"Despois de varios século sendo un país de emigrantes, Galicia leva varias décadas convertido nun territorio que, sobre todo, acolle persoas chegadas doutros territorios. Coa única excepción dos anos 2013, 2014 e 2015, marcados pola crise económica da Gran Recesión, dende hai trinta anos o saldo migratorio de Galicia é positivo, é dicir, o noso país recibe máis emigrantes que persoas emigran (ou regresan) a outras comunidades autónomas e países fóra do Estado español.
O ano 2022, último con datos completos, marcou un novo record neste saldo positivo e na chegada de inmigrantes dende o exterior, pois preto de 40 mil persoas mudáronse a Galicia dende o estranxeiro e outras 20 mil dende o resto do Estado, cun saldo positivo de 27.251 persoas, moi por riba do anterior máximo histórico, o de 2007 (19.583).
As cidades e, en xeral, as áreas urbanas son as que rexistran un saldo migratorio máis positivo. Pero a realidade é que a maioría dos concellos galegos teñen máis inmigrantes que emigrantes, tendo en conta todos os cambios residenciais, sexa a outro país, sexa a outras localidades galegas.
En concreto, tan só 56 concellos presentaron no ano 2022 un saldo migratorio negativo, encabezados por Guitiriz (-56) e Dumbría (-32). Ademais de cinco localidades cun saldo neutro (mesmo número de saídas que de entradas), os restantes 252 tiveron máis inmigrantes que emigrantes, nunha listaxe encabezada pola Coruña (+4.193), Vigo (+2.911), Lugo (+1.461), Santiago (+1.198) e Ourense (+1.175). Despois aparecen Oleiros, Arteixo, Ferrol, Monforte, Sada, Ames, Narón, Marín e Pontevedra.
Cómpre ter en conta, iso si, que existen grandes diferenzas, concello a concello, entre as denominadas migracións exteriores (as que se dirixen ou proceden de fóra de Galicia, sexa o estranxeiro, sexa o resto do Estado) e as interiores (o saldo de cambios residencias con outos concellos galegos). Así, mentres o saldo migratorio exterior só é negativo en 12 concellos, o saldo migratorio interior presenta un panorama moito máis variado: negativo en 154 e positivo en 156.
O mapa deste saldo migratorio interior, que representa os intercambios e trasvases de poboación entre uns e outros concellos de Galicia, amosa varios fenómenos ben diferenciados. Por unha banda, unha transferencia de poboación, sobre todo nova, dende as zonas rurais ás zonas urbanas, con saldos migratorios moi negativos na montaña lucense, na Mariña Occidental e no Ortegal, na Costa da Morte, no Barbanza ou no centro da provincia de Ourense.
Pola outra, advírtese tamén un movemento de poboación dende as cidades aos concellos da súa contorna, localidades nas áreas metropolitanas da Coruña, Vigo, Pontevedra, Ferrol, Ourense ou Lugo que gañan poboación cunha oferta de vivenda máis barata. A única excepción é Santiago de Compostela, a única cidade galega que gaña habitantes con migracións (ou mudanzas, se se prefire o termo) dende outros concellos do país.
A capital galega é, de feito, o concello cun saldo máis positivo (+342), por diante dunha serie de localidades das contornas urbanas: Oleiros, Salvaterra do Miño, Sada, Arteixo, Teo, San Cibrao das Viñas, O Pereiro de Aguiar, Ares, Abegondo, Bergondo, Outeiro de Rei, Narón ou Miño. Pola contra, Ourense, Vigo, Ferrol e A Coruña son os catro concellos con saldos máis negativos, por diante de Culleredo, O Barco, Burela e Xinzo.
O factor de idade adquire unha grande importancia nos
fenómenos migratorios, pois hai zonas cun saldo positivo total, pero
negativo nas xeracións máis novas, o que acrecenta o envellemento e a perda de poboación en idade laboral activa e coa posibilidade de ter fillos e fillas. (...)
Non é así no conxunto de Galicia, que presenta un saldo migratorio moi positivo en todos os grupos de idade, dende o menores de 16 anos (+5.913) ou as mozas e mozos de 16 a 24 (+4.338) e de 25 a 34 (+4.814) ata as persoas de máis de 65 anos (+2.101).
No hay comentarios:
Publicar un comentario