"A finais de maio de 2014 as familias do alumnado que acude ao
ensino público en Galicia atopáronse cunha nova sorpresa en forma de
recorte. As axudas parciais coas que a Xunta substituíra o modelo de préstamo universal restrinxían as súas condicións
nun ámbito nada menor. O cheque da Consellería de Educación, de entre
90 e 190 euros, deixaba de ser válido para sufragar os gastos de libros e
material escolar e pasaba a poder destinarse unicamente aos manuais.
Esa limitación segue vixente na orde ditada este ano, que atinxe ao curso 2015-2016. No entanto, e no medio da polémica pola implantación do denominado "fondo solidario" de libros de texto, o presidente da Xunta vén de anunciar que se dispón a aprobar axudas para material escolar un ano despois de eliminalas.
Este martes PSdeG e AGE trasladaron á sesión de control do Parlamento o
malestar existente no seo da comunidade escolar por mor do novo modelo,
que fai convivir as axudas parciais cun préstamo en dous cursos de
Primaria e noutros tantos da ESO.
O novo préstamo nace inzado de
incógnitas por, entre outros aspectos, ser paralelo aos bancos de libros
creados polas ANPAS e non garantir, a priori, que os libros chegarán a
todo o alumnado que os precise.
"Fágalle caso ás ANPAS e repoña o
sistema que herdou do bipartito", reclamou Yolanda Díaz. "Vai continuar
con este modelo discriminatorio?", preguntou o socialista José Luis
Méndez Romeu. (...)" (Praza Pública, 24/06/2015)
No hay comentarios:
Publicar un comentario