"Xosé Veiras analiza no blog Un Claro no Bosque
os resultados do informe La calidad del aire en el Estado español,
elaborado por Ecoloxistas en Acción, que revela un empeoramento da
calidade do aire.
A Coruña e Arteixo sofren os niveis máis preocupantes,
e tamén se sinala o impacto de industrias concretas, coma as centrais de carbón das Pontes e Meirama, a factoría de alúmina-aluminio de Alcoa en San Cibrao ou Cementos Cosmos (Sarria)
Canto máis sabemos da contaminación do aire, dos seus efectos e da súa
incidencia, máis razóns temos para nos preocupar. O informe La calidad del aire en el Estado español durante 2014,
elaborado por Ecoloxistas en Acción, conclúe que practicamente toda a
poboación galega estivo exposta a niveis de contaminación superiores
aos considerados aceptábeis pola Organización Mundial da Saúde (OMS) ao
longo de 2014.
Constátase así un aumento da poboación afectada pola
contaminación do aire en Galicia nos últimos anos, desde o 70% en 2012 até o 100% en 2014, pasando polo 90% en 2013.
A razón está na consideración dun novo contaminante, o benzo(a)pireno,
na avaliación que fai anualmente Ecoloxistas en Acción, baseada nos
datos oficiais, que seguen a ser manifestamente insuficientes.
A dispoñiblidade de maior número de medicións, particularmente dalgúns
contaminantes pouco avaliados, como as partículas finas (PM2,5), os
metais pesados ou o devandito benzo(a)pireno, confirmaría un diagnóstico
que choca coa crenza de que en Galicia hai moitos lugares onde é
posíbel respirarmos aire puro. Hai moito tempo que deixou de ser así.
Os
focos de contaminación propios e o transporte de contaminantes a longas
distancias, que fai que importemos (e exportemos) contaminación
atmosférica, ensucian o aire até tornalo prexudicial para a nosa saúde,
non segundo a normativa vixente, mais si de acordo coas recomendacións
da OMS, máis estritas.
Ben é certo que no conxunto de España a situación
é aínda peor, pois ademais de case toda a poboación respirar aire
contaminado de acordo cos estándares da OMS, un terzo respira un aire
tan sucio que mesmo incumpre os estándares legais vixentes hoxe nunha UE
cuxo compromiso coa mellora da calidade do aire deixa bastante que
desexar.
Ademais dos contaminantes máis habituais considerados en anos
anteriores, no informe deste ano Ecoloxistas en Acción incluiu o
canceríxeno benzo(a)pireno, indicador da contaminación por hidrocarburos
aromáticos policíclicos (HAP), presente nas partículas finas
procedentes dunha combustión incompleta.
As fontes principais
de HAP en Galicia son industrias como a da produción de aluminio e as
calefaccións, sendo tamén significativa a achega do transporte, das
queimas agrarias e dos incendios forestais.
Rexistros da concentración
no aire deste contaminante efectuados na Coruña e na contorna da
fábrica de alúmina-aluminio de Alcoa en San Cibrao superaron amplamente o
valor recomendado pola OMS, aínda que ficaron lonxe do obxectivo legal.
Coa incerteza propia da escasa cobertura das medicións dispoñíbeis, o
informe ecoloxista coida que o benzo(a)pireno afectaría ao conxunto da
poboación galega." (Praza Pública, 24/06/2015)
No hay comentarios:
Publicar un comentario