22/7/15

As ordes da Xunta ao alcalde ferrolán: “Tes que cortar o consumo de auga, mandamos unha mostra a Lugo, o resultado chegará o martes, se queres falamos o luns”... e mentras, Rajoy estivo nunha praia de Ferrol tomando algo cando aínda non sairamos da crise da auga

"(...) O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, recíbenos (...)

Primeiro, a actualidade sobre a calidade da auga. Os niveis de trihalometanos seguen en cifras aceptables para o consumo?

Todos os novos datos e analíticas que temos son moi positivos. Todos os concellos están moi por debaixo de 100.

Este luns reunícheste con representantes da Xunta. Como foi este encontro?

Si, efectivamente este luns tivemos unha nova xuntanza coa delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, e coa xefa territorial de Sanidade, Cristina Pérez. Non podo cualificar esta xuntanza máis que coma un lavado de cara, xa que durante toda esta crise non apareceu por Ferrol ningún representante do Goberno galego de máis rango que unha xefa territorial. 

E cando esta o fixo foi a requirimento dos alcaldes afectados, nunca por propia iniciativa nin para aplicar plan ningún. Pediuse que viñera a conselleira de Sanidade e nin se presentou ela á xuntanza nin ningún dos cargos da súa consellaría.

Como valoras en termos xerais a actuación do Goberno galego nesta crise?

O papel xogado pola Xunta nestes tres días foi negativo e tardío. E, ademais, lamentablemente, dedicáronse a disparar contra todas as administracións locais, tentando debilitar os gobernos e buscando maquillar a súa nefasta actuación. Agora pretenden facer un relatorio á súa medida, no que cualifican a súa actuación como impecable. É tamén lamentable que o presidente da Xunta estivese o domingo tomando algo nunha praia de Ferrol cando aínda non sairamos desta crise.

A Xunta utilizou esta crise para atacar concellos doutra cor política

Tentaron aproveitar politicamente esta crise para debilitar a alcaldía de Ferrol, personificada en min, un alcalde dunha candidatura de unidade popular. Tentaron utilizar politicamente un estado de emerxencia. Este foi un problema que excedeu as competencias municipais, foi un asunto de saúde pública, cuxa xestión compete á Xunta, pero o Goberno galego desentendeuse completamente. 

Temos a impresión de que se isto sucedera hai dous meses, co anterior goberno municipal, a Xunta tería proporcionado medios materiais e humanos suficientes, dos que os concellos non poden dispor nun prazo inmediato.

Dende o Goberno galego arguméntase que o Concello estaba ao tanto da situación dende o día 14, cando a Xunta envía os datos das analíticas por fax...

Aquí entrou un fax por rexistro ordinario o día 14, como quen pide un colector do lixo ou unha sinalización para unha beirarrúa, unha comunicación na que a Xunta, ante a suba de niveis de trihalometano, pide que se apliquen medidas correctoras, sen que ese documento advertira en ningún momento de perigos para a saúde nin recomendase restrinxir o consumo de auga. 

O día 15 o fax é entregado ao persoal de servizo. E 24 horas despois, sorprendentemente, chaman por teléfono obrigando aos cinco concellos a un corte de auga. Esa falta de previsión, a non comunicación previa do risco, fixo que nos vísemos desbordados e que non puidésemos tomar medidas preventivas máis axeitadas.

Tamén afirman que o alcalde de Ferrol é o responsable do sucedido, por ser o presidente de Emafesa. Como é habitualmente a comunicación entre a empresa e o Concello? Como o foi estes días?

O anterior alcalde deixou convocado un consello de administración de Emafesa para o día 29. Pero o día 29 aínda non se celebrara o pleno de organización, polo que formalmente eu aínda non era presidente de Emafesa. Tampouco o son a día de hoxe, porque iso require dunha xunta extraordinaria de accionistas. Isto non quere dicir que eu queira eludir responsabilidades, porque creo que o alcalde ten que ter estas responsabilidades. Pero ten que telas cando ten comunicación. 

Toda a parte técnica e de xestión de Emafesa é levada directamente por Urbaser. E debe ser Emafesa quen responda por que dende o primeiro momento, dende o día 6 de xullo que é cando hai o primeiro valor alto, non me chamou directamente para buscar solucións conxuntas a este problema. No próximo consello que celebremos vaise tratar este tema nun punto extraordinario.

 Esa comunicación debe ser mellorada, pois Emafesa mándanos as súas análises quincenalmente por rexistro. Pero, por suposto, se se produce unha circunstancia extraordinaria, a comunicación debe ser inmediata. Con todo, si quero dicir que polo visto estes días os técnicos de Emafesa superan en moito a eficiencia do traballo dos técnicos da Xunta.

Na actuación do Goberno galego, por exemplo nos seus erros de comunicación, atopas máis desleixo ou ves tamén dolo e intencionalidade política?

Cando o xoves recibín a primeira chamada da xefa territorial de Sanidade, díxome: “Tes que cortar o consumo de auga, mandamos unha mostra a Lugo, o resultado chegará o martes, se queres falamos o luns”. Maior mostra de desleixo que isto non a hai. Despois, claro, os acontecementos precipitáronse, houbo alarma social e comezaron a facer análises.

Pero mesmo entón seguiron facendo mal as cousas, porque as primeiras analíticas publicáronas só na súa web, sen nolo comunicar directamente. Cando publicaron a segunda analítica, convocaron os medios de comunicación e tivemos que ir alí persoalmente para coñecela.

 E este mesmo luns, cando tiveron un novo resultado, comprometéranse a comunicarmo directamente e unha vez máis non o fixeron dicindo, por segunda vez, que tiñan mal apuntado o meu número. Un disparate. Despois está o recorrente argumentario empregado en todo momento pola Xunta, aludindo a que a responsabilidade é do Concello e a que eu son o presidente de Emafesa. Semella unha caza de bruxas.

Tes a impresión de que a cidadanía de Ferrol ve o Concello como o culpable do sucedido? Nalgunhas declaracións eloxiaches o comportamento da poboación, e tamén dos traballadores municipais...

Creo que se lle conseguiu dar a volta á estratexia comunicativa da Xunta e a este intento de desprestixio. Quedaron retratados. Todo o que pasou serviu tamén para constatar que ante unha emerxencia coma esta hai profesionais e persoal voluntario moi cualificados na cidade que poden suplir as funcións que a Xunta non cumpre: bombeiros, policía local, protección civil, etc.

Que tería sido diferente se a xestión da auga fose municipal?

En primeiro lugar a comunicación tería sido inmediata e efectiva, teríamos toda a información directamente. Agora temos que pedirlle informes a Emafesa, estamos nas súas mans. Non digo que os seus informes non vaian ser veraces, pero darlle toda a parte técnica a unha empresa privada fai que esteamos a mercede deles. Cunha xestión pública o control da salubridade, cando menos, quedaría garantido.

A remunicipalización de servizo e, en concreto, a recuperación da xestión da auga para o Concello é un dos eixos do voso programa de Goberno. O sucedido estes días cambia o plan de traballo que tedes neste tema ou os tempos para facelo?

Isto varía moito a situación. Hai outros servizos, coma a recollida do lixo, no que a recuperación da xestión vai ser inmediata, porque a concesión remata agora. En canto á auga tiñamos outro proxecto, de ir paso a paso, pois está concesionada ata o ano 2030. Hai unha vía xudicial para poñer fin a concesión, pero estas compañías teñen grandes bufetes legais, recursos cos que nós non contamos, recorren ao Supremo, recorren a Estrasburgo... 

E hai outra vía, que é denunciar o contrato por incumprimento. E se temos que buscarlle un lado positivo a isto que pasou, é que permite abrir esta nova vía, porque se isto non é un incumprimento do contrato, non sei que pode selo.

Tedes xa definidos os detalles desa denuncia e os prazos nos que se podería realizar?

De momento, imos deixar que a Fiscalía actúe, e en función das súas conclusións e das responsabilidades que dirima, actuaremos.

Hai varias investigacións en curso, comezando pola da Fiscalía, pero tamén dende o Concello ides iniciar unha investigación sobre o sucedido? En que ides centrar as pesquisas?

O primeiro que queremos facer é acceder ao histórico das medicións. De momento, a información á que puidemos acceder dinos que os datos que achegaba Emafesa eran veraces, pero aínda nos falta moita información. Hai que investigar, así mesmo, unhas declaracións moi graves da voceira do Partido Popular nas que acusa a Emafesa de querer ocultar a información. E hai que ver tamén cal é a orixe desta contaminación, se hai algún defecto nas Forcadas

Tendo en conta de que o proceso de remunicipalización, siga a vía que se siga, non é inmediato, e require duns certos prazos, que medidas ides adoptar para mellorar o servizo de Emafesa e a comunicación co Concello?

O que sucedeu non pode volver ocorrer, e vaise tratar no próximo consello de administración. Pero dende xa un representante do Concello, o Concelleiro Delegado de Servizos, vai estar presente en todas as xuntanzas da empresa para que toda a información que lle chegue a Emafesa tamén lle chegue ao Concello."               (Marcos Pérez Pena

No hay comentarios: