De esquerda a dereita e de arriba a abaixo:Cipriana Crujeiras, Josefa Parada, María Fernández e Cipriana Oujo. As “heroínas de Sálvora” coas medallas que lles foran concedidas
"Un total de 213 persoas faleceron no mar da Illa de Sálvora na
madrugada do 2 de xaneiro de 1921. 53 foron rescatadas. O vapor Santa
Isabel, cunha pasaxe case ao completo formada por persoas que tiñan a
emigración como destino, rompía nas augas de Arousa nunha noite de
temporal. Poucas persoas quedaba na illa xa que a maior parte da
veciñanza continuaba en terra, onde foran conmemorar a casas familiares o
inicio do novo ano sen poder regresar pola perigosa situación do mar.
O Santa Isabel saíra no primeiro de ano da Coruña e Cádiz era o seu
destino para transbordar cara América. Vilagarcía e Vigo, portos dunha
traxectoria que non ía chegar ao seu fin xa que o inmenso temporal da
noite fixo encallar a embarcación a poucos metros do faro da illa de
Sálvora.
O impacto foi tan brutal que o barco quedou fora de
comunicación, imposibilitado mesmo para enviar unha mensaxe de socorro.
Poucos homes e mulleres estaban naquela noite en Sálvora mais iso non
impediu que tres dornas se botasen á mar, con oficio para dominar a
bravura das ondas.
Josefa Parada, Cipriana Oujo e María Fernández tripularon unha dorna
que fixo varias millas en catro viaxes co fin de rescatar aos poucos
superviventes que aquela noite salvaron a vida nun mar de cadáveres.
Tiñan entre 25 e 14 anos. A súa dorna encheuse de náufragos e tivo forza
mesmo para remolcar un bote salvavidas, dos poucos que non rebentaron
co impacto, cargado de superviventes.
Cóntase que máis dunha ducia de
vidas puideron salvarse grazas a súa valentía. Cipriana Crujeiras tivo
tamén un papel relevante no rescate das vítimas do naufraxio. Canda
elas, homes e mulleres de Sálvora e Ribeira arriscaron naquela noite as
súas vidas para tentar que a traxedia do Santa Isabel non se convertese
no episodio máis negro das súas augas.
A valentía das catro mulleres e da veciñanza de Sálvora débelle
Ribeira a condición de “Moi Nobre, Moi Leal e Moi Humanitaria Cidade”,
título que formou parte do ronsel de recoñecementos que por aquel entón
recibiron e que fai aínda inexplicábel que salvadoras da illa non conten
aínda co nome dunha rúa no concello, malia terse aprobado no pleno
municipal. Tampouco prosperou o proxecto de destinar unha das casas
arruinadas de Sálvora a casa-museo das heroínas da illa.
O Auditorio Municipal de Ribeira abre, 93 anos despois, unha
exposición que lembrará o naufraxio do vapor Santa Isabel e a memoria
das catro mulleres e as máis de cen persoas da veciñanza que colaboraron
no rescate.
Preparara pola directora do Museo Municipal de Ribeira,
Pilar Casas, a mostra recollerá obxectos, documentos, fotografías e
informacións sobre as homenaxes posteriores. Unha maqueta do barco e
unha recreación dun camarote serán outros dos elementos da exposición.
No artigo “Sálvora: Illa das mulleres salvadoras”,
publicado na Revista Ardentía da Federación Galega pola Cultura
Marítima e Fluvial, Luís Teira da Confradía da Dorna de Ribeira lembra a
historia do terríbel naufraxio que volve agora á memoria a través dunha
exposición. " (Sermos Galiza, 11/02/2014)
No hay comentarios:
Publicar un comentario