18/2/24

Galicia (2008-2022): Crónica triste dun país minguante... Todo un balance non de un ano ou dous da xestión da Xunta de Galicia: nada menos que catorce anos... Sucede que a perda de peso na produción do conxunto de España é constante e sen parada entre 2008 e 2022 (só non o fixo nos anos da pandemia, pero seguiu entre 2022-2023). A perda de peso no emprego é igual de constante, pero aínda máis intensa e sen interrupción algunha. E, claro está, con eses vimbios a perda de cota na poboación española non ten parada... emprego e produción en caída libre (Albino Prada)

 " Os países non adoitan facerse máis pequenos nin máis grandes, pero si poden gañar peso ou perdelo en relación a outros países. No caso do Reino de España pode haber nacionalidades ou rexións que gañen peso no total (caso de Madrid que funciona como unha caste de aspiradora centrípeta) e outras que a cada paso teñan unha menor parte nese total. A causa é evidente: porque medran menos que o conxunto.

Hai cousas nas que medrar menos non é un bo síntoma, por caso: a produción, a poboación ou o emprego. E, daquela, perder peso é moi mala sinal. E hai outras nas que perder peso pode ser bo: por exemplo no número de parados. Pois ben, o Consello Económico e Social de Galicia na súa Memoria do ano 2022 (páxina 74) presenta o seguinte gráfico que, como imos ver, fala por si só.

 

 Todo un balance non de un ano ou dous da xestión da Xunta de Galicia: nada menos que catorce anos dende a crise financeiro-inmobiliaria do ano 2008 ata o 2022. Non me estraña que os redactores da Memoria non comenten nada deste gráfico para así non dar que falar, para non dar desgustos. Tampouco me estraña que ningún medio de comunicación teña recollido esta imaxe desa páxina. Ollos que non ven, … subvencións que van chegando. E vivan os botafumeiros.

 Sucede que a perda de peso na produción do conxunto de España é constante e sen parada entre 2008 e 2022 (só non o fixo nos anos da pandemia, pero seguiu entre 2022-2023). A perda de peso no emprego é igual de constante, pero aínda máis intensa e sen interrupción algunha. E, claro está, con eses vimbios a perda de cota na poboación española non ten parada. Nin se lle espera, porque a natalidade non é cousa de regalar bonos ou dar garderías senón de ter probabilidades de emprego crecentes, dignas e seguras. Cousa imposible cun emprego e produción en caída libre na súa cota galega no conxunto do Reino de España.

Vaia un dato demoledor; segundo o INE, en Galicia a poboación entre 16 e 34 anos pasou de 750.000 mozas e mozos en 2002 a 470.000 en 2023. Unha caída que vai camiño da metade en vinte anos, mentres no conxunto do Reino de España ese colectivo é case estable. Para saír correndo.

Neste panorama desalentador, só temos unha aparente boa nova: a cota de parados galegos no conxunto de España caeu con rotundidade neses catorce anos. Claro que os parados rexistrados poden moi ben baixar por desánimo ou longa duración e tamén porque os potenciais parados galegos xa non se rexistren por ter emigrado fora de Galicia. Dous motivos que de seguro se aceleran cando as probabilidades de emprego son decrecentes. Daquela o único “éxito” do gráfico só é aparente: un síntoma de que a produción, a ocupación e a poboación están en declive. Mal asunto.

Nada do que antecede impide que os xestores de todos estes anos da Xunta de Galicia se consideren con méritos máis que suficientes para seguir a facer o seu bo traballo. Ou mesmo acreditados para facelo así de “ben” en La Moncloa. Impresionante.

Claro que sendo preocupante o anterior, aínda o é máis comprobar que, segundo unha recente sondaxe feito e divulgado para El País (8 de xaneiro de 2023), os galegos non cualifican a situación económica e social do país de mala sen paliativos. Non chega, certo é, a boa … pero vena como regular.  E xa é para saír correndo que a avalíen como “igual” ou “mellor” que no conxunto de España unha maioría esmagadora.

Non queda outra que concluír, como se argumentaba neste dixital non hai moito, que os “botafumeiros mediáticos” semella que están a facer un moi bo traballo. Porque se a percepción social dunha realidade desastrosa é así de agradecida, os gobernantes galegos dos últimos anos sacarán a bo seguro peito, sen despeitearse. E así nos vai."        

( , Tempos Dixital, 15/01/24) 

No hay comentarios: