que sería vacinada no centro de saúde máis achegado ou mesmo na casa, outra chamada de volta, segundo di, negoulle esa posibilidade. "Dixéronme, de malas maneiras, que como non era unha persoa dependente, tería que acudir a onde me mandasen", quéixase.
Tras pedir cita ao seu médico de cabeceira, este incluíu o seu problema
na ficha do Sergas, especificando o agravamento da súa doenza e
agardando que puidese ser vacinada nun lugar máis achegado. "Sigo sen
recibir resposta e nin tan sequera sei se consto como que me neguei a
recibir a miña dose", explica quen se queixa que se trate a xente "como
un número e non como persoas". "Non entendo que a xente
dependente ou maior de 80 anos lle faciliten a vacinación pero non a
outras persoas que non podemos desprazarnos", di. "Que traballo custa?", pregúntase.
Consultada a Consellería, desde Sanidade advirten de que os protocolos son claros e que as persoas chamadas a vacinarse en grandes espazos están capacitadas para se desprazaren. "Entendemos os problemas das distancias e das viaxes, pero sempre hai a opción do transporte público", explican fontes do Sergas.
No entanto, e en canto a temas tan particulares como o do Grove, entenden que terá que ser persoal médico o que valore a necesidade ou non de que xente con problemas teña que ser vacinada na casa ou no seu centro de saúde, aínda que entenden que é o grao de dependencia o que marca esa posibilidade.
"En Galicia disponse dun procedemento a través do cal se vacina nos domicilios dos pacientes cando estes están inmobilizados. Así se leva procedendo desde o inicio desta campañade vacinación", aclaran desde a Consellería. " (Miguel Pardo, Praza Pública, 01/06/21)
No hay comentarios:
Publicar un comentario