"A España baleira e o eixe mediterráneo son os grandes temas da axenda da política territorial hoxe en España.
Non cabe dúbida de que o fenómeno de fondo, que explica a aparición da candidatura de La España Vacía, despois do éxito de Teruel Existe, vén dado pola repentina conciencia de que Madrid é hoxe unha cidade global, unha métropole de servizos -o 84% da economía madrileña está centrada nese sector- rodeada por un baleiro de poboación.
O outro grande polo de actividade, por suposto, é o eixe mediterráneo, de Cataluña e Valencia a Andalucía -o de Alxeciras é hoxe o porto máis importante de España en volume de tráfico- cunha Y grega de Euskadi a Zaragoza.
Pero Galicia, polo momento, foi incapaz de converter o desenvolvemento do arco atlántico en política de Estado. Farían ben BNG e PSdeG en estudar e poñer o acento sobre este feito, do que dependen en boa medida as oportunidades de traballo das xeracións futuras.
Un exemplo: o sistema portuario español pechou 2020 con 515 millóns de toneladas movidas. Os cinco portos galegos moveron 28 millóns de toneladas. Ningún dos galegos está entre os dez máis importantes de España. Pero a súa posición estratéxica nas rutas mundiais fai que a marxe para o crecemento sexa enorme.
O problema de Feijóo reside en que, a efectos prácticos, é non só un xestor mediocre, senón, ademais, un líder de provincias: carece de visión, e de peso, para decidir grandes políticas de Estado beneficiosas para Galicia.
Para o PP Galicia é importante por dous motivos. Por unha banda, polo aporte de votos e deputados; por outra, porque Galicia é a única nacionalidade histórica, con idioma propio, que goberna. Sen Galicia sería practicamente, un partido da España central e do sur, da España monolingüe. Pódese gobernar España sobre esa base? Non é unha pregunta retórica.
Pero Feijóo non obtivo desa posición estratéxica ningunha capacidade de negociación favorable a Galicia nin tan sequera cando o PP gobernaba en Madrid. Só estivo atento a postularse como candidato in pectore da dereita española, sen atreverse a facelo cando chegou o momento.
Pódese, de feito, preguntar: alguén pode citar algún ámbito no que esa capacidade de negociación se fixera efectiva para desenvolver algunha iniciativa? No retorno da AP-9? Nun plan para Ferrol? Nunha industria eólica na que se contemplen os dereitos da comunidade e dos veciños?
Málaga estáse convertendo nun hub tecnolóxico. Non hai ningunha posibilidade de que algo semellante suceda aquí? Non hai talento entre nós? A colaboración entre a Universidade de Braga e as galegas no ámbito da nanotecnoloxía é un dos moitos polos tecnolóxicos a incentivar... Se hai ideas e proxecto.
Tan inexistente é esa capacidade que ata o chamado Corredor Atlántico ferroviario ía, no deseño orixinal, da fronteira francesa a Madrid e dende aí a Porto e Lisboa. Ata o Club Financiero vigués viuse obrigado no seu momento a dicir algo.
Só dende hai pouco comezouse a planificar, xa co ministro Ábalos, un ramal a Galicia por León, pero sen que os orzamentos acaben de concretarse, nin a conexión con Portugal dende Vigo. É unha planificación ferroviaria que nos retrotrae ao século XIX.
Pero o tren é o futuro, sexa para persoas ou para mercadorías. Para articular Galicia internamente ou para levar mercadorías a longa distancia. Os trens de cercanías deberían ser o principal medio de transporte de pasaxeiros dentro de Galicia e substituír, na medida do posible, o tráfico por estrada das mercadorías. Un dato: o aéreo é un medio de transporte altamente contaminante, nada menos que o triplo dun automóvil e vinte veces máis que un tren convencional.
A cuadrícula noroeste da península está en declive. Dende logo, Galicia non é Zamora ou León, e, como nesas provincias castelás, o nivel de vida mellorou nas últimas décadas -moito, se se quere- pero o peso do PIB de Galicia en relación ao total español decaeu nos últimos lustros e as perspectivas demográficas son aterradoras. Son datos obxectivos, indiscutibles.
Tal vez a continuidade humana e urbana dende A Coruña ata Lisboa poidera introducir outros matices e ofreza algunhas opcións. É urxente explorar as complementariedades e as especializacións respectivas para crear un círculo virtuoso. Vista dende o aire, a Península consiste en dúas costas con Madrid no medio rodeada pola España baleira. Pero a costa atlántica apenas si existe para a mentalidade dominante nos poderes do Estado, movidos por outros intereses.
Non cabe dúbida de que os servizos públicos en Galicia dependen dos criterios do financiamento autonómico en España pero o desenvolvemento da economía propia, se ben pode ser promovido polo sector público antes ou despois corresponde ao sector privado.
O goberno de Feijóo, oficinistas con manguitos, xestionou os primeiros con maior ou menor acerto -máis ben menor- pero pouco aportou nestas décadas para favorecer o segundo. De aí a perda de peso da actividade económica e a perda de poboación. O economista Albino Prada, usando datos de Eurostat, o INE e o IGE, entre outras fontes, concluíu en 2020 que, tomando como referencia unha ducia de indicadores, a situación económica de Galicia tiña empeorado, na década anterior, en dez deles.
O PIB por habitante pasou do 83 ao 75 tomando como referencia a media de UE=100, pero tamén baixou o peso do PIB e do emprego galegos en España. Nos últimos 25 anos, Galicia recibiu menos do 1% do investimento estranxeiro realizado en toda España, moi por debaixo do seu peso porcentual. Madrid, no entanto, incrementa a seu poder de atracción mediante o dumping fiscal. Sería moito peor sen Inditex ou Citröen, ou a pesca e os seus derivados.
En todo caso, a continuidade urbana, humana, económica e social de Galicia e Portugal é un feito evidente e innegable, máis dende a desaparición da fronteira e a integración na UE. En dez anos o AVE, por iniciativa portuguesa, unirá Vigo e Porto nunha hora e A Coruña e Lisboa en tres horas e media. Grande número de empresas galegas están radicadas en Portugal. Se Galicia non espabila quedará atrasada, mesmo en relación ao veciño portugués. O certo é que Portugal ten un deseño de futuro e Galicia non.
Así que as dúas tarefas fundamentais dun goberno galego consisten en negociar de modo apropiado o financiamento autonómico e promover o desenvolvemento do sector privado. Se se quere, xestionar ben e ter un modelo económico e social de país.
Como queira que un hipotético goberno alternativo ao do PP, ineficiente e sen ideas, dependería dunha coalición entre BNG e PSdeG-PSOE -pode que tamén do apoio de Unidas Podemos- está claro que a forma de evitar a colisión entre os posibles socios sería elaborar un documento programático que especificara moi concretas medidas e obxectivos.
Teño para min que a confianza dos cidadáns no goberno do PP ou no mesmo Feijóo é, en realidade, pequena. Máis pequena do que suxire a opinión publicada. En realidade, o grande hándicap para un goberno alternativo e a grande baza do actual presidente é a aínda maior desconfianza nas virtudes da oposición.
Elaborar un programa concreto e facer visible que dispoñen de persoal confiable para desempeñar a xestión nos diferentes niveis da administración son os dous grandes retos tanto de Ana Pontón como de Gonzalo Caballero, ou de quen substitúa a este último, dado que todo o mundo parece dalo por amortizado.
Todo iso, se poden. Hai unhas semanas Ignacio Camuñas foi noticia porque, á beira de Pablo Casado, atribuíulle á República a responsabilidade da Guerra Civil e negou que Franco dera un golpe de Estado. Iso foi motivo de escándalo, pero o que pasou máis desapercibido é que, acto seguido, Ignacio Camuñas instou a Casado a cambiar a Lei electoral para prohibir aos partidos nacionalistas por "traición a España" (sic). 176 deputados abondan, afirmou. Na súa opinión hai que desmontar o Estado Autonómico para volver a unha planta de Estado centralista.
Cada vez oénse máis voces así nunha dereita que ama a radicalización. Unha lei electoral á medida dos que votan ben, impediría, virtualmente que PSOE-UP gobernen. A dereita extrema dáselle moi ben prohibir a realidade. Din que son conservadores, pero non se ve ben que queren conservar. E pouco hai de calmado neles, máis ben unha desinhibición adolescente, chulesca no caso de Ayuso, moi da era dos trolls e das redes sociais.
A dereita está dinamitando os consensos cunha política de machado. A través da axitación e a propaganda busca impoñer unha visión de España autoritaria e centralista -os dous aspectos son caras da mesma moeda en España- allea a todo sentido de pacto ou transacción. A tal punto que a Transición hoxe non sería posible con esa actitude.
Pode que, de gobernar PP-Vox, consigan o obxectivo. Nada está
escrito. A pregunta é a que prezo, con que feridas, con que roturas e
con que pesares e desolacións. E se despois será posible recoser e
suturar. (...)" (Antón Baamonde , eldiario.es, 10/10/21)
No hay comentarios:
Publicar un comentario