"Levamos máis de tres meses batallando por un reparto xusto para o
cerco”, lembra Andrés García, voceiro da Asociación de armadores do
cerco de Galiza (Acerga), en referencia ao tempo de amarre da frota e
campamento perante San Caetano.
“Levamos dous anos, desde que se impuxo o
novo Plan de Xestión”, afirma. Conversamos con el horas despois de que
Acerga decidise nunha axustada votación en asemblea volver faenar e
levantar o campamento
- Non foi unha decisión doada, supoño
- Non foi, non. Adoptouse porque hai que traballar, senón imnos ao
mar non hai ingresos e foron moitos meses de amarre. Hai que saber o que
pasa cada quen, os problemas que teñen: armadores empeñados, créditos
que hai que pagar... E, ademais, hai outra cuestión a ter moi en conta,
acabábase o dereito ao paro dos mariñeiros, e iso é toda unha
responsabilidade. Se non hai ingresos, non podes comer.
- Non foi cansazo, logo, o que pesou...
- Nós imos seguir adiante, pelexando polo que é xusto. Volvemos ao
mar mais non abandonamos a batalla. Agora haberá que traballar noutros
aspectos, involucrando aos partidos, esperando a ver se a chegada dun
novo goberno permite cambiar o actual plan de xestión, que é inxusto
- Decepcionoulles a actitude da Consellería do Mar e da Xunta?
- Totalmente. En ningún momento afrontou o problema. Intentou sempre
derivar a solución a Madrid, como se non fose con eles. Tiñan que tomar
exemplo do que aconteceu en Cantabria co cerco: alí estaban divididos,
con intereses enfrontados, e o goberno cántabro reuniunos a todos e
logrou atopar unha solución. Agora vaise xestionar a cota cántabra en
conxunto. Algo así podía terse feito en Galiza e aforrariamos moitos
problemas.
- Que lograron nestes meses de mobilizacións e reivindicacións constantes?
- Foron máis que uns meses, van ir dous anos, desde 2014 no que se
implantou o Plan de Xestión. Que conseguimos? Pois visualizar un
problema, que había unha inxustiza con gran parte da frota cerqueira
galega. Logramos que, finalmente, a propia Xunta tivese que recoñecer
ese problema e comezar a moverse, recoñecer que non pode ser que haxa un
reparto tan desigual, con barcos con menos de 1000 quilos de tope e
outros con ducias de miles.
- Mais iso non satisfai as súas demandas e peticións...
- Imos seguir loitando, desde logo. Imos recorrer xudicialmente e
imos seguir a presionar e a movernos até lograr que se anule o reparto.
Iso é o principal." (Sermos Galiza)
No hay comentarios:
Publicar un comentario