28/1/16

"Esta lei converte a gran industria acuícola na raíña do mambo das rías galegas"

"- A Plataforma en defensa da Ría de Arousa (PDRA) foi das primeiras en ver 'as orellas ao lobo' e en mover ficha para pedir a retirada do ante-proxecto e presentar alegacións.

- Esta lei non é enmendábel, temos que ir todos xuntos para que se retire, e se queren facer unha nova, que sexa con diálogo e consenso cos sectores produtivos do noso mar, cos que non se contou para esta. Estamos perante un ante-proxecto feito de costas ao noso mar, á xente que o traballa, sen ter en conta a realidade socioprodutiva... 

É unha lei que tal e como está feita ningún adivinaría que é para Galiza, porque non se fai ningunha referencia nin se ten en conta a realidade do noso mar: económica, social e ambiental. 

Ademais, consideramos que é unha lei que na redacción xa reflicte os intereses directos da gran industria acuícola, marca unhas regras de xogo que a medio prazo implican a desaparición dos nosos sectores produtivos das Rías.

- Falades de que con esta Lei vén un cambio de modelo produtivo para as rías...

- Efectivamente, é unha aposta no 'modelo noruegués': acuicultura industrial, intensiva en capital, pouca man de obra e deterioro no medio mariño, todo focado nunha produtividade que non vai deixar riqueza aquí. E nós apostamos polo contrario, en tomar como base o modelo actual que hai nas nosas rías e melloralo. É dicir, por un modelo ambiental, social e economicamente sostíbel.

- Utilizaches en máis dunha ocasión a expresión de que a Xunta deixa mariñeiros, mariscadoras e bateeiros "aos pés dos cabalos"

- A Xunta, en vez de facer unha lei que garanta unha actividade acaída a Galiza, que protexa as e os traballadores do mar... vai e fai unha lei na que crea dereitos 'ad hoc' para facilitar o desembarco da acuicultura industrial. 

A Consellaría, porén, defende este anteproxecto como necesario para alicerzar unha actividade fundamental O que hai que apuntalar son os sectores produtivos reais que traballan no noso mar, darlles garantía de futuro, e non á economía industrial, que este ante-proxecto converte na 'Raíña do Mambo'. Se esta lei sae adiante non sería raro que nuns anos vexamos altos cargos políticos nos consellos de administración de grandes empresas acuícolas."                (Sermos Galiza)


"Feijóo bota o freo a Lei de Acuicultura perante a rebelión do sector do mar.

Feijóo bota o freo á polémica Lei de Acuicultura impulsada pola súa conselleira do Mar, Rosa Quintana.

O presidente anunciouno no Parlamento, onde dixo que farían “un alto” á espera de dialogar e consensuar o proxecto co sector do mar. Afirmación que recoñece implicitamente que non houbo tal (negociación, diálogo) co sector, algo que este denunciou por activa e pasiva nestes meses.

Feijóo fixo o anuncio en resposta a unha pregunta do portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, que lle pedira a retirada do ante-proxecto e que "deixen de vender Galiza por parcelas,agora até o mar"

A Xunta dá así marcha atrás a un ante-proxecto que provocara unha rebelión entre os diferentes sectores do mar e que chegou aa os concellos, mesmo naqueles gobernados polo PP e que apoiaron mocións pedindo a retirada de devandita lei.

Para o sector é unha lei para privatizar o mar galego en beneficio das multinacionais acuícolas. Confrarías, mariscadoras, frota de baixura e mexilloeiros criticaron con dureza o ante-proxecto da lei de acuicultura da Xunta, un borrador que procura, denuncian, desprazar os sectores produtivos tradicionais en beneficio das grandes corporacións da acuicultura industrial.
"Que non cre falsas expectativas"

Desde a Plataforma en defensa da Ría de Arousa (PDRA) sospeitan que Feijóo o que procura é "crear falsas expectativas, dividir o sector e calmar os ánimos".

Este colectivo, que encabezou a oposición do sector do mar a este ante-proxecto, lembra que a lei, "nunca foi demandada" e fíxose "de costas" ao sector. A PDRA pide á Xunta que se sente a falar e a resolver os problemas concretos."               (Sermos Galiza)

No hay comentarios: