"Comezamos cunha horta ecolóxica hai moitos anos. Tivemos un pequeno aproveitamento. Despois dun tempo, por circunstancias da vida, decidimos mudar a orientación do que era a idea orixinal, que era plantar sementes de cereal e despois elaborar pasta e cervexa artesanal. Cando comezamos co obradoiro decatámonos de todo o traballo que era.
Nós só somos dúas persoas, Marta e mais eu, e aínda non temos capacidade para contratar ninguén, polo que é imposíbel atender un cultivo e ao mesmo tempo fabricar o produto. Finalmente, apostamos polo segundo. Por que escollemos pasta e cervexa? Nós os dous xa nos dedicábamos a facer este tipo de cousas na casa de maneira particular. Como nos parecía un mundo bastante interesante, comezamos a pensar que podía ser un medio para vivir. Así foi como xurdiu Bubela.
-Fan os dous os mesmos traballos no obradoiro?
Adoitamos facer os dous un pouco de todo, aínda que é certo que eu levo máis a parte da cervexa, mentres que Marta se ocupa máis da parte da pasta.
Digamos que ela é a xefa dun obradoiro e eu son o xefe do outro, pero
iso non quita que os dous poidamos facer calquera tarefa nun momento
dado. Implicámonos en todo ambos os dous.
-Que características posúe o seu método de elaboración de cervexas e de pasta?
Intentamos empregar o cereal máis autóctono e máis próximo posíbel. Non é doado de atopar, porque nós traballamos de maneira ecolóxica, e ten que estar certificado. A base é ter unha boa fariña de cereal do país, o que nos permite traballar con nove liñas de pasta distintas hoxe en día. Cada unha deles require un amasado diferente; distintas proporcións de auga, fariña... Despois empregamos máquinas para darlle unha determinada forma á pasta. Tras iso, pasamos a pasta a un deshidratador para levar a cabo un secado lento a baixa temperatura durante seis horas aproximadamente.
O que pretendemos con isto é
preservar todas as propiedades da materia prima orixinal e que teña un
sabor o máis vivo posíbel. En canto á cervexa, temos o problema de que
non hai materia prima local, polo que adoitamos servirnos de cereal
ecolóxico procedente de Bélxica e de Francia. Empregamos cereal
malteado. É un proceso de elaboración bastante complexo. En canto ao lúpulo, obtémolo en Catalunya, aínda que a nosa idea é comezar a plantalo o ano que vén.
-Como distribúen os produtos que elaboran?
Traballamos sobre todo con tendas de proximidade e, na práctica, a gran maioría son de produtos ecolóxicos. Rexeitamos desde o primeiro momento as grandes superficies porque non nos entusiasmaba nada ese modelo. De feito tampouco consumimos nelas. É certo que temos unha produción pequena, pero temos posibilidade de vender toda a mercancía por estas canles. A nivel local, tamén vendemos nalgún bar e nalgún estabelecemento do estilo na zona de Lugo.
A cervexa
traballámola sobre todo na zona de Lugo, A Coruña, Santiago de
Compostela, Ourense... A zona de Vigo e Pontevedra témola un pouco máis
esquecida por cuestión de afastamento. Tamén vendemos en Madrid e
Barcelona. A pasta está moito máis distribuída por toda a península.
Ademais, temos unha páxina web por se a xente prefire comprar
directamente, e de vez en cando tamén acudimos a algunha feira.
-Que acollida está a ter Bubela?
Penso que boa, non nos podemos queixar. Nunca fomos detrás das tendas
para que comercializasen o noso produto. As que o fan é porque as donas
probaron o que facemos e gostaron. A xente que nos descobre queda
contenta e adoita repetir." (Xosé Barros, Nós, 25/08/21)
No hay comentarios:
Publicar un comentario