23/1/15

A economía galega está estancada

"A economía galega non só non crece, senón que decrece con respecto á española. Así o recollen as conclusións do Informe de Conxuntura Socioeconómica do Foro Económico de Galicia que certifica un estancamento da economía de Galicia no terceiro trimestre de 2014, cun crecemento 0 sobre o trimestre anterior, a pesar da variación anual positiva, do 0,4%.

Esta situación está provocada pola perda de potencia do comercio exterior, que fora o que tirara da economía nos trimestres anteriores e que foi substituído pola demanda interior. Por iso, estase incrementando o “diferencial negativo” con respecto ao Estado segundo apunta o coordinador do estudo, o economista e expresidente da Xunta Fernando González Laxe.

Desde o punto de vista da oferta, a explicación do estancamento do terceiro trimestre débese ao maior lastre do sector industrial, con taxas de variación negativas, do -3,1 % neste período, mentres que os servizos presentan síntomas de melloría, con incrementos en todo o exercicio, e do 1,9 % no terceiro trimestre.

Por iso, agora, Galicia está tirando de aforros e acude ao endebedamento, pola caída de prezos e "certa ilusión monetaria". Con todo, e segundo Fernández Laxe, o consumo "non tira da produción" e a demanda non xera emprego. Así, As taxas de variación de exportacións e importacións foron do 1,1 % e 1 %, respectivamente, fronte ao 11,6 % e 9 % do ano anterior.

En canto a índices industriais, Galicia foi a cuarta peor Comunidade no trimestre, só por encima de Canarias, Castela A Mancha e País Vasco. Pola súa banda, o sector primario rexistra, por primeira vez, taxas positivas e a construción mellora porcentualmente, de forma que diminúe menos do que estaba a facer.

“Galicia está a saír da crise pero baseándose en expectativas moi volátiles e estamos a eliminar o colchón dos fogares galegos, de maneira que do aforro xa non nos queda practicamente nada", appuntou o ex presidente galego.

O traslado destas circunstancias ao mundo laboral foi explicado por Patricio Sánchez, que dixo que este ámbito ofrece "luces e sombras". Entre as primeiras, sinalou o incremento da ocupación, do 0,5% segundo a EPA e do 1 % segundo a Seguridade Social, así como "o dato máis positivo", da evolución do paro, que se reduciu nun 8% respecto ao terceiro trimestre de 2013 e consolida unha tendencia decrecente iniciada no segundo trimestre de 2012.

Nova emigración

No entanto, dixo que estas luces hai que matizalas co dato da poboación activa, que se reduce nun 1%, especialmente na franxa de idade de 25 a 34 anos, un colectivo cunha porcentaxe alta de persoas con estudos superiores, que están a ser protagonistas dunha "nova emigración". (Galicia Confidencial, 19/01/2015)

No hay comentarios: