"O Concello de Lalín converteuse
nun dos símbolos do devalo do PP galego nas municipais do pasado 24 de
maio. Este municipio do centro de Galicia estivo historicamente
gobernado por amplas maiorías absolutas dos populares, consolidadas en
gran medida nos tempos do falecido Xosé Cuiña.
Pero o 24M o PP
lalinense do até entón alcalde, José Crespo, perdeu a maioría absoluta e
deixou aberta a porta da alcaldía para Rafael Cuiña, fillo de Xosé
Cuiña, que como líder local de Compromiso por Galicia (CxG) encabeza
agora un goberno apoiado polo PSdeG e un grupo independente que vén de retirar os fondos que o Concello tiña en Bankia para protestar polos desafiuzamentos.
Como en moitos outros concellos que cambiaron de cor política tras as
últimas eleccións, unha das primeiras medidas anunciadas por Cuiña tras
tomar o bastón de mando foi a súa intención de tentar evitar as
execucións hipotecarias neste concello, que conta con algo máis de
20.000 habitantes e manexa algo máis de 12 millóns de euros de
orzamento.
Nesta liña, o goberno local vén de confirmar que o rexedor
galeguista deu "instrucións para a retirada de case 600.000 euros da conta que o Concello ten en Bankia" como "sinal de protesta".
Con esta retirada de fondos, explica o alcalde, o goberno municipal "reproba a gran cantidade de desafiuzamentos que está a executar esta entidade financeira",
pero tamén protesta porque Bankia "arruinou a moitos empresarios".
"Trátase dun primeiro aviso", asegura Cuiña, quen advirte de que "ou os
bancos negocian a dación en pago e o alugueiro social, tal e como
reclamamos desde o goberno municipal, ou que non conten con cartos
públicos".
Así as cousas, o goberno de Lalín decidiu ingresar o diñeiro retirado de Bankia en entidades financeiras con presenza en Lalín.
"Bankia é unha entidade rescatada con diñeiro de todos e nin sequera
ten unha sucursal en Lalín", subliña Cuiña. "Non imos permitir que os
bancos pasen por encima dos veciños e veciñas", asegura." (David Lombao, Praza Pública, 06/07/2015)
No hay comentarios:
Publicar un comentario