4/1/16

Máis do 57% dos fogares chega con dificultade a fin de mes en Galicia

"Máis do 57% dos fogares galegos chega a fin de mes con "dificultade" ou "moita dificultade", segundo a Enquisa Conxuntural de Fogares que vén de publicar o Instituto Galego de Estatística (IGE) relativa ao último cuadrimestre de 2015. Son, en detalle, un 48,25% as familias que din chegar con dificultade e un 8,84% con moita dificultade, fronte ao un 42,9% que o fai con "facilidade ou moita facilidade".   (...)

A recuperación económica non dá chegado plenamente aos fogares, que tampouco teñen unhas perspectivas demasiado optimistas de cara ao futuro. De acordo coa enquisa do IGE, o indicador de confianza do consumidor reflicte agora un valor de -11,81 puntos, 3,12 puntos menos do referido ao trimestre anterior e máis de 5 menos que hai un ano. 

Nos últimos tres meses do ano pasado, diminuíron todos os indicadores parciais de perspectivas de evolución, o referido á situación financeira persoal (1,60 puntos); o de desemprego (3,28 puntos); o de situación económica en Galicia (3,63 puntos) e o de capacidade futura de aforro (3,99 puntos).  (...)

Por outra banda, o 23,48% dos fogares galegos non se permitiu “ningún extra” nos últimos tres meses. En concreto, segundo recolle esta enquisa, como “extra” considéranse os gastos destinados a vacacións ou viaxes, facer fronte a imprevistos ou grandes compras e extras de alimentación, roupa ou calzado. 

A porcentaxe é un punto inferior á de hai tres meses e máis de catro á de hai un ano, un dato que si amosa unha leve mellora na situación das familias de Galicia. 

Ademais, o 14,18% dos fogares galegos cambiou os seus hábitos de compra, adquirindo marcas brancas ou produtos de oferta. “Esta foi a medida económica máis habitual empregada polos fogares para reducir os gastos, aumentar os ingresos ou afrontar pagos no cuarto trimestre de 2015″, subliña a enquisa. Así mesmo, o 13,43% dos fogares galegos diminuíu gastos comúns como roupa ou calzado e transporte. 

Con todo, o 67,40% dos fogares galegos recoñecen ter pensado saír a cear, a cafetarías, ir ao cine ou ao teatro nos próximos tres meses. O 49,58% ten previsto facer algún extra en produtos de alimentación, o 35,80% aforrar “algo” en diñeiro e o 17,81% facer algunha compra extraordinaria en roupa ou calzado. Por outra banda, o 18,12% dos fogares galegos está a pagar a vivenda principal que compraron, o 7,81% o coche e o 1,98%, unha segunda vivenda."       (Praza Pública, 04/01/16)

No hay comentarios: