Poboación en risco de pobreza ou exclusión social nas sete cidades
"Para milleiros de familias galegas as apelacións á recuperación ou a saída da crise pertencen
aínda ao campo da retórica. Moi especialmente nas zonas urbanas, que
sufriron especialmente os golpes do desemprego. O IGE publicou o pasado
venres os datos desagregados da Enquisa estrutural a fogares, que permiten realizar unha análise panorámica da saúde económica e social das sete cidades do país.
As cifras, actualizadas ao 31 de decembro de 2013, amosan
un incremento continuado do número de persoas en risco de pobreza e
exclusión social, que en Ferrol acadan o 25,78% da poboación, superando
as cifras de Vigo (24%), Pontevedra (23%) e A Coruña (22,39%).
Nestas
catro urbes a poboación pobre, con carencias materiais severas ou que
vive en fogares sen ingresos incrementouse ao redor de tres puntos dende
o 2012. Ourense (20,4%) e Compostela (18,02%) presentan cifras moi
negativas, igualmente, e só Lugo (14,5%) ofrece un panorama algo máis
positivo.
A loita contra a pobreza e a desigualdade converteuse nun dos asuntos máis importantes na última campaña electoral nalgunhas cidades, e a maior parte das candidaturas que chegaron á alcaldía das urbes galegas fixeron da política social un dos núcleos centrais dos seus programas e da súa acción de goberno para os vindeiros catro anos.
De igual xeito, a propia Xunta de Galicia sorprendía a todos a pasada semana ao anunciar unha batería de medidas
destinadas a aliviar a difícil situación pola que atravesan moitas
persoas, unhas medidas que chegan despois de dous anos e medio de
lexislatura e que, á vista de todos os indicadores, parecían moi
necesarias xa en 2012 e 2013.
Outros indicadores, máis subxectivos, amosan igualmente o empeoramento
da situación nas sete cidades galegas. Preguntados os entrevistados polo
grao de dificultade para chegar a fin de mes, atopamos que en
Compostela o 65% declara ter "dificultades" ou "moitas dificultades"
económicas, unha porcentaxe que en Vigo é do 62% e en Pontevedra é do
58%.
Nas restantes urbes as proporcións son igualmente
elevadas: 50% en Lugo, 48% en Ferrol, 46% na Coruña ou 41% en Ourense. O
número de familias con problemas económicos creceu nos últimos dous
anos en Ferrol (do 42 ao 48 por cento), en Compostela (do 51 ao 65 por
cento) e en Pontevedra (do 54 ao 62 por cento), mantívose no mesmo nivel
en Lugo e Vigo e decendeu lixeiramente na Coruña e Ourense.
A media de ingresos por fogar acadou o seu máximo entre 2007 e 2009 e descendeu con forza nos últimos catro anos, situándose por debaixo dos datos de hai seis anos en todas as cidades.
A redución vai dende os 50 euros por mes e familia en Ourense, os 100
de Lugo, os 200 de Vigo, Pontevedra, A Coruña ou Ferrol, ata os case 350
euros de caída en Compostela.
Descende o ingreso medio, e increméntanse ademais as desigualdades, recaendo nas rendas máis baixas os maiores sufrimentos. A
porcentaxe de fogares que ingresan cada mes menos de mil euros rolda o
25 por cento en Ferrol (24,72%), A Coruña (24,87%) e Vigo (24,04%) e
sitúase ao redor do vinte por cento no resto: Lugo (22,3%), Pontevedra
(20,97%), Ourense (19,49%) e Compostela (18,42%).
Dende o 2009 a
súa porcentaxe incrementouse notablemente en case todas elas: en Ferrol
pasou do 15,24% ao 24,72%, na Coruña do 17,41% ao 24,87%, en Compostela
do 15,82% ao 18,42%, en Lugo do 15,31% ao 22,3%, en Pontevedra do
17,11% ao 20,97% e en Vigo do 16,97% ao 24,04%. Tan só en Ourense
baixaron dende un 24,41% ao 19,49%.
A enquisa estrutural a fogares elaborada polo IGE (con datos
actualizados a 31 de decembro de 2013) ofrece tamén datos sobre a maior
ou menos dependencia das familias das prestacións (sexa pensión de
xubilación ou doutros tipo, sexa seguro de desemprego, RISGA ou outras
axudas).
A enquisa indica que o número de familias cuxo sustento depende
destes pagamentos non deixa de crecer, e sitúase en niveis moi elevados
en todas as urbes, e moi especialmente en Ferrol.
Na cidade
departamental o 42,65% dos fogares non recibe outros ingresos que os
procedentes das prestacións, unha porcentaxe que se incrementou
notablemente nos últimos dous anos (era do 38% en 2012 e do 31% en 2011).
Tan só en Ourense a proporción de familias cuxos ingresos dependen
totalmente das prestacións supera o trinta por cento (31,5%), aínda que
en todas as urbes, sen excepción, estas porcentaxes se foron
incrementando ao longo da crise." (Marcos Pérez Pena , Praza Pública)
No hay comentarios:
Publicar un comentario