24/7/15

Os lumes se apagan con brigadas de 2 ou 3 compoñentes, poñendo en perigo a seguridade de todos

"(...) a xunta “mente descaradamente” ao dicir que o operativo de loita contra os lumes está listo. “A realidade é outra”, aseguran ao suliñar que as brigadas dos concellos que constan no Pladiga aínda non están operativas, que se atrasou o inicio das brigadas de Seaga ata o 16 de xullo ou que continúan sen cubrir as baixas, xubilacións e postos vacantes do dispositivo propio da Xunta.

“As consecuencias de todo isto son que os lumes se apagan con brigadas de 2 ou 3 compoñentes, poñendo en perigo a seguridade de todos e facendo moi complicada a dirección de extinción por parte dos Axentes Forestais e Medioambientais”, apuntan todos os sindicatos da Administración galega nun comunicado conxunto. Denuncian que por culpa da mala xestión da Xunta de Galicia “haxa que lamentar” que o incendio rexistrado no concello Calvos de Randín queimara máis de 150 ha no Parque Natural do Xurés.

Así, denuncian que a ausencia de persoal para a condución de vehículos motobomba, fai que non estean todas dispoñibles. Asemade, critican que a Xunta tampouco preveu na contratación de avionetas de carga en terra, as motobombas necesarias para as súas bases aéreas e “agora hai que restalas do operativo de extinción de incendios”.

“Avionetas que, por certo, son moi vellas e deterioradas o que fai que se sufran accidentes constantes como foi o caso da avioneta de Doade, que afortunadamente foi na pista de aterraxe. De producirse nun incendio as consecuencias serían desastrosas”, engaden.

Ademais denuncian que non se realizou a prevención en inverno, e que os bulldozer están a limpar os cortalumes no lugar de estar en retén, co que isto fai que tarden máis de tres horas en chegar ós lumes. “Cando chegan, ós lumes teñen unhas dimensións xa importantes”, apuntan.

Por iso, lémbranlle á conselleira que os lumes se apagan con motobombas e brigadas, “non con cabalos”. Sen embargo, insisten, a falta de persoal provoca situacións nas que un só Axente deba cubrir, na súa garda, un territorio de ata vinte concellos.

Tamén insisten en que a época para realizar os desbroces de prevención é no inverno. “Non imos ser cómplices da improvisación, ordenando traballos de desbroce tanto as brigadas Municipais como de Seaga con temperaturas superiores ós 30 grados e co índice de perigo extremo”, conclúen." (Galicia Confidencial | Compostela | 21/07/2015)

No hay comentarios: